A Segunda Futgal lucense xa ten o calendario listo para ambos grupos e todos os equipos teñen moitas ganas de que comece a competición. O Grupo Norte e o Grupo Sur arrincarán as súas novas aventuras na fin de semana do 13 de setembro nunha liga que terá novidades no seu formato. Esta será a última Segunda Futgal de 16 equipos en cada un dos grupos, xa que a partir do ano que vén terá 14. Farase cun descenso máis nesta categoría, polo que baixarán tres por cada liga, e dous ascensos por cada lado da Terceira Futgal.
O inicio da competición
No grupo norte, o inicio estará marcado por encontros de gran importancia entre equipos chamados a dar que falar durante todo o ano. Os descendidos, acumulados todos neste grupo, terán encontros fermosos. O Iberia medirase a un Guitiriz que quedou ás portas de subir, mentres que os outros van a por ascendidos, Castro-Abadín e Catro Roldas-Xove Lago. A outra incorporación do grupo, o Mondoñedo, xogará co Meira. O resto de encontros son Pastoricense-Xermade, Goiriz-Riotorto, Cabreiros-Celta Barreiros e Candelaria-Alfoz.
No canto dos ascendidos do sur, na primeira xornada haberá o primeiro derbi do ano, que medirá a San Roque e A Piringalla. O Corgo abrirá co Monterroso B na casa, O Incio ante o Antas e o Rubián visitará ao Santa Comba no encontro inicial da súa nova aventura. No resto da primeira semana de competición, teremos os seguintes encontros: Ferreira-Paradela, Portomarín-Friol, Sarriana B-Chantada B e Palas-San Lázaro.
Un final ao límite se aproxima
A última xornada da tempada chegará na fin de semana do 16 de maio, a un día do festivo do Día das Letras Galegas. Os ascensos, promocións e descensos de ambas poderían estar en xogo con encontros moi importantes. No Grupo Sur da Segunda Futgal, os equipos xogaranse as castañas nos seguintes encontros: San Lázaro-Chantada B, Sarriana B-Friol, Portomarín-Antas, O Incio Terra Brava-A Piringalla, San Roque-Paradela, Ferreira-Rubián, Santa Comba-Monterroso B e Palas-Corgo.

Pola súa parte, no norte os derradeiros encontros serán. Meira-Alfoz, Candelaria-Celta Barreiros, Cabreiros-Riotorto, Goiriz-Xove Lago, Catro Roldas-Abadín, Castro-Xermade, Pastoricense-Guitiriz e Mondoñedo Ciudad-Iberia
Os derbis da Segunda Futgal
Sempre hai unha serie de encontros marcados en vermello para os afeccionados e hai derbis fermosos que voltaremos a atopar. No norte, o Iberia e o Celta Barreiros mediranse na xornada 6, o 18 de outubro, e na 21, o 28 de febreiro. Outro encontro interesante será o que mida ao Catro Roldas e ao Goiriz, na xornada 8, Día de Tódolos Santos, e na 23, o 14 de marzo. Por último o Xermade e o Cabreiros, que xa se mediron na Copa Concello, será na xornada 12, 29 de novembro, e na 27, o 18 de abril.
Pola súa parte, no sur teremos encontros de tanta historia e proximidade. Xa mencionamos un en Lugo cidade, pero na terceira xornada teremos un Santa Comba-A Piringalla, na quinta un San Roque-San Lázaro, na décima un Santa Comba-San Roque e na 12 un San Lázaro-A Pirngalla. Algo semellante pasará na Ulloa co Monterroso B- Palas da segunda xornada, o Antas-Monterroso B da sexta e o Antas-Palas da décima, e na comarca de Sarria, co Incio-Sarriana B na xornada cinco, o Sarriana B-Paradela na 12 e O Incio-Paradela na 14.


