#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Corgo B e Becerreá B debutan con bo resultado

Comezou a competición na Terceira Futgal, aínda que só no grupo sur e chega o primeiro Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia. A primeira xornada déixanos o debut de dous filiais. O Corgo B venceu no campo do Taboada B, mentres que o Becerreá B foi quen de remontar dous goles e igualou fronte ao Río Sil. Os dous conxuntos descendidos, Sober e Páramo, venceron como locais.

Grupo sur

O Corgo B debuta ao grande e vence ao Taboada B a domicilio (1-3)

O conxunto local non estivo atinado, sobre todo no primeiro tempo, e acusou as numerosas baixas coas que acudiu ao partido. O Corgo B, que xogou o primeiro partido da súa historia, levou a iniciativa no primeiro tempo e adiantouse no marcador cun gol de Xoel. Os de Pablo Bargados estiveron máis atinados en case todas as facetas do xogo. No segundo tempo, o Taboada B mellorou, pero cometeu erros que lle serviron aos visitantes para sentenciar o choque por medio de Manuel e Ethan. No tramo final, Anxo recurtou diferencias desde o punto de penalti.

O Sober ensina as súas armas diante do Casás (3-1)

O cadro soberino retornou á Terceira Futgal e amosou desde o primeiro partido que será un firme candidato ao ascenso. Liderado por un Martín que mantén intacto o seu olfato de gol, os de Armental amosáronse superiores a un Casás feble na faceta defensiva. Os locais chegaron en numerosas ocasións á área rival e contaron con boas opcións de gol. O recén chegado Nathan e Martín puxeron en clara vantaxe ao Sober. Os visitantes non baixaron os brazos e Truku recurtou diferencias antes do descanso. Tras o intermedio, os de Andrés Rodríguez saíron mellor e, a través do balón parado, inquedaron ao Sober. O empate non chegou o foron os locais quen sentenciaron cun novo tanto de Martín no medio dunha abafante calor.

A vitoria do Páramo diante do Carballedo refrenda a súa condición de favorito (3-1)

Outro dos chamados a ocupar os postos de priviliexio é o Páramo. O conxunto adestrado por Castro non errou no primeiro encontro da tempada fronte dun Carballedo que prantexou batalla. No primeiro tempo ámbolos conxuntos foron quen de chegar á área rival, pero os locais amosáronse superiores. Julito e Juan puxeron en clara vantaxe ao Páramo antes do descanso. No segunto tempo os de Castro deron un baixón físico e mental que foi aproveitado polo Carballedo. Os visitantes foron quen de xogar en campo contrario e David Guerra, no seu papel de adestrador-xogador, recurtou diferencias. As oportunidades para o empate chegaron, pero cun Carballedo volcado, o Páramo sentenciou nos últimos intres por medio de Gonza.

O Becerreá B debuta cun empate fronte ao Río Sil (2-2)

Non saiu ben ao campo o Becerreá B e os primeiros vinte minutos resultaron de dominio visitante. Dasi e Claudiu, cun auténtico golazo, puxeron en clara vantaxe ao Río Sil. No segundo tempo os locais reaccionaron. Os trocos realizados por Miguel deron os seus froitos e en pouco máis de cinco minutos chegou a remontada local. Ignacio, de cabeza, e Keyner de penalti, igualaron a contenda. Nos último terzo de encontro o gol puido caer para calquer lado. O Río Sil xogou directo sobre os seus puntas e os locais buscaron o tanto á contra, pero o marcador non se moveu.

Quiroga e Comercial asinan táboas nun encontro de alternativas (2-2)

Igualada nun encontro no que a Comercial saiu mellor ao campo e adiantouse cun tanto de Nete aos oito minutos de xogo. Tiveron os visitantes maís ocasións que non foron quen de materializar, ata que Manoliño fixo o empate rozando a media hora de xogo. Os locais melloraron co paso dos minutos e Ariel, pouco antes do descanso, deulle a volta ao marcador. O descanso non lle sentou ben ao Quiroga, que volveu a encaixar pouco despois do comezo do segundo tempo. Torito estableceu o definitivo empate, non sen que se viran ocasións para ámbolos conxuntos no tramo final, sen que o marcador sufrira ningún cambio.

Corgo B e Becerreá B debutan con bo resultado

O Río Ouro devolve o fútbol sénior