Jesús Melendo foi un dos grandes protagonistas dos oitavos de final da Copa Deputación da 2ª e da 3ª Rexional. Melendo é agora xa máis adestrador ca porteiro, pero nunca dianteiro. As baixas obrigárono a xogar en ataque e marcou o gol decisivo co que o Antas accede aos cuartos. A Piringalla e o Rubián serán os representantes da Terceira na penúltima eliminatoria antes de chegar a gran final.
Cuartos de final (mércores 1 de maio)
- Iberia – Comercial
- Piringalla – Candelaria
- Becerreá – Antas
- Rubián – Friol
O Iberia sufre para pasar a cuartos e a Comercial revive na Copa
O equipo de San Miguel de Reinante tivo que botar man dos penaltis. Empatou co Muimenta no tempo regulamentario (1-1). Logo, nas penas máximas o resultado saíu a favor (5-4), pero cada equipo lanzou sete.
Con todo, o Iberia mantense invicto en 2024. Os visitantes saíron moi intensos ao céspede das Valgas. Os locais non estiveron nada cómodos no primeiro tempo. No segundo acto, os pupilos adestrados por Moro si xeraron máis ocasións. Dani Prieto (incluso de penalti), Pernas ou Jordane puideron marcar. Entre o pau e o porteiro Noche, os da casa non daban anotado.
Contra o final, o xuvenil Lucas adiantou aos seus nunha xogada de córner. O Muimenta non se deu por vencido. Botou man dun dos seus puntos fortes, os saques de córner. O centro foi rematado no primeiro pau por Iago.


Os porteiros foron protagonistas na quenda. Alonso e Noche detiveron penaltis e o propio Noche foi goleador nun deles. Logo de tirar tres veces, cada un o resultado era de 1-1. Finalmente chegou 5-4.
O Iberia seguirá xogando de local os cuartos de final. Recibirá a outro equipo da 2ª Rexional, a Comercial. O cadro capitalino logrou na Copa unha importante vitoria para coller forzas na liga. Venceu ao Casás (3-0) e cortou unha xeira de cinco partido sen gañar na competición regular.
Tivo sorte a Comercial no primeiro gol e iso facilitou as cousas ante un Casás que chegaba ao partido con baixas. A partir do tanto, a Comercial foi superior e o rival veuse abaixo. No segUndo tempo, o cadro que exerceu como visitante, sentenciou.


A Piringalla e a Candelaria dán a sorpresa
A Piringalla é un dos dous representantes da Terceira Rexional que queda na Copa. Igualou nos 90 minutos co filial do Racing Villabés (2-2) e venceu na quenda de penaltis (4-2).
Os locais apertaron moi arriba a saída de balón do filial. Con todo, desaproveitaron a opción de marcar nun penalti a favor. Os visitantes xeraron perigo por medio de Anxo e Alfredo ante os que respondeu ben o porteiro Manu.
Mediada a segunda metade, chegaron os goles e desatouse por completo a polémica. O filial racinguista púxose por diante xusto despois de que Aaron fora expulsado nos locais. Samu anotou de penalti. Igualáronse as forzas coa expulsión do visitante Carlos. Miguel marcou un gran gol co que empatou o partido. Juanjo remontou momentaneamente o partido e o Racing quedou con nove pola expulsión de Migui. Aínda así, Samu lograría o empate co seu dobrete.
Nos penaltis, comezou fallando o propio Samu, tras tirar ao panenka e Manu manterse no sitio. Pedro tamén parou un para os visitantes, pero finalmente impúxose o maior acerto da Piringalla.

O cadro laranxa volverá xogar na casa e recibirá á Candelaria. O club da Rúa logrou o pase ante o Xermade (2-1) nun duelo xogado sobre unha Granda con moita auga.
Os locais resultaron ser máis eficaces. O Xermade tivo varias ocasións de gol que non finalizou. Despois da media hora de xogo, Azael adiantou os da Rúa tras pase de Rocky. Antes do descanso, Rafa marcou o segundo nun rexeite dende fóra da área.
O Xermade intentouno de tódalas maneiras no segundo tempo. Pedro ou Hossu puideron marcar, pero tan só deu co gol Andy.
O Becerreá pode co gran momento do San Roque e Melendo marca un gol histórico para o Antas
O Becerreá cortou a boa dinámica que traia o San Roque na liga. O cadro capitalino sumaba catro triunfos seguidos, pero na Copa sucumbiu ante os pupilos preparados por Javi Gómez (0-2).
Foi un partido serio do Becerréa. Amosou unha boa solidez defensiva e xerou ocasións en ataque. Adiantouse no marcador logo dunha boa combinación entre Xairo e Damián.
Tras chegar con desvantaxe ao descanso, no segundo tempo o San Roque comezou apertando. Pero o que chegou foi o segundo visitante para controlar o partido ata o final.
Melendo foi o protagonista final dun partido no que o Antas venceu ao Brollón (1-2). O encontro púxoselle de cara aos da Ulloa ao adiantarse cedo cun gol de Besteiro nunha boa xogada individual.
Con todo, a tónica do partido foi dominio e ocasións do Brollón. Pouco antes de chegar ao 90, os locais empataron a balón parado por medio de Miguel. Antes do final, un contragolpe serviulle ao Antas para levar a vitoria. Jesús Melendo cambiou nese momento a súa traxectoria como futbolista e marcou un gran gol que significou o pase dos seus. Aínda así, non desistiu o Brollón e nos últimos intres, Miguel enviou o balón ao pau.
Jesús Melendo xogou polas circunstancias. O equipo acudiu con once efectivos aos Medos e asumiu funcións de futbolista de campo e terminou marcando o seu primeiro gol en partido oficial. Melendo conta cunha contrastada carreira como porteiro no sur e centro da provincia. Pasou por clubs como o Lemos ou o Chantada, e no Antas xa fixo practicamente de todo. Unha anécdota que queda escrita hoxe, para contar mañá.

O Rubián e o «efecto Casillas» xa fixan o seu obxectivo no Friol
O equipo do Poste segue coa súa gran temporada, tras xa lograr o ascenso á Segunda. Pasou de eliminatoria ante o Paradela; 0-0 no partido e 5-4 na quenda de penaltis.
Foi un encontro moi igualado con non demasiadas ocasións. Aínda que calquera puido marcar. Nas penas máximas sobresaíu o gardamallas local Casillas. Parou 4 de 7 e facilitou o pase dos seus. Con todo, houbo polémica. O Paradela xa celebrara o pase cando o colexiado mandou repetir o penalti que acababa de fallar o Rubián. Anotouno e logo non atinou o Paradela e o Rubián sentenciou.
O Rubián seguirá exercendo de local na Copa e recibirá en cuartos ao Friol. O cadro friolés mellorou a súa semana ao eliminar ao Páramo (0-2). É que o Friol viviu unha semana intensa ao recuperar o Xoves Santo un partido aprazado de liga diante do Incio no que perdeu 2-1.
Lucky adiantou ao Friol cun gol de falta nas Rapadas. Na segunda parte, o Páramo tentou a igualada. Na recta final, Dani Roca marcou o segundo e deulle máis tranquilidade aos seus para vivir os últimos minutos.
