#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

A imbatibilidade do Pol remata no derbi co Burela

Chega un Trío de Ases Panadería do Cantón sen vitorias na Terceira RFEF. O Racing Vilalbés sumou un punto na súa visita ao campo do Arenteiro, mentres que a Sarriana e o Viveiro caeron a domicilio diante de Antela e Gran Peña, respectivamente. Na Preferente, o Burela gañou no derbi provincial diante do Pol e o Chantada caeu derrotado na Porta Santa de Paiosaco. O Lemos perdeu por segunda xornada consecutiva fronte ao Atlético Arnoia.

TERCEIRA RFEF

A Sarriana erra nas áreas e perde fronte ao Antela (3-2)

Encontro no que a Sarriana mereceu un mellor premio, pero que se viu penalizado polos erros nas dúas áreas. O encontro comezou con dominio de balón dos de Alberto Mariano fronte a un Antela que optou por unha presión moi alta que non tardou en darlle os seus froitos. Antes de cumprirse o primeiro cuarto de hora de xogo, nun gran centro de Tiago que rematou Charli ao fondo da portería. A partir de aí a Sarriana contou con numerosas ocasións. Adri Rodríguez e Osián por dúas veces, gozaron das máis claras, pero sen acerto.

Xusto ao voltar de vestiarios chegou o empate, obra de Jacobo cun bo disparo desde fóra da área. O Antela non tardou en adiantarse novamente logo dun penalti cometido por Iago López que transformou Negrete. Só un minuto máis tarde, no medio do desconcerto, Negrete volveu marcar, desta volta tras un servicio de Charli. Co encontro costa arriba, a Sarriana recompúxose e logrou recurtar diferencias cun tanto desde o punto de penalti anotado por Iago Parga. O conxunto visitante buscou sen cesar o gol do empate, pero atopouse cun excelso Iago Salgado na portería rival, realizando paradas de moito mérito a Adri Rodríguez e Pascu.

O Racing Vilalbés empata sen goles no Espiñedo fronte ao Arenteiro (0-0)

Encontro moi condicionado polo mal estado do céspede debido á gran cantidade de choiva que caeu sobre o Carballiño. Ámbolos conxuntos optaron por un fútbol directo e estiveron precavidos de non cometer erros preto da área rival. Os chairegos foron lixeiramente superiores no primeiro tempo, aínda que sen chegar a xerar ocasións claras de gol.

Tras o intermedio, aínda co céspede máis maltreito, comezou mellor o Arenteiro e dominiou ata o ecuador do segundo tempo, momento no que Juan Rodríguez deu entrada da Borja Míguez, Brais e Javi Muiño e o Racing Vilalbés estivo máis atinado e gozou de varias chegadas á área rival, gozando Adri Castro da ocasión máis clara para facer gol.

O Viveiro roza a épica, pero cae no campo do Gran Peña, rival directo (2-1)

Partido tamén moi condicionado pola forte choiva no que o Viveiro xogou máis de oitenta minutos con dez xogadores ao ver o central Diego dous cartóns amarelos en apenas dous minutos, o segundo deles moi riguroso. Os mariñáns, obrigados polas circunstancias, xogaron repregados e coas liñas xuntas. O Gran Peña avisou cun testarazo de Julius ao longueiro antes de que chegara o primeiro tanto local. O colexiado sinalou un penalti moi protestado polos celestes, cometido por Esquerdeiro, que transformou Robert Carril, malia que Ayoub estivo a piques de lograr detelo. O Viveiro rozou o empate nun disparo de Lucas desde longa distancia que bateu no longueiro.


No segundo tempo, o Viveiro non notou a inferioridade numérica e amosouse moi superior ao Gran Peña. Os de Marcos Pereiro lograron defender lonxe da súa portería e lograron o tanto do empate grazas a un bo disparo de Cora desde a frontal logo dun servizo de Dani. Con máis de vinte minutos por diante, o encontro rachouse e os locais lanzáronse a pola vitoria e o Viveiro protexeuse na procura dalgunha contra. Cando todo parecía encamiñado ao empate, e xa co tempo cumprido chegou o gol da vitoria para o Gran Peña, obra de Hugo Táboas. No último suspiro, Dani a piques estivo de acadar o empate dun testarazo que saiu rozando o pao.

PREFERENTE FUTGAL

O Lemos encaixa a segunda derrota consecutiva diante do Atlético Arnoia (0-1)

Os monfortinos baixan á quinta praza logo de caer por primeira vez na tempada na Pinguela. O encontro resultou parello no primeiro tempo, cun Atlético Arnoia cunha liña defensiva de tres centrais e dous carrileiros que buscaban saír rápido á contra, sen xerar ocasións claras no periodo inicial. As opcións máis claras para marcar foron dos locais. O debutante Musa e Aragón tiveron dous man a man que solventou ben o gardameta Borja.

Os de Alberto López tiveron o dominio do xogo no segundo tempo, aínda que sen acerto de cara a portería rival. Caden, Sergi e Herrero atopáronse novamente coa inspiración do porteiro visitante e nunha contra Gabri fixo o tanto da vitoria visitante.

O Burela suma a terceira vitoria consecutiva no derbi e remata coa imbatibilidade do Pol (1-0)

O Burela botou o candado e chegaron as vitorias. Tres xornadas sen recibir un só tanto logo de encaixar unha media de tres nas oito primeiras xornadas. Un troco radical que fixo que os mariñáns sumaran tres vitorias consecutivas, a última no derbi provincial diante dun Pol que perdeu na Marosa a súa condición de invicto. Os de Ramón Labrada levaron a iniciativa nun encontro intenso e gozaron de dúas ocasións claras de Fito e Alvarito ás que respostou ben Franco. O Burela tentou levar perigo a través do xogo por bandas, sen demasiado éxito.

No segundo tempo, os locais saíron mellor ao campo e tiveron controlado a un Pol que notou en exceso a ausencia de Javi Rey. Nun saque desde o curruncho chegou o único tanto do partido, obra do central Borja, fillo de Valú, mítico defensor do conxunto burelao. Os chairegos buscaron o tanto da igualada con máis corazón que cabeza e non contaron con ocasións en boa medida grazas a un gran esforzo colectivo de todo o equipo.

O Chantada con moitas baixas cede no último cuarto de hora fronte ao Paiosaco (3-0)

O gran número de baixas é unha das claves da mala xeira dos chantadinos, que malia todo competiron ben nunha primeira metade de moita igualdade, sen un dominador claro e sen demasiadas ocasións de gol. O Paioasaco soamente inquedou a porteria visitante nalgunha acción de Iván Amor que rematou con tiros lonxanos, mentras que o Chantada estivo a piques de marcar nun lanzamento de Hamza que rexeitou o porteiro e que Mateo non puido empurrar por escasos centímetros.

O segundo tempo seguiu coa mesma dinámica, aínda que o conxunto local se viu revitalizado cos trocos e tivo máis dominio de balón, pero sen chegar a xerar ocasións de gol. Todo trocou no derradeiro cuarto de hora, cando o Paiosaco logrou adiantarse nun saque desde o curruncho que rematou Adai. Os de Traste volcáronse na procura do empate e os branquiverdes aproveitaron os espazos á contra. Jorge Raña fixo o segundo e Carracedo, xa co tempo cumprido, sentenciou co terceiro.

A imbatibilidade do Pol remata no derbi co Burela

A imbatibilidade do Pol remata no derbi