A Terceira Futgal volve á actividade

A Terceira Futgal pecha os calendarios do fútbol masculino

A Terceira Futgal tamén ten o seu calendario disposto para unha próxima tempada que vai dar moito que falar. Primeiro polo seu inicio, xa que se fará en dúas tandadas, ao contrario que noutros anos. Segundo pola súa conformación de grupos, con 11 equipos no sur e 10 no norte. Por último, outra das grandes novidades do ano estará no ascenso, xa que só haberá unha promoción directa por cada grupo e irá para o primeiro. Do segundo ao quinto clasificado xogarán a promoción, onde o campión das eliminatorias de cada liga será o segundo ascendido do grupo. Todo co fin de que a Segunda Futgal teña 14 equipos de cara ao ano que vén.

Un inicio, dúas datas diferentes

A Terceira Futgal dará o pistoletazo de saída á tempada con dúas tandas de encontros. Primeiro será o turno do grupo sur o 20 de setembro debido a que é o que necesita ter máis xornadas de cocmpetición. Estará marcado polo debut oficial de dous equipos, co Becerreá B enfrontándose ao Río Sil e o Corgo B indo á casa do Taboada B. Tamén se xogarán o Quiroga-Comercial, Sober-Casás e O Páramo-Carballedo, mentres que o Relámpago Taboada será quen descanse. A súa competición arrincará ante O Páramo o 27 de setembro.

O grupo Norte, pola súa parte, terá o inicio na fin de semana do 27 de setembro e terá como principal aliciente o debut do Río Ouro, que xogará na casa ante o San Ciprián. O resto de encontros serán Rioaveso Machinango-Muimenta, Pol B-Roupar, Celeiro Club del Mar-Sporting Pontenova e Cazás-Castroverde.

O final da Terceira Futgal tamén estará dividido

O final da tempada quedará definido primeiro no grupo Norte. A xornada 18 xogarase no 14 de marzo e o sorteo agasallou os seguintes encontros: Castroverde-Sporting Pontenova, Celeiro Club del Mar-Roupar, Pol B-Muimenta, Rioaveso Machinango-San Ciprian e Cazás-Río Ouro.

O Sur, pola súa parte, durará catro xornadas máis, rematando na 22. De feito, no mesmo 14 de marzo será o fin da tempada do Taboada B, descansa na derradeira xornada. Os últimos encontros serán os que midan a Relámpago Taboada-Carballedo, O Páramo-Casás, Sober-Río Sil, Becerreá B-Comercial e Quiroga-Corgo B.

Os partidos marcados

Hai moitos encontros interesantes en ambos grupos pola proximidade xeográfica. Por exemplo, o derbi entre o Taboada B e o Relámpago Taboada xogarase na xornada 6, o día de Tódolos Santos, e na 17, o 14 de febreiro. Nas mesmas datas tamén se dará o derbi lucense entre a Comercial e o Casás. O Roupar e o Cazás xogaránentre eles o 15 de novembro na xornada 6 e o 21 de febreiro na xornada 15.