A tempada 2021/2022 foi a do regreso das competicións do balompé máis afeccionado logo da chegada da pandemia. Os formatos das ligas foron diferentes e máis complicados de entender. O sistema non premiou a regularidade global da campaña. Un dos prexudicados foi a SD Becerreá. O cadro da Montaña foi dos mellores equipos da provincia. Quedou ás portas do ascenso á Primeira e foi campión da Copa Deputación por primeira vez.
Antón Méndez foi o adestrador dunha tempada histórica. As ligas volven en setembro ao seu formato habitual e Antón seguirá comandando ao club. Paralelamente exerce como adestrador do CD Lugo. Os últimos cursos foino no Xuvenil A, desta volta será o segundo técnico do Polvorín dirixido por Roberto Trashorras na 2ª RFEF. Conversamos con el sobre o éxito e o que virá por diante.
Futbolinlugo: Como analizas o que fixo o equipo o curso anterior?
Antón Méndez: Só é mellorable cun partido gañado máis, o que nos supoñería o ascenso. Ou que o Antas non gañara os oito encontros que gañou, que tamén mereceu subir como así foi finalmente. A nivel de resultados e de sensacións a tempada foi inmellorable.


Nas dúas competicións que xogamos poñemos unha nota moi alta. Ademais, estamos moi contentos porque o 90% dos futbolistas eran xogadores de club. Nada que reprochar, ao final é fútbol.
Fil: Se a liga fose aos puntos o Becerreá ascendería…
AM: Por suposto, pero hai que aceptar a norma como era. Gañar a Copa foi o mal menor porque o esforzo do equipo fora moi grande e o pau de non subir, tamén. Quédome con que se repuxeron para competir ben no torneo copeiro e tivemos ese premio ao gran ano.

«Ten moito mérito o do Antas e sobe merecidamente»

Fil: No contexto de pandemia, o formato de competición pareceuche o axeitado?
AM: Evidentemente agora dígoche que non, pero antes tamén. Creo que debería ser por coeficiente porque non era tan complicado. Os puntos correlativos que se deron ao pasar á 2ª fase premiaba pouco a tempada regular. A nosa distancia cos rivais era grande pero acurtouse todo a unha fase de oito partidos. Non obstante, ten moito mérito o do Antas e sobe merecidamente co formato que había.
Fil: A volta a normalidade da competición é ben recibida…
AM: Preferimos a normalidade sempre. É máis xusto e recompensa o traballo durante un longo período de tempo.

«Moitos dos xogadores que tiven este ano medraron comigo»

Fil: Ti xa levas uns cantos anos no club, como se consegue reunir a esa alta porcentaxe de xogadores da casa?
AM: É un traballo moi longo, que comezou en primeiro lugar co traballo do presidente, José Antonio. Desvívese polo club e busca recursos, xogadores e todo o que poda mellorar o Becerreá. Cando eu cheguei apenas había equipos en dúas categorías.
Con traballo e intentando facer as cousas ben, conseguimos que a xente dos arredores viñese aquí. Pero é un esforzo tamén dos pais porque algúns nenos tardan 30 ou 40 minutos en vir adestrar. Veñen dende Navia, Pedrafita, Baralla, etc. Fixemos tamén captación co deporte escolar e conseguimos ter moitos nenos. Moitos dos xogadores que tiven este ano medraron comigo. É un orgullo que polo menos non deixaran o fútbol.
Fil: Xa non destacas tanto que sigan no Becerreá, se non que sigan xogando ao fútbol…
AM: Non quero personalizalo comigo, é en xeral. Detecto que aos nenos e a xuventude cada vez lles custa máis ter constancia para adestrar e para seguir xogando. É gratificante que lles siga gustando o balón.
Fil: Seguirás un ano no equipo, foi fácil a renovación?
AM: O Becerreá é a miña casa, o club co que comecei a adestrar. Estou a gusto e, se as outras actividades non mo impiden ou o presidente decide non contar comigo, seguirei máis tempo.
«O poder sumar puntos nestas categorías é un tema de grupo»

Fil: O listón desta tempada quedou alto, que obxectivos te marcas para a próxima?
AM: O primeiro obxectivo que me marco é que sigamos sendo un equipo. É o que nos vai dar seguir competindo ben. O poder sumar puntos nestas categorías para min é un tema de grupo. A partir de ser un equipo, a xente está implicada. Temos xogadores talentosos e intentaremos subir sabendo da dificultade.
Fil: Como compaxinas as túas funcións nun club con estrutura profesional como é o CD Lugo as que tes no Becerreá?
AM: A min non me custou. O que me sorprende é estar nun club profesional como o CD Lugo e adaptarme a iso, non ao outro. Veño do Becerreá, son dúas dimensións totalmente diferentes. Os recursos e o material humano non teñen nada que ver. Desde a maior da humildade veño e aí sigo. Teño a sorte de tocar tamén ese fútbol profesional.
Fil: O trato cos xogadores tamén é distinto?
AM: Distinto porque no ámbito profesional hai unha esixencia alta. No outro é unha perspectiva máis social, non tanto de rendemento (que tamén) pero algo máis de club.
Fil: Esa esixencia pode ter algo que ver no que falabamos antes de que moitos xogadores deixen o fútbol a idades temperás?
AM: A esixencia ten que ir en relación ás capacidades de cada xogador e a contorna que o rodea. Se estás nun club profesional, están os mellores e se hai algún que non dá un rendemento seguramente se trae outro xogador.
No outro prisma é algo diferente, que non exclúe que teñas que ser esixente. Para min hai que ser esixente con todos os xogadores independentemente do ámbito. Pero non é o mesmo nun lado que no outro.
«Sen José Antonio non existiría o club como tal»

Fil: Salientabas antes do papel de José Antonio, que é el para a SD Becerreá?
AM: Sen José Antonio non existiría o club como tal. É incrible como unha persona aglutina a capacidade de sacar nunha vila como Becerreá un club coñecido en toda a provincia. Na maior medida é froito da súa parte.