Nova semana de competición para os Máxicos, con goles en todos os campos e con ningunha victoria visitante. Tan só dous conxuntos, Folgueiro e Monterroso, puntuaron lonxe da casa.
O Lemos ‘B’ cae con orgullo en Celanova (3-1). As dimensións do terreo de xogo e as condicións atmosféricas anticipaban un choque moi duro para os da vila do Cabe, que aínda así lograron adiantarse nun primeiro tempo moi serio e no que apenas concederon opcións. Cando se cumpría a hora de xogo, porén, os ourensáns deron un paso adiante anotaron o empate. Nun contragolpe logo dunha gran parada do gardamallas local chegou o 2-1 e, xa cos lemistas envorcados, o Sporting Celanova fixo o definitivo 3-1 para deixar os puntos lonxe dos nosos marcos.
O Chantada Atlético gaña na casa ante o Brollón (2-1). Os primeiros 35′ foron os mellores do curso dos chantadinos. César fixo dous goles despois de errar o primeiro nunha clara ocasión que enviou ao pau. O Brollón tardou en reaccionar, pero Guiti fixo un gran tanto desde media distancia para poler o 2-1, xusto antes do descanso. Tras a reanudación, os Máxicos locais mantiveron a seriedade defensiva, pero o empuxe visitante traduciuse en dúas claras opcións nas que tivo que intervir o gardamallas Macía para manter o resultado. Tamén o Chantada Atlético puido sentenciar con dúas boas transicións, pero os segundos 45′ remataron sen goles e os puntos quedaron no Sangoñedo.
O Outeiro remonta á Milagrosa con tres penaltis (4-2). Os primeiros quince minutos tan só tiveron cor branquivermella, con dous goles (Mateo e Abel) e un envío ao pau que puido ser o terceiro. Porén, os Máxicos chairegos perderon o medo co resultado adverso e igualaron antes do descanso, o primeiro nunha pena máxima e o segundo tras un centro. No segundo tempo, a dinámica mantívose: Cadenas fixo o terceiro tamén de penalti e Revuelta anotou de novo desde os once metros, 4-2. A Milagrosa, amolada e frustrada, non perdeu a cara do partido e pechou ao Outeiro no seu campo, pero o exercicio defensivo local deixou os puntos no Municipal.
O Oural sorprende ao Escairón (2-1). Os sarriáns cederon o coiro a un Escairón que nunca estivo cómodo sobre o céspede do Luis Pallín, afectado polas recentes choivas. O bloque baixo local surtiu efecto e Yago aproveitou un despexe para adiantar aos Máxicos cementeiros antes do descanso. Xa mediado o segundo tempo, Joalvin duplicou a vantaxe local dun gran disparo pola escadra. Na recta final, os do Saviñao recurtaron diferenzas nun córner e protestaron unha pena máxima para acadar o empate, pero os puntos quedaron no feudo sarrián.
O Guntín e o Folgueiro reparten puntos (1-1). Os Máxicos mariñáns aproveitaron a súa opción e puxéronse por diante á media hora de xogo cun tanto de Ángel. O cadro laranxa, pola súa banda, dominaba a posesión pero non era quen de xerar perigo. A expulsión de Brais na segunda metade condicionou ao Guntín, que tirou de garra para afundir ao Folgueiro no seu campo e obter un merecido empate no último minuto de xogo, por medio de Andrés.

Houbo tres penaltis en dous partidos dos Máxicos: tres a prol do Outeiro; na Medela o Taboada lanzou un, e o Foz dous
O Taboada encadena a súa segunda victoria consecutiva tras superar ao Foz (3-2). O Foz tivo o dominio do coiro, pero unha clásica transición local que dirixiu Speedy e culminou Mosky supuxo o 1-0. Os mariñáns mantiveron o ritmo ofensivo, pero de novo os locais aproveitaron un gran contragolpe de Seso para facer o 2-0 co que se chegou ao descanso.
O cadete Roi Penoucos dirixiu o xogo mariñán no segundo tempo e, aínda que o Taboada fixo o 3-0 nun discutido penalti, confiaron ata o final para sacar os puntos. Mista fixo o 3-1 logo dunha pena máxima por man e, de novo desde os once metros (neste caso tras unha infracción sobre Bruno), o mesmo protagonista fixo o 3-2. Na recta final, os Máxicos locais tiraron de experiencia para conter —aínda cun xogador menos sobre o céspede— os ataques visitantes e deixar tres importantes puntos no «Canti».
O Lourenzá volta á senda da victoria e vence á Residencia (2-1). A mellor versión local neutralizou o xogo ofensivo visitante no primeiro tempo e o resultado ao descanso era de 0-0. No segundo tempo, os Máxicos de Brenan deron un paso adiante e Casanova rematou un centro de Luis para poñer o 1-0. Pouco despois, Antón fixo un disparo cruzado para anotar o 2-0.
Coa «Resi» envorcada, os da Santa Cruz puideron sentenciar en dúas claras ocasións, pero erraron na definición e os branquiazuis recurtaron diferenzas no 87′. A expulsión do local Yago nos intres finais fixo que o Lourenzá tivese que achicar balóns, pero o choque rematou con victoria local ante unha mala versión dos da Cheda, 2-1.
Reparto de puntos entre Santaballés e Monterroso (2-2). Un saque de esquina visitante rematou co 1-0 local en transición, pero os Máxicos vermellos reaccionaron rápido e igualaron por medio de Quintá. Idéntico protagonista tivo o segundo tanto do Monterroso, xusto antes do descanso. Na segunda metade, os chairegos deron un paso adiante. Alberte avisou cun disparo ao pau e Álex conseguiu o 2-2 cun remate tras un centro lateral. Na recta final, o Monterroso viu como lle anulaban un protestado gol por fóra de xogo, de modo que os puntos se repartiron na Liga.
O filial do Racing é o primeiro verdugo do Cire (2-1). Os dous conxuntos mostraron nivel para rematar na zona alta da táboa, pero os Máxicos lucenses tiveron unha marcha máis para adiantarse antes do tempo de lecer. Xa antes, o gardamallas Josema desbaratara tres boas opcións chairegas. O fútbol local, con pases curtos para despois atacar as costas do conxunto de Melide, fixo moito dano aos coruñeses e traduciuse nun merecido 2-0, xa no segundo tempo. Co resultado adverso, o Cire envorcouse e recurtou diferenzas, pero a solvente defensa vilalbesa na recta final mantivo o 2-1 e culminou a primeira derrota da temporada dos melidenses.
O líder non dá opción ao Becerreá (6-1). Unha gran primeira metade do Ribadeo traduciuse en catro goles antes do tempo de lecer. Os visitantes, pola súa banda, non estiveron ao nivel de intensidade necesario no Pepe Barrera. Á volta dos vestiarios, o Becerreá mellorou as prestacións e recurtou diferenzas, pero os Máxicos celestes evitaron sobresaltos con dous tantos máis nunha tarde na que o protagonista foi Yago Cruña, con tres goles.


