A condición de invicto do CD Lugo chegou á súa fin. As de Joaquín tiveron o control do partido, fixeron bo xogo e crearon moitas ocasións. Iso si, a falta de puntería foi a que marcou as diferenzas. As albivermellas adiantáronse no marcador cun tanto de Iria ao inicio da reanudación. O gol causou o efecto contrario nas lucenses. A tranquilidade desapareceu para deixar paso aos erros en defensa. E á remonta do Sporting Cambre. Quizais sexa inmerecida a derrota, máis aínda co 2-1 final pasado o minuto 90.
Pola súa parte, o soberbio exercicio defensivo do Antas non atopou premio. O cadro do Castro Seoane mostrou unha semana máis a súa melloría en labores de contención. Porén cedeu ante un Orzán, que marcou sendos goles ao remate de cada unha das partes. Chegando o segundo e definitivo, na última xogada do encontro.
PM Friol B e San Lázaro manteñen o seu pulso con Chantada e Monte Forte ao axexo
As porteiras do líder están de moda. Mentres Arcos deixa o seu arco a cero, a gardamallas pichichi Nuria Meijide sumou dous tantos máis á súa conta. Incluso Mahine se uniu á festa co seu primeiro gol. Ao cadro de Santi Vieitez sáelle todo. Por iso, manda na clasificación con man de ferro, só co permiso do sorprendente San Lázaro. Esta pasada semana, o PM Friol B fixo un set en branco na súa visita ás EF Silleda. Puxo o 0-2 xa na primeira parte. E rematou goleando na media hora final.
Pola súa parte, o San Lázaro volveu sacar adiante un partido igualado. As de Luchi só saben gañar despois de superar a un Touro que tamén tivo as súas ocasións, incluido un penalti que se marchou fóra. Jesi evitou algún gol claro e resultou tan decisiva ou máis no triunfo que Jenny, autora do dobrete.


No grupo de perseguidores, con 10 puntos, atópanse o Chantada e o Monte Forte. O conxunto de Gorry mandou no encontro desde o pitido inicial ao final, ante un Bandeira que combinou pero non creou. Laura Carnero abriu a lata nada máis comezar. E acabou asinando un hat trick nunha traballada goleada para o equipo do Sangoñedo. A treboada que caeu sobre a Vila do Asma e a homenaxe inicial polo Cancro de Mama, compartiron o protagonismo principal coa goleadora Laura Carnero.

A Milagrosa meteu en serios apuros ao Monte Forte nun derbi que se decidiu nos últimos dez minutos. As de Héctor Expósito, que xeraron moito perigo ás espaldas visitantes na primeira metade, deixaron pasar o seu tren e viron como o cadro de Perry remontaba no tramo final. Ainhoa igualou o tanto de Leire a falta de vinte minutos para a conclusión e deulle o pulo necesario ás monfortinas, que se levaron tres puntos moi valiosos de Frigsa. Paula e Moji destacaron para as das terras de Lemos.
Pola súa parte, o Carballedo logrou o seu segundo triunfo consecutivo despois de superar con creces ao Cruces. As de Adrián Rodríguez olvidáronse do mal estado do campo e apostaron polo seu fútbol de toque. Lucía e Sara lideraron ás ‘Guerreiras’ e Ana Lamas, que non faltou á súa cita co gol, erixiuse como un auténtico comodín.

Por último, unha cara e unha cruz. A noticia positiva púxoa o San Roque, cunha vitoria fácil ante o Arzúa. O primeiro ‘+3’ para o cadro de Quiroga levou incorporado os dobretes de Sofía e Irene Rebolo. A nota negativa, aínda que con tintes optimistas, foi a da Comercial. Caeu pola mínima no feudo do Santiso e segue de pechacancelas. As de Vivian Dors pagaron caro a falta de experiencia ante o campión. Aínda que o bo partido das Noa, Yoli ou Natalia evidencia a melloría dun conxunto vermello que vai a máis.
RESULTADOS DA XORNADA

Orzán 2-0 Antas
Sporting Cambre 2-1 CD Lugo
Milagrosa 1-3 Monte Forte
EF Silleda 0-6 PM Friol B

Touro 0-2 San Lázaro
Santiso 3-2 Comercial
Chantada 4-0 Bandeira
Arzúa 1-7 San Roque
Carballedo 5-0 Cruces
