#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O Muimenta a ritmo de Juan Magan e o Oural pica cemento para ser líder

A sétima xornada da Segunda Rexional trouxo resultados que inflúen de xeito directo na parte alta da clasificación. No norte, o Muimenta sumou a súa terceira vitoria seguida e queda a un punto do primeiro posto. No sur, o Oural gañou e aproveitou a derrota do Guntín para colocarse líder en solitario. Contámolo todo en #ONoso11AChaira.

Na zona norte, o Meira mantense na cabeza pero con menos separación con respecto aos seus rivais. Segue sen perder, pero sumou o segundo empate do curso. Igualou ante o Cospeito na Fonte.

Partido moi serio dos locais ante un gran rival. Os goles chegaron no tramo final. O Cospeito foi quen de adiantarse, pero o Meira conseguiu igualar xa nos últimos intres por medio dun penalti. 

Á un punto do líder ponse o Muimenta. O conxunto lucense sumou o quinto triunfo da campaña e o terceiro de xeito consecutivo. Nesta xornada derrotou pola mínima a un Alfoz que queda a dous puntos do play off. Na finde na que Juan Magan aterrou na Hermo, o Muimenta segue «Bailando por ahí».



Golpe de autoridade dos de Basi nun partido moi competido. Gañou o que mellor aproveitou as ocasións das que dispuxo. Xulio foi o que estivo acertado para marcar o único tanto do encontro. O Muimenta presentouse ao partido cun só cambio de campo.

O Roupar é terceiro con dous puntos menos ca o Meira. O cadro verde fíxose co derbi ante o Xermade pola mínima. No Municipal foron os visitantes os únicos que marcaron, aínda que non foi porque os locais non o intentaran. O Xermade buscou o empate pero non conseguiu batir a portería rival a pesar das súas ocasións.

O cadro preparado por Dopico sufriu as lesións de Seco e Edi. Todo apunta a que Seco ten unha rotura de fibras e Edi torceu un xeonllo. No Roupar agardan á evolución de ambos.  



A continuación un grupo de tres equipos ocupan a clasificación do 4º ao 6º posto con doce puntos: Iberia, Folgueiro e Candelaria.

Bo partido dos de Reinante na casa ante a Comercial. O cadro local xerou varias ocasións de gol. Non obstante, o tanto non chegou ata mediada a segunda parte. Barrera transformou un penalti. Nos últimos intres, Diego marcou o segundo.

Pola súa banda o Folgueiro sacou un punto da súa visita á Fonsagrada. Os locais sumaron o terceiro empate da temporada. Acumulan seis puntos pero estanse convertendo nun rival duro de superar.

A Candelaria superou na casa pola mínima a un Goiriz que só logrou un punto ata o momento. Os visitantes fixeron, probablemente, o seu mellor partido da tempada. Xeraron ocasións pero non foron quen de convertir en gol ningunha.

A Candelaria non entrou ben no xogo na primeira metade pero melloraron no segundo tempo onde conseguiron o gol do triunfo. Anteriormente non estiveran acertados nun lanzamento de penalti no que o balón marchou por fóra dos tres paus da portería. 



Logo de Alfoz e Cospeito, na metade da táboa segue o Guitiriz que sumou un novo empate na casa co Celta Barreiros. Os visitantes afrontaron o partido con cinco baixas importantes. O gardamallas Pitero foi un dos grandes protagonistas realizando grandes intervencións, especialmente en varias xogadas de man a man que tivo cos atacantes locais. 

No cadro da Mariña tamén tivo un bo papel o dianteiro Soto. O atacante redebutaba co conxunto celeste ao non seguir neste verán. Logo duns primeiros meses de competición xogando no Santa Comba en Terceira Rexional, Soto únese ao proxecto do Celta B encabezado por Álvaro. Deu unha asistencia e provocou o penalti que resultou decisivo para que os seus sumasen o punto.

Na zona baixa, colle pulo o Castro B ao enlazar o segundo triunfo seguido. Derrotou a un Cabreiros co que agora queda igualado a sete puntos.

Ily foi un dos protagonistas da xornada marcando tres goles e axudando ao Becerreá a volver ao camiño da vitoria

Na zona sur, logo dunhas xornadas con moita igualdade na cabeza, o Oural é líder en solitario. O equipo preparado por Negrete (que non puido estar no banco a pasada finde) venceu a domicilio ao filial da SD Chantada. A xeira de catro triunfos seguidos coloca ao equipo patrocinado por cementos Cosmos seguir picando dende o máis alto.

Segundo clasificado é o Guntín que sufriu a súa primeira derrota do curso e ademais no Ladairo. Partido serio do Ferreira que lle serviu para conseguir tres puntos moi valiosos. Nun bo traballo coral do equipo, salientou a boa aportación de Diego Blanco. Ademais do seu bo papel en defensa, o central marcou un gol. 

Agora co Guntín empatan a catorce puntos (tres menos ca o líder) o Friol e o Paradela. O cadro friolés superou con moita claridade ao Río Sil. Adiantáronse moi rápido os locais. O Río Sil veuse abaixo e o Friol seguiu atinado de cara a portería ata marcar oito goles.

Pola súa parte, o Paradela gañoulle ao Sporting Lucense. Os locais entraron moi ben no partido e levárono pouco a pouco ao seu favor. Diego destacou cun dobrete.

Quinto é o Becerreá (empatado co Ferreira que é 6º). O equipo preparado por Antón Méndez, que nas últimas dúas xornadas estivo dirixido dende o banco por Javi Gómez o día de partido, sumou tres puntos ante o Lemos B.

Foi un partido tolo con ata nove goles. Foron máis a favor dos visitantes nos últimos minutos. Aí foi cando o Becerreá derrubou con todo a portería rival. Sobresaíron Ily cun hat-trick e Kevin.  

A un punto do play off están a Milagrosa e o San Lázaro.

Empate a case todo entre o Brollón e a Milagrosa nos Medos. A Mila adiantouse na primeira metade. No segundo tempo, os locais conseguiron a igualada.

Houbo algunha ocasión máis para ambos pero o marcador non se moveu. Nos visitantes láianse da boa parada do porteiro local a remate de Joel, nunha das últimas accións do encontro.

O San Lázaro perdeu por primeira vez na campaña ante un San Roque que tamén está na zona media ao volver gañar tras cinco partidos sen facelo. Non obstante, os pupilos preparados por Diego Díaz non saben o que é perder fóra da casa en catro saídas que levan.

O gol non chegou ata o segundo tempo pero pagou a pena esperar por el. Jano, que avisara previamente cun tiro frouxo dentro da área, fixo unha fermosa diagonal que acabou cun lanzamento ao pau longo pola escadra.

Na zona baixa, salienta a primeira vitoria da temporada do Corgo. Nun partido de equipos necesitados no Municipal, foron os locais quen se impuxeron ao Carballedo. Golpearon primeiro os locais nunha boa primeira metade. No segundo tempo, os de Rodrigo lograron meterse dúas veces no partido pero non lles chegou para igualar o resultado final.

O Muimenta a ritmo de Juan Magan e o Oural pica cemento para ser líder

O CD Lugo salva unha xornada cun

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *