Oitava xornada para os nosos máxicos, que comezan a definir os seus obxectivos de cara á 22/23. Lembramos aos nosos lectores que as crónicas dos choques tratan de resumir da forma máis obxectiva posible o acontecido nos terreos de xogo e baseándonos na información que recibimos sobre eles.
San Ciprián 3-2 Pastoricense: asinou unha gran primeira parte o Pastoricense, que chegou 0-1 ao descanso e podía mandar por máis nos primeiros 45′. Na reanudación, os visitantes fixeron o 0-2 que espertou aos locais. O Sanci asinou xusto despois o 1-2, avanzou as súas liñas e logrou o empate na recta final. A inercia da remontada impulsou aos mariñáns, e Kaká fixo un golazo para poñer o 3-2.
Chantada Atlético 2-2 Taboada: partido igualado no Sangoñedo, no que o Taboada se adiantou cedo pero o Atlético empatou na seguinte acción. Ao filo do descanso, César asinou o seu segundo da tarde para poñer o 2-1. Nunha segunda parte con moitas interrupcións e tanganas, o Taboada aproveitou unha delas para sacar rápido unha falta e anotar un 2-2 moi protestado polos locais e co que se chegou ao final do choque. Tivo que intervir a ambulancia no Sangoñedo para atender a Ivi, vítima dunha presunta agresión.
Outeiro de Rei 4-0 Monterroso: dominio dos locais no Municipal, que xa mandaban por 2-0 no minuto 30′. O Monterroso inquedou a meta rival na recta final do primeiro tempo, pero a efectividade local ao inicio do segundo tempo puxo o 4-0 que deixou o partido visto para sentenza.


Pol 4-2 Santaballés: primeira parte de dominio do Pol, que aproveitou a súa calidade individual para poñerse 3-0 no descanso. O Santaballés mellorou cos cambios, fixo o 3-1 e recibiu o 4-1 cando mellor se atopaba no campo. Aínda así, os de Santaballa lograron o 4-2, tiveron opcións para achegarse máis no electrónico… pero o Pol sacou oficio e mantivo o resultado.
Foz 1-1 Castro: partido bonito no Martínez Otero, no que ambos equipos xogaron as súas armas para facer dano o rival. O Foz sacou partido do balón parado, pero tamén gozou ocasións moi claras que desbaratou Sanmi. O gardamallas do Castro non puido evitar, iso si, o tanto desde os once metros de Óscar, aínda que sí evitou outro gol de penalti dos locais. O Castro mellorou co paso dos minutos e conseguiu o empate nunha bonita acción no minuto 96′.
Xove Lago 5-0 Antas: un gol de falta directa encarrilou o choque para os locais, que mandaban por 3-0 no tempo de lecer. Os mariñáns anotaron dous goles máis para pechar o marcador ante unha SD Antas que non lle perdeu a cara ao partido pero que segue tratando de adaptarse aos duelos fóra do seu feudo.

Riotorto 1-1 Lourenzá: bo ambiente na Veiga nun duelo no que o Riotorto comenzou facendo moito dano ao contragolpe, e de feito Adrián fixo o 1-0 tras unha boa transición. No segundo tempo o Lourenzá colgou balóns para facer o empate, e conseguiuno por medio dun remate nun balón parado. Co 1-1, ambos equipos tiveron opcións de levarse o partido, pero o derbi quedou en empate.
Atlético Escairón 3-0 Sporting Pontenova: os locais encarrilaron o partido por medio dun penalti que transformou Armesto e un segundo gol nos primeiros minutos que pesaron moito aos visitantes. Co 2-0, o xogo comezou a igualarse e o Sporting gozou dun penalti que detivo Macía. O definitivo 3-0 chegaría na recta final e valería para consolidar ao Escairón na zona alta da táboa.
Burela 2-1 SD Chantada: o partido decidiuse no segundo tempo, logo dunha primeira parte na que a igualdade foi a tónica dominante, aínda que ambos equipos contaron con opcións para anotar. Tras o paso por vestiarios, unha boa acción combinativa do Burela supuxo o 1-0, pero un erro defensivo dos locais permitiu que Kadete empatase o choque. Co empate, o Chantada foi a polo partido e puido anotar de novo por medio de Kadete, pero o Burela aproveitou un contragolpe para que Celes asinase o seu particular dobrete e os tres puntos quedasen na Marosa.
