#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O Cabreiros busca o liderado fronte a un Alfoz invicto

A oitava xornada da Segunda Futgal déixanos un auténtico partidazo no grupo norte entre dous conxuntos que comezaron a temporada dun xeito inmellorable. O Cabreiros recibirá no campo da Cea a un Alfoz que non coñece a derrota. Será o domingo ás 16 horas coa arbitraxe de José Luis López Rodríguez.

O Cabreiros é segundo na clasificación con quince puntos e con opcións de rematar a xornada no máis alto, dependendo do resultado do ata agora intratable Folgueiro, líder. Os de Saúl Méndez amosaron neste comezo ligueiro unha gran facilidade para facer gol, con vintetrés no seu casilleiro. Máis de tres tantos de media por encontro fan dos xermadinos un conxunto temible na súa parcela atacante. Na súa contra os dezasete encaixados. Sen dúbida algunha, unha delicia para o espectados ollar os encontros dun Cabreiros, que quere dar un paso máis nesta temporada e pelexar na zona alta da clasificación.

Enfronte estará o Alfoz. Os branquiverdes son quintos na clasificación con trece puntos, dous menos que o Cabreiros, e non coñecen a derrota no que vai de liga malia a xogar cun bo número de equipos da zona alta da táboa. Os de Javi Chinchón tamén están a amosarse como un conxunto moi resolutivo na zona de ataque, do que dan boa mostra os dezaoito goles acadados, aínda que non foron quen de manter a portería a cero en ningún dos encontros xogados.

É evidente que se presaxia un encontro no que o gol terá un gran protagonismo. Cabreiros e Alfoz malia ser dos equipos máis realizadores reparten esta faceta entre todos os seus futbolistas. Chema, con catro goles, e Ramos e Adán con tres, son os máximos realizadores de ámbolos conxuntos.

Falamos con Saúl Méndez e Javi Chinchón, adestradores de Cabreiros e Alfoz, respectivamente.

A OPINON DOS PROTAGONISTAS

Saúl Méndez (SDC Cabreiros)

O bo comezo. «Os puntos non son máis que o reflexo do gran esforzo que están a realizar os xogadores semana tras semana, sobre todo nun proxecto novo centrado no xogo combinativo no que sempre poden xurdir dúbidas e no que se precisa tempo para afianzar conceptos. Por sorte, xa desde a pretemporada todos os xogadores se portaron como verdadeiros profesionais, como esponxas que absorben todo o que adestran. Sempre hai momentos malos, como foron os encontros co Pastoricense e Meira, nos que tamén influiron o bo número de baixas. A idea é seguir cos pes na terra e que o foco non vaia máis alá do próximo encontro«.

O Alfoz. «É un conxunto que nunca lle perde a cara aos partidos. Este ano atopou un bo balance entre ataque e defensa e a base de oficio e concentración son un rival realmente perigoso á par que admirable. Chegan logo de dúas vitorias moi contundentes e traerán a moral polas nubes. Cos dous equipos cunha gran fortaleza mental, é posible que a balanza oscile para calquer lado por pequenos detalles que nestas categorías adoitan ter nome de balón parado«.

Primeira experiencia como adestrador sénior. «Acolléronme cos brazos abertos, desde a directiva ata os xogadores. Foi unha sorte caer nun grupo como é o Cabreiros, onde me permiten ese plus de locura e esixencia que sei que é difícil de compaxinar no fútbol afeccionado. O esforzo dos xogadores en sesións moi intensas que realizamos tres días por semana é encomiable e non podo facer máis que louvalos. Teño que estar moi agradecido a Moncho que me dera a oportunidade como primeiro adestrador sen ter referencias previas, máis alá do ano pasado en Muimenta e Milagrosa. Foron valentes e debo agradecerllelo con esforzo e dedicación«.

Javi Chinchón (CD Alfoz)

Invictos. «Estamos nun bo momento. O equipo cre no que facemos e contamos cun cadro de xogadores amplo, a pesar das baixas que sempre temos. Os futbolistas están moi comprometidos e todos suman, tanto os que participan máis como os que o fan menos. Creo que unha das claves deste bo momento é a boa sintonía e o bo grupo que formamos toda a familia do CD Alfoz«.

O rival. «Vai ser un encontro moi difícil nun campo moi complexo diante dun Cabreiros que me está sorprendendo neste comezo de liga pola gran cantidade de goles que é capaz de marcar. Se queremos puntuar alí debemos ser moi contundentes nas dúas áreas«.

Mellora constante. «Non nos marcamos máis obxectivos que mellorar día a día. Estamos a disfrutar cada adestramento e cada partido. O equipo segue a liña marcada desde que chegamos a temporada pasada de saír a competir todos os partidos. A partir de aí o balón dictará sentencia«.

A AXENDA DA FIN DE SEMANA

Terceira Federación Feminina

PM Friol – As Celtas B (Sábado ás 16 horas na Reigosa): as lucense, segundas, reciben ás líderes invictas das que as separan catro puntos. Gran oportunidade para achegarse ao liderado.

Terceira Galega Feminina

Monte Forte – PM Friol B (Domingo ás 20 horas no Luis Bodegas): as monfortinas son líderes logo de dúas xornadas disputadas. O filial buscará igualar a puntos coas locais.

Terceira RFEF

Viveiro – Arousa (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): logo da derrota na última xornada, os de Alberto López precisan dun triunfo para escapar dos postos de descenso. Enfronte un claro candidato ao ascenso que conta nas súas filas co ex viveirense Adri Lombao.

Primeira Futgal

Escairón – Residencia (Domingo ás 16:30 horas no Municipal): a reacción dos locais viuse freada coa derrota en Castro, pero os do Saviñao buscarán achegarse novamente á zona alta diante dunha Residencia invicta. Os de Rafa Casanova son líderes e suman vintedous dos vintecatro puntos en xogo.

Segunda Futgal

Folgueiro – Xermade (sábado ás 16:15 horas en Boa Vista): o líder buscará un triunfo que o manteña no máis alto. Enfronte un Xermade que quere escalar na táboa logo de sumar sete dos últimos nove puntos.

Lemos B – San Roque (Sábado ás 18 horas no Luis Bodegas): o filial monfortino, cuarto clasificado, precisa un triunfo que achegue ao ascenso. Recibe ao segundo clasificado, un San Roque que vén de colleitar a primeira derrota do curso fronte ao Ferreira.

O Cabreiros busca o liderado fronte a un Alfoz invicto

O Catro Roldas lidera en solitario o

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *