O PM Friol volveu vivir a súa dura realidade e segue sen puntuar nesta Segunda RFEF. As rapazas de Covi botaron por terra as súas opcións de estrear o seu casilleiro nun desastroso remate, no que encaixou catro goles nos últimos vinte minutos de encontro.
O Real Madrid B adiantouse a dez minutos do descanso. O cadro lucense reaccionou nada máis comezar a segunda metade, cun tempraneiro gol de Ali Martínez. Porén, o PM Friol sufriu un dolorosísimo revés nos derradeiros compases; onde rematou goleado. Bea Vélez asinou un hat trick para as capitalinas.
Final feliz para o cD lugo, triste para o antas
O CD Lugo asinou os tres puntos sobre a bucina nun encontro con varias fases. Os primeiros minutos foron de tanteo para pasar ao dominio dun CD Lugo, que marcou neses minutos. No tramo final da primeira metade, o Victoria FC B adueñouse do partido e conseguiu de novo a igualada.
Tralo paso pola zona de vestiarios, o cadro albivermello asumiu o monopolio da posesión carecendo de puntería cara o gol. Porén, nas postrimerías do encontro chegou o golpe de fortuna necesario: gol de falta de Berta e vitoria das que tan ben saben para as de Joaquín Blanco.



Pola súa parte, o Antas segue coqueteando co seu primeiro triunfo. Ás do Castro Seoane sobráronlle os últimos vinte minutos, nos que chegou o triunfo do Narón.
As lucenses aguantaron moi ben na primeira metade a pesares do 0-1 ao descanso, nunha boa xogada por banda visitante. No comezo da reanudación, o Antas mostrouse moi superior e empatou o choque cun tanto de Elisa. No entanto, a falta de cambios e de tono físico deulle un pulo ás de Ferrolterra. E o Narón asaltou o Castro Seoane.
Resultados da xornada
PM Friol 1-5 Real Madrid B

Antas 1-3 Narón O Freixo
CD Lugo 2-1 Victoria FC B

Nuria Meijide, primeira xogadora Torre de Núñez da tempada
A porteira viguesa Nuria Meijide ten a honra de ser a primeira xogadora Torre de Núñez da historia. O curioso deste nomeamento é que o fai polas súas habilidades goleadoras, xa que Nuria é a pichichi da Segunda Galicia ao ter xogado de atacante nas últimas datas.
Cunha media de 1.75 goles por encontro e tres xornadas destacada das catro que se disputaron en outubro; Nuria é a gañadora dun lote de produtos de Torre de Núñez, referente cárnico por excelencia.

