Chega o cuarto Tres en Raia Boas Mans Fisioterapia da Terceira Futgal e faino cun Catro Roldas sólido en cabeza. Os chairegos venceron ao Pol B e suman catro vitorias noutros tantos encontros. Con tres puntos menos, e con posibilidade de pleno está o Mondoñedo que aprazou o seu encontro diante do Cazás. Muimenta e Abadín achéganse logo de vencer a Roupar e Celeiro, respectivamente.
No sur, o Corgo segue goleando e sen encaixar un só tanto, desta volta na casa do Carballedo. O Rubián mantén o pleno logo de vencer, nun dos encontros da xornada, ao Quiroga. O Taboada B sumou o seu segundo triunfo consecutivo e xa está en postos de play off.
GRUPO NORTE
Un solvente Catro Roldas vence ao Pol B para exercer de líder en solitario (0-3). Encontro moito máis parello do que amosa o resultado. O filial do Pol optou por un fútbol combinativo que dificultou os roubos de balón dos visitantes. O primeiro tramo de encontro transcorreu sen demasiadas ocasións. No ecuador do primeiro tempo un lanzamento ao pao de Dopico recolleuno Samu para facer o primeiro. No segundo tempo, o Pol B contou coa mellor ocasión do encontro, xusto antes de que Isra fixera o segundo para os de Coto. O tanto fíxolle dano aos locais e Rian sentenciou.
O Muimenta neutraliza a boa saída do Roupar e sitúase na zona alta (5-2). Saiu moi ben ao campo o Roupar, que logrou adiantarse por medio de Fran Lage tras unha indecisión da zaga e o porteiro locais. Co marcador a favor, a defensa xermadina fixo augas e Jesús non tardou en igualar cun lanzamento desde o borde da área. Lorigados deulle a volta ao marcador tras un remate a un saque de córner e Jesús puxo terra de por medio antes do descanso. O Roupar volveu a entrar mellor no segundo tempo, pero era a tarde de Jesús, que fixo o cuarto do equipo, terceiro da súa conta particular. Moha deulle emoción ao encontro co segundo gol para os de Ángel Pena. Manu tivo nas súas botas o terceiro, pero non acertou. Cos visitantes volcados, Seijas sentenciou á contra.

Ferre sentenciou ao Celeiro no primeiro tempo (0-3). O Abadín venceu en Trasvías e fíxoo pola vía rápida. Un cuarto de hora chegoulles aos de Michi para deixar o encontro sentenciado. Ferre, en dúas ocasións, unha delas de penalti, e Noé anotaron os tantos. A partir de aí o Celeiro colleu o mando do partido, pero o Abadín non pasou excesivos apuros. Os de Moro contaron con varias ocasións para recurtar diferencias que non foron quen de aproveitar, feito que penaliza aos viveirenses no que vai de temporada.
Comercial e Rioaveso igualan nun encontro frouxo (1-1). Non se viu un gran fútbol nun partido no que a Comercial amosouse superior a un Rioaveso que lle está a custar realizar o seu fútbol neste comezo ligueiro, tamén penalizado por varias baixas de xogadores importantes. Nico adiantou aos visitantes xusto antes do intermedio e o seu tocaio igualou no tramo final do encontro. A Comercial mereceu un maior premio logo do visto ao longo dos noventa minutos.

GRUPO SUR
O Corgo amosa a súa superioridade no Catro Ventos (0-4). Os de Abel Rochela realizaron un encontro case perfecto na súa visita ao feudo do Carballedo. Os locais non foron quen de inquedar a portería defendida por Harry e a presión alta dos visitantes fixeron que o Corgo xogara sempre en campo contrario. Lois, Xoia, de penalti, e Rober deixaron o encontro sentenciado no primeiro tempo. No segundo tempo, o técnico visitante repartiu minutos e o equipo apenas sufriu en defensa. Borja completou o marcador.
O Rubián segue invicto tras remontar diante do Quiroga (2-3). Encontro con varios tramos diferenciados. O primeiro foi de dominio local. O Quiroga adiantouse aos dous minutos de xogo cun gol de Rubio a pase de Chechu. Pouco despois chegou o segundo nun penalti protestado polos visitantes que transformou Pacho, no seu primeiro partido da temporada. A partir de aí foi o Rubián o que colleu o temón do partido e xa foi quen de empatar antes do descanso con goles de Javi tras aproveitar un pase á espalda da defensa, e Geri tras un remate nun saque de córner. O segundo tempo foi moi trabado. Moitas interrupcións e demasiadas amonestacións que fixeron que os de Senén López rematara con dez. No tramo final, Victor marcou para o Rubián nunha contra. O Quiroga caeu por primeira vez na temporada, ademáis de perder por lesión a Marcos e Marquiños.
A Piringalla vence ao Relámpago Taboada e sitúase cuarto (4-1). Jorge adiantou aos de Melendo nada máis comezar o encontro. Co marcador a favor, o Relámpago estivo cómodo no primeiro tempo e sen pasar excesivos apuros. O gol de Cristóbal para os locais xusto antes do descanso fíxolle moito dano ao Relámpago, que baixou as súas prestacións no segundo tempo. Os de Jony Lombardía foron moi superiores no periodo final no que lograron tres goles e puideron ser incluso máis.
O Taboada B golea ao Río Sil cun hat-trick de Pita (5-0). Os de Jacobo Vázquez xa están na zona alta da táboa clasificatoria. Fronte ao Río Sil amosaron a súa superioridade xa nun primeiro tempo no que Elías desaproveitou tres man a man diante dun Saúl que mantivo con vida aos visitantes. Pita abriu o marcador no periodo inicial e, tras o descanso, chegaron dous tantos máis do dobre All Star Futbolinlugo, ámbolos dous de penalti. As aspiracións do Río Sil viñéronse abaixo e Brian e Elías completaron a goleada.
O Incio logra a súa primeira vitoria diante do Bóveda (3-1). Comezou mellor o Bóveda cun gol de Arias tras un erro defensivo local. O Incio non tardou en coller o mando do partido, sobre todo logo de que os visitantes quedaran con dez por expulsión de Maikel. Urdi empatou desde o punto de penalti e Samu deulle a volta ao marcador antes do intermedio. No segundo tempo o encontro fíxoselle moi longo a un Bóveda en inferioridade e Samu sentenciou no tramo final.

