Nesta nova tempada, non só se estrean novos equipos. Lugo terá un novo delegado arbitral da man de Borja Bilbao nun ano no que os cambios das normas foron moi importantes, sobre todo no que se refire ás perdas de tempo. Bilbao parou con Futbolinlugo para comentar algúns dos retos que terá no seu novo cargo para poder conseguir que a delegación arbitral lucense medre e tamén fixo unha valoración dos últimos ascensos e nomes destacados que imparten xustiza dentro dos campos de todo o país e que naceron nos nosos marcos.
Futbolinlugo: Como chegou esta oportunidade?
Borja Bilbao: Contaríache que foi un novo inicio no mundo arbitral, esta vez desde a parte directiva. Moitos me coñecen de todos os anos que levo arbitrando. Pisei moitos campos desde Quiroga ata a Costa e cheguei a estar na Segunda B. Houbo un momento no que o deixei por falta de ganas e agora volvín achegarme para dar un relevo na delegación. Collo o reto con moitas ganas e intentaremos que haxa moito esforzo para acadar todos os obxectivos, igual que todos os equipos.
FIL: Que situación atopou cando chegou á delegación arbitral?

BB: Atopámonos cunha situación na que o colectivo é moi importante, somos 120 colexiados na provincia. Iso require tempo e dedicación para ver encontros e axudarlles a corrixir as cousas que se poidan dar. É importante meter nova savia cunha directiva nova.
FIL: Cales van ser as súas primeiras medidas?
BB: Non meteremos grandes cambios, pero seguiremos á xente para que haxa máis cantidade de adestramento dos árbitros para saber quen son os que máis traballa e que teñan a súa recompensa. Faremos todo para axudar ao crecemento do colectivo.
FIL: Cales son as novas medidas que máis te chaman a atención e que máis custarán nun inicio?
BB: Vimos moitas no Mundial, pero as máis importantes das que se van aplicar a nivel nacional e autonómico son as que están encamiñadas a rematar coas perdas de tempo. Xeraban moita controversia e tensión nos encontros e agora vai ser moi claro. Van axudar a que a outra parte do fútbol estea máis controlada e se descargue responsabilidade do colexiado.
FIL: A federación galega é a quinta en número de licencias en España e non hai ningún colexiado principal no fútbol profesional, algo que contrasta con Lugo cun ascenso a Primeira RFEF e un asistente na Liga Hypermotion. Como valoras esa casuística?
BB: É unha pena porque no fútbol galego sempre tivemos unha gran representación nas categorías altas. Debe ser o primeiro ano en moito tempo que non ocorre. Extrapolado á situación de Lugo, é verdade que nos árbitros de maior categoría estamos moi contentos. Jesús López será o primeiro en moito tempo en chegar á terceira categoría e hai que sumar a Brais García como asistente en Segunda. É un camiño moi difícil que require moito traballo desde a base e loitar moito para chegar arriba. É importante tamén reforzar desde a base e intentaremos que a arbitraxe galega chegue a esas cotas nas que estaba e con representantes lucenses.
FIL: Algún nome a seguir para vindeiras campañas?
BB: Eu espero que Jesús López poida seguir subindo categorías. Temos en Segunda RFEF a Alberto Lago e a varios árbitro tanto en Terceira como en Preferente. Eu recordo unha maior cantidade, pero temos que facer un traballo desde a base para que poidamos ter cada vez máis colexiados na elite.


