#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

Só o Polvorín é quen de sumar na Terceira

A felicidade da xornada do xoves contrasta coa decepción da xornada dominical no Trío de Ases O Cantón. Na Terceira RFEF soamente o Polvorín foi quen de sumar un punto. Foi na Cheda diante do Somozas. A Sarriana caeu na Cheda diante do Bergantiños, líder da categoría, mentres que o Viveiro perdeu na súa visita ao Arzúa, último clasificado. Na Segunda RFEF un punto agridoce do Racing Vilalbés fronte ao Valladolid Promesas.

O Racing Vilalbés iguala sen goles co Valladolid Promesas e sigue en descenso (0-0)

O cadro chairego sumou un punto na visita á Madalena do filial vallisoletano, rival directo pola permanencia e asegura o golaverage tras vencer en terras pucelanas na ida. As ausencias de Kiko e Nathan no centro da zaga obrigou a Simón Lamas a presentar un once renovada cunha liña de catro zagueiros da que formou parte Fito facendo parella de centrais con Vérez. No medio do campo volveu a xogar de inicio Make.

O Racing Vilalbés realizou unha boa primeira metade na que só faltou o gol. Izan e Jose Varela tiveron boas ocasión para adiantar aos chairegos. O Valladolid Promesas, xusto antes do descanso, contou cunha boa opción para marcar. No segundo tempo, o Racing non tivo o encontro tan controlado como no primeiro e o filial pucelano chegou con máis perigo á portería de Álex Santomé. A ocasión máis clara dos visitantes levou a sinatura de Pozo. Malia todo, o Racing Vilalbés contou con ocasións para marcar. Vérez cun remate de cabeza e Álex Pérez cunha volea á saída dun córner tiveron as mellores. As xogadas a balón parado levaron perigo sobre a área vallisoletana, con Pablo Rey aos mandos, pero o balón non quixo entrar.



A Sarriana non puido co líder pero mantén o play off a tres puntos (0-1)

Non estivo ben a Sarriana no primeiro tempo. Os de Jorge Cuesta non se atoparon cómodos diante dun Bergantiños que amosou na Ribela o por qué é o líder sólido da Terceira RFEF. Os visitantes realizaron multitude de centros laterais cos que levaron moito perigo. O gardameta Valentín realizou varias paradas de auténtico mérito no primeiro tempo, a máis clara a un remate de Musy. O tanto do Bergantiños chegou preto do descanso. Nun centro lateral, Longo rematou de xeito espectacular ao fondo da portería.

A Sarriana mellorou no segundo tempo. A entrada de Jacobo deulle máis solvencia ao medio campo e os sarriaos foron quen de chegar con certo perigo á portería rival. Nos mellores momentos da Sarriana, Musy desaproveitou unha boa ocasión para sentenciar o choque. Boedo xerou varias opcións de perigo e Cuadrado moi preto do final rematou de cabeza pero detivo con seguridade Santi Canedo.



O Polvorín empata co Somozas e volve achegarse á zona de perigo (0-0)

Malia sumar catro puntos nos dous últimos encontros o Polvorín volve estar a só tres puntos da zona de descenso. Non foi un bo encontro dos de Dani Galán, que quixeron imprimirlle un ritmo alto ao encontro, pero non gozaron da precisión no pase doutros encontros. Rubal contou cunha boa ocasión para adiantar ao Polvorín, pero rematou ao lateral da rede. O Somozas, cunha liña de cinco zagueiros, xogou replegado e apenas xerou perigo ante a portería de Fernando no primeiro tempo. Xusto antes do intermedio Lizancos estrelou un balón no pao.

No segundo tempo, o Somozas presionou máis alto e o Polvorín contou con máis espazos para chegar á área rival. Dani Galán refrescou o equipo con varios trocos e contaron con varias situacións de gol. Arhon, a pase de Noah, e Anwar contaron coas máis claras. O Somozas contou con dúas boas ocasións ás que respostou ben o porteiro Fernando.

O Viveiro perde en Arzúa e desaproveita unha boa ocasión para escapar da queima (2-1)

Logo do triunfo no campo do Rápido de Bouzas, os mariñáns visitaban ao Arzúa, pechacancelas e xa sen opcións de permanencia, coa intención de saír da zona de perigo, pero dous goles locais na primeira metade condicionaron o devir do encontro. Malia todo, a peor nova do encontro chegou aos quince minutos, coa lesión de Diego Núñez, que tivo que abandoar o campo e a falta de probas, parece de gravidade.



A primeira metade resultou igualada e sen demasiadas ocasións de gol. Os dous tantos locais chegaron moi preto do descanso. O primeiro nunha acción moi protestada polo Viveiro na que o colexiado sinalou penalti. O ex viveirense Iker Hurtado non errou desde os once metros. Pouco despois, nunha contra levada por Lautaro finalizouna Murilo cun remate lonxe do alcance de Ayoub.

A segunda metade foi de claro dominio viveirense. Alberto López situou a Gamarra e Morais en punta, con Rolle xusto por detrás e os celestes xeraron ocasións moi claras para darlle a volta ao marcador. Morais, a falta de vinte minutos para o final, rematou ao fondo da portería un bo centro de Adrián. O propio Morais tivo outra boa ocasión para empatar, pero o gardameta David estivo moi atinado. A máis clara, xa preto do final, foi para Rolle, que tras pase de Gamarra, rematou fóra libre de marca.

Só o Polvorín é quen de sumar na Terceira

Melendo estréase como goleador e o Antas

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *