A Preferente volverá a vivir unha nova semana un derbi lucense. Neste caso, chega con dous equipos que teñen aspiracións diferentes, pero unhas xeiras positivas que lles están dando ás para poder loitar polas metas que queren acadar na tempada. O Burela será o local e chega fóra do descenso con dúas vitorias consecutivas, mentres que o Pol é o único invicto dos dous grupos e está na terceira posición. O encontro será este domingo na Marosa a partir das 16.30 horas
As dúas vitorias déronlle aos mariñáns un soplo de aire fresco para este inicio de tempada, sobre todo pola posición que ocupan no momento. O derbi ante o Chantada e o encontro ante o Betanzos deron seis puntos que sacaron aos de Julio Castro dos postos de descenso. Aínda que están no límite, distancian en tres puntos ao Órdenes, en catro ao Chantada e ao Dubra e en cinco ao Dumbría. Un comezo de colchón que pretenden que siga medrando co paso das xornadas.
Mentres tanto, o Pol é unha máquina que xa está practicamente a punto, polo menos tal e como din os resultados. A frase de que ás veces é máis importante non perder que gañar estana levando a pulso, xa que son o único equipo invicto dos dous grupos da categoría. Un bloque que ten dous líderes claramente marcados e que o fan a través do gol. Dos vinte tantos que leva o conxunto chairego no que levan de campaña, terceiro equipo máis goleador, Javi Rey e Fito suman xa 15 tantos, o 75 por cento dos tantos dos de Labrada.
OS PROTAGONISTAS
Yago Martínez, centrocampista do Burela

Boa xeira para saír do descenso: Ganar un derbi sempre é mola, e encima foi contra o Chantada que ten un bon equipo e vai estar na loita pola permanencia xunto a nós. Contra o Betanzos tivemos un partido duro onde nos tocou loitar. Confiamos en seguir nesta xeira porque está moi ben ter a vitoria na cabeza porque cando perdes parece que estás no pozo.
Loita para seguir da Preferente: Cando saes do descenso ves todo doutra forma porque abaixo é todo peor. Temos que seguir pelexando porque falta moita liga, saímos do descenso, pero temos que conseguir que isto sexa posible durante todo o ano. Hai que gañar o máximo número de partidos posibles para manternos na categoría.
Chave do encontro ante o Pol: Todo vai pasar por loitar da mesma forma que fixemos nestes dous encontros. Non nos podemos rendir en ningún minuto porque teñen moita calidade individual. Tampouco podemos perdoar se temos oportunidades porque eles castigan o mínimo error.

Javi Liz, porteiro do Pol

Único invencible da Preferente: Está sendo unha marabilla de comezo e sobre todo se o comparamos co que pasou o ano pasado, onde tivemos un comezo moi malo. Incluso, poderíamos dicir que levamos menos puntos dos que parecía. Estamos todos moi animados e estamos creando un moi bo grupo.
Punto de mira na promoción: O ano pasado tamén se dicía que tiñamos que estar o máis arriba posible, pero nesta tempada creo que se pode dar. Ao final é complicado, pero penso que debemos estar nesa loita para a promoción. Para iso, hai que manter esta dinámica, sobre todo de adestramentos porque todos veñen encantados e aproveitamos as instalacións coas que contamos en Pol. So pedimos que nos respecten as lesións e seguir desfrutando.
Chave do encontro ante o Burela: Vai ser un partido moi igualado, da mesma forma que xa foron os do ano pasado. Temos que intentar facer o fútbol que despregamos sempre, moi ofensivo para xerar un gran número de oportunidades. Despois, Deus dirá, porque un derbi sempre se vive de forma máis intensa.
A ANÉCDOTA
Os pasos de ambos equipos foron practicamente iguais para chegar á Preferente. A tempada antes de ascender, o Pol quedou quinto, mentres que o Burela quedou cuarto e ambos foron campións para facerse co ascenso. Para iso, tiveron que superar os oitenta puntos, aínda que os chairegos o fixeron con seis puntos máis e dez de marxe, mentres que os mariñans sacaron tres de rédito.
A AXENDA
Terceira RFEF
Gran Peña-Viveiro (domingo ás 12.00 horas en Barreiro): Despois dunha vitoria moi meritoria ante o Alondras, onde estiveron en boa parte do encontro cun xogador menos, chega un encontro moi importante ante un dos equipos que podería chegar a ser un rival co que xogarse a permanencia ao final da tempada.
Preferente Futgal
Lemos-Atlético Arnoia (domingo ás 16: 30 horas na Pinguela): Despois de caer por primeira vez en toda a tempada, o Lemos terá na casa unha oportunidade de sacar puntos a un equipo que promete estar na parte alta da táboa clasificatoria da Preferente Sur. Un encontro importante tamén para non perder comba dun Marín en boa liña.
Primeira Futgal
Racing Villalbés B-Cire de Melide (domingo ás 16.50 horas no Campo da Fonte): Despois de perder o mando, os chairegos reciben na súa casa a un dos grandes cocos do grupo. Os de Melide suman dúas vitorias consecutivas e queren consolidarse na zona alta da clasificación. Un encontro entre favoritos fermoso por diante.
Segunda Futgal
Antas-Palas (domingo ás 18.30 horas no Castro Seoane): O derbi da Ulloa chega nesta xornada con dous equipos que teñen moi bos inicios. O Palas chega na cuarta posición e como o equipo en mellor forma de toda a competición, mentres que o Antas suma dous encontros sen coñecer a vitoria e é quinto.
Terceira Futgal
Sporting Pontenova-Muimenta (domingo ás 16.15 horas na Mina): O único equipo que sumou os quince puntos posibles ata o de agora mídese ao segundo, que acumula once. Un encontro entre dous grandes proxectos dentro do Grupo Norte da Terceira Futgal.
Fútbol feminino
SD Chantada-PM Friol B (domingo ás 16.30 horas no Sangoñedo): Temos derbi lucense na Segunda Galega Grupo 2, onde o Chantada e o Friol B darán moito de que falar. Non só polo encontro xeográfico, xa que as locais son primeiras e as visitantes segundas e con opción de empatar a puntos de levar o encontro.

