Jano foi un dos grandes protagonistas da xornada no grupo sur da Segunda Galicia. Jano marcou tres goles na destacada vitoria do San Roque ao líder Oural; a cuarta consecutiva. Alejandro Hernández ‘Jano’ é o futbolista con mellor ritmo de goles na categoría. Todo nunha finde na que no norte perdeu outro destacado equipo da zona alta. O aínda pechacancelas Roupar logrou derrotar ao filial do Racing Villalbés. En Semana Santa xóganse os oitavos de final da Copa. A liga volve a primeira fin de semana de abril cun derbi clave pola permanencia: Muimenta – Cospeito e sen Luis Romay no banco do cadro vermello.
24 xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’:
- Equipos que máis gañaron: Pastoricense e Iberia (18 vitorias)
- Equipo que menos perdeu: Pastoricense (dous partidos)
- Equipo que máis puntuou: Pastoricense (58 pts.)
- Equipo que máis goles marcou: Oural (64 goles)
- Equipo que menos goles encaixou: Iberia (17 goles)
- Equipo con maior diferencial de goles: Pastoricense (+40)
- O rei do empate: Xermade (12)
- Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (21 goles)
- Equipos que cambiaron de adestrador: 10
- Tendo en conta as tres últimas xornadas…
- Na boa xeira: Pastoricense, Iberia, Palas e San Roque (Iberia e San Roque levan catro vitorias seguidas)
- Futbolista na mellor xeira goleadora: Jano do San Roque (6 goles)
- Equipos meno goleado: O Xermade (un gol)
*Non participan no reconto referido aos partidos ao estar pendentes de xogar un: Incio e Friol (este xoves ás 16:30h no Carboeiro).
O Pastoricense non decepciona no duelo de proximidade co Mondoñedo
Chegou a décimo oitava vitoria do curso para o Pastoricense. Logrouna ante o Mondoñedo (4-1), un partido entre rivais pertencentes a concellos colindantes. O cadro da Pastoriza asenta unha nova xeira de tres triunfos seguidos. Con todo, non logra evitar a persecución do Iberia que segue a un punto. Si se distancia do Racing B, quítalle seis puntos e ten o gol average ao seu favor.
O panorama non é alentador para un Mondoñedo que continúa igualado co descenso directo. É antepenúltimo empatado a puntos co Abadín, equipo que pasará na penúltima xornada polo Viñas da Veiga.


O Pastoricense dominou a posesión da pelota e comezou a xerar perigo. Nun córner, Ares adiantou aos seus. Con todo, na seguinte xogada, o Mondoñedo empatou por medio de Javi Álvarez que continúa co seu idilio co gol. Cinco tantos nas últimas seis xornadas. Os locais si retomaron o mando do partido, pero o empate foi o resultado ao descanso.
No segundo acto, o monológo do Pastoricense non se traduciu en gol ata ben avanzado o partido. O entramado defensivo visitante aguantou ata perto do minuto 75. E iso que a entrada de Manupa e Raúl notouselle moito ao líder. Ares volveu poñer por diante aos seus. Dobrete na tarde e terceiro gol nunha semana. Logo, Iaguito nunha gran acción e Borja culiminarían o resultado final.
O Iberia, primeiro trimestre de 2024 invicto
O equipo de San Miguel de Reinante continúa moi preto do líder. Venceu na Fonte ao Cospeito (1-5). Segue cunha traxectoria envexable nos tres meses de 2024. Logrou nove vitorias e un empate. A xeira actual fala de catro triunfos consecutivos. Mantense a un punto do líder e agora con cinco de vantaxe sobre o Racing B (aínda se teñen que enfrontar).

Pola contra, os malos resultados do Cospeito remataron coa paciencia e os esforzos de Luis Romay como adestrador. Doce partidos leva o conxunto sen lograr sumar de tres. O grupo, que estivo a piques de ascender á Primeira o curso anterior, non lle están saíndo as cousas este ano. Teñen cinco puntos de marxe co descenso directo e só dous equipos polo medio.
O resultado ao descanso era de 0-0. O Cospeito comezou moi ben. Diego, Xoán ou Paredes puideron marcar. Pouco a pouco, os visitantes tamén foron tendo as súas ocasións por medio de Dani Prieto, Barrera, Samu ou Antón.
No segundo tempo, a fortuna acompañou ao Iberia no primeiro gol. O disparo de Jordane petou no longueiro e, polo visto nas imaxes, o balón parece que sae claramente fóra da liña de gol. O colexiado deuno por válido. Por se quedaran dúbidas, Jordane marcou o segundo. E o Iberia redondeou a conta ata chegar a cinco. A única boa nova para os locais foi que o gol da honra foi marcado polo xuvenil Antón.
O Racing B perde comba en favor dun Roupar que segue crendo
Foi a sorpresa da xornada no grupo norte. O filial racinguista perdeu o seu cuarto partido da temporada ante o último clasificado do grupo. O Roupar venceu na Fonte de Cospeito por 2-3. O resultado complícalle as aspiracións ao Racing B de pelexar polo primeiro posto ata o final. Está a cinco puntos do Iberia e a seis do Pastoricense.
En cambio, os tres puntos deixan moi vivo ao Roupar a pesar de seguir na última posición. Está a un punto de saír do descenso directo e moi preto de outros equipos co que tamén ten todas as opcións de evitar arrastres. Hai que destacar que o cadro verde rematou a primeira volta con tan só 5 puntos e a sete do antepenúltimo.

O filial marcou ao comezo por medio de Samu, tras comezar o partido dominando e xerando ocasións. Con todo, o Roupar logrou remontar antes do descanso. O conxunto verde pechouse atrás e tratou de evitar que o rival xerase ocasións, a pesar de levar con axilidade o balón a posicións de perigo.
No segundo tempo, Migui e Gabri déronlle frescura o xogo e o Racing B empatou, precisamente por medio de Migui. O Roupar quedou cun menos pola expulsión do porteiro Fran, pero ao pouco equilibráronse as forzas coa expulsión de Dani Yáñez nunha acción que rematou en penalti. Nando transformou a pena máxima e conseguiu o terceiro para os seus e o marcador non se moveu máis.

O Sanci mantén distancias e volven reducirse as opcións do Xermade
O gran duelo da xornada na loita polo play off finalizou en empate. O Sanci e o Xermade igualaron a un gol, que lle permite aos de San Cibrao seguir na 4ª posición mantendo oito puntos de distancia co 6º. O gol average queda tamén empatado.
Pola súa parte, o Xermade volve estar a seis puntos do Folgueiro (5º). Aínda por riba, o equipo pertencente ao concello do Vicedo tenlle o gol average gañado.
Foi unha primeira parte igualada cos roles ben definidos. Os locais tiñan a posesión do balón e o Xermade trataba de saír á contra. Fran tivo unha gran oportunidade para os visitantes cun remate ao longueiro dentro da área pequena.
No segundo tempo, o Sanci púxose por diante cun gol de Borja Mella tras centro de Bruno. Arriscou o Xermade e logrou empatar nunha xogada colectiva culminada polo capitán Esteban Pernas. Na recta final, os locais tiveron dúas ocasións moi claras para gañar. Atoparon co gardamallas rival Ángel que realizou grandes paradas.
O Folgueiro aproveita para seguir acomodado na 5ª praza
O resultado do duelo directo entre o Sanci e o Xermade, unido a vitoria por 5-1 ante o Alfoz, permítelle ao Folgueiro aumentar a súa vantaxe no 5º posto. Queda con seis de marxe sobre o 6º e volve ter moi preto ao Sanci, a dous puntos.
Pola súa parte, o Alfoz cortou a xeira de catro partidos sen perder. Está asentado na zona media da táboa. É oitavo con 30 puntos. Precisará dalgún puntiño máis para non pasar ningún tipo de apuro.
O Folgueiro tivo un partido máis difícil do que di o resultado. Atopouse cun Alfoz moi ben plantado e coas liñas moi xuntas. De feito, foron os visitantes os que se adiantaron. De penalti marcou Pablo Río.
No segundo tempo, os locais buscaron con insistencia o gol. Cando o conseguiron, o partido rompeuse, terminaron goleando e puideron ter un final de encontro relaxado.

O Cabreiros gústase cun póker de Chema
O equipo da Acea alcanza a súa posición máis alta na clasificación neste curso. Chegou á 7ª praza logo de golear ao Sporting Pontenova (5-1). Con todo, chega tarde para pelexar polos postos de promoción. Está a 11 puntos cando quedan 18 en xogo.
Pola súa parte, o conxunto pontenovés baixou ata a novena posición. Acumula oito partidos sen gañar. Non logra o triunfo dende a primeira xornada da segunda volta. Conta con 29 puntos e precisará dalgún máis para confirmar a permanencia. Trátase dun equipo en construción cunha media de idade moi nova e en constante cambio.
O Sporting Pontenova chegou a Cabreiros tamén mermado polas baixas. Os locais foron superiores e xeraron moitas ocasións. Marcaron o primeiro gol antes da media hora. Chema fixo un dobrete. Foron aguantando os visitantes grazas a Gabri que fixo boas paradas a pesar de terminar encaixando cinco tantos.
No segundo tempo, Chema completou o seu póker de goles. O futbolista pontés volveuse moito máis goleador dende a chegada de Isaac Rouco. Leva en total 8 goles no curso. O cadro visitante mellorou na recta final e marcou o gol da honra.
No Cabreiros xa tivo minutos a última incorporación. Ficharon ao dianteiro Moha, procedente do Catro Roldas da Terceira Galicia.

Zona baixa, sete equipos en oito puntos
A Comercial é 10ª con vinte e seis puntos. A Candelaria está un posto máis abaixo e ten un punto menos. O Cospeito é 12º con 24 puntos. Na 13ª praza atópase o Muimenta con vinte. O Mondoñedo ocupa a antepenúltima posición con dezanove puntos. En descenso directo están o Abadín (19 pts.) e o Roupar (18 pts.).
Houbo dous duelos directo a pasada fin de semana. Nas Gándaras xogaron a Comercial e o Muimenta (1-1). Foi un partido con ocasións, pero pouco vistoso no xogo. Os goles producíronse no primeiro tempo. Púxose por diante o Muimenta. Jesús aproveitou un balón dentro da área para marcar. Pouco lle durou a alegría aos celestes. Aos tres minutos, empataron os locais por medio dun centro lateral que rematou a gol Julio.
No resto do partido, ambos conxuntos tiveron achegamentos para levar o partido. Con especial protagonismo para o balón parado. Por alto, quen reinou foi Noche, o gardamallas do Muimenta non errou cando a pelota viña por arriba.
No Municipal xogaron o Abadín e a Candelaria (2-3). Encontro moi desputado e iso que o conxunto local acudiu moi mermado de efectivos. A Candelaria adiantouse rápido. Nunha xogada pola banda esquerda, cun pase ao segundo pau, Pablo fixo un recorte e marcou. O Abadín empatou por medio de Seco ao aproveitarse dun erro defensivo visitante.
No segundo tempo, saíu ben a Candelaria xerando perigo a balón parado. Nun deles, Pablo centrou e Rocky rematou para logralo segundo tanto. Pedro empatou de novo para o Abadín. Rafa, nunha acción pola banda esquerda e de tiro curzado, marcou o gol do triunfo.

Oitavos de final da Copa Deputación
*O rival dos cuartos de final sae do equipo gañador da eliminatoria que está colocada xusto debaixo.
- Iberia – Muimenta (dom. ás 17:00h nas Valgas)
- Casás 0-3 Comercial
- Piringalla – Racing Villalbés B (xov. ás 16:30h nas Gándaras)
- Candelaria – Xermade (xov. ás 16:30h na Granda)
- San Roque – Becerreá (xov. ás 16:30h no Polvorín)
- Brollón – Antas (xov. ás 18:45h nos Medos)
- O Páramo – Friol (dom. ás 17:00h nas Rapadas)
- Rubián – Paradela (xov. ás 16:30h no Poste)
Os pases do Casás e do Rubián e os catro de Rocky
O Oural perde, pero mantén a vantaxe co segundo
Terceiro partido perdido de curso para o Oural. Sucumbiu ante un San Roque á alza (3-2). Con todo, semella que perdeu na xornada axeitada. O Becerreá tamén fallou e o Brollón so empatou. Polo tanto, mantén cinco puntos de vantaxe co segundo e son agora nove de distancia co terceiro.
Pola súa parte, o San Roque está no seu mellor momento do curso. Suma catro vitorias seguidas. Cousas do fútbol, coincide xusto coa saída de Fernando Corredoira cara o Castro e a xestión das funcións só por Piru. Evidentemente que todo é froito dun traballo conxunto anterior. Son 9º con 34 puntos. A permanencia está garantida. Están a espera de que o Friol xogue o seu partido pendente co Incio para ver a que distancia quedan do 5º.
O partido púxoselle de cara ao San Roque. Marcou nada máis comezar. Aos poucos minutos, o Oural fixo o empate por medio do máximo goleador Mario. Os locais trataron de minimizar o potencial defensivo do líder e aproveitáronse dalgún erro defensivo rival. Antes do descanso conseguiron ir por diante co 2-1.
Na segunda parte, o San Roque seguiu realizando un partido serio e logrou anotar o terceiro. O dianteiro Jano completou o seu gran día cun hat-trick. O atacante lucense é o que máis goles marca nas últimas catro xornadas na categoría. Acumula sete. Intentouno o Oural pero con máis corazón ca xeito. Si marcou o segundo por medio de Colon cun lanzamento directo dende fóra da área. Pero non lle deu para máis.
O Ferreira resucitou o seu potencial ante o Becerreá
Tres vitorias tan só levaba o Ferreira na segunda volta. Situación que o estaba afastando de poder xogar play off. Venceu ao Becerreá (2-1) e sigue estándo na pomada. Queda a catro puntos do Antas (5º) e a tres do Friol (6º); a espera de que o cadro friolés xogue este xoves o seu partido pendente co Incio.
Pola súa banda, o Becerreá perdeu o primeiro partido de 2024 no peor momento; xusto na xornada que lle podía recortar puntos ao líder. Mantense a cinco de distancia con respecto ao Oural.
Entrou mal ao partido o Becerreá e todo o contrario os locais. Ao cuarto de hora, o Ferreira xa marcara dous goles por medio de Dani Bernárdez e Rafa.
No segundo tempo si que o Becerreá empurrou moito e tiveron numerosas ocasións. Chegou a recurtar distancias por medio de Kevin, pero non chegou para o empate.
O Brollón desperdicia a oportunidade
O Brollón puido acercarse máis ao Becerreá e ao Oural, pero empatou ante o Incio (3-3). Queda a catro puntos do 2º e a nove do 1º. En fronte tivo un Incio que agarda lograr os tres puntos no partido deste xoves co Friol para deixar case sentenciada a permanencia.
Ao pouco de comezar, Chivi puxo por diante ao Brollón. En cambio, na seguinte xogada xa empatou o Incio por medio de Edu. Con todo, antes do descanso o Brollón volveu poñerse por diante e ampliou a súa conta. Nico marcou o segundo logo dun saque de banda. Damián puxo o terceiro cun gran tiro dende fóra da área.
Na segunda metade, o guión preestablecido non se reproduciu. Aos dez minutos, o Incio anotou o segundo. Noutro fallo defensivo, os locais lograron empatar. Marcaron Weimar e Maicol. Intentouno o Brollón, pero sen claridade e tivo que conformarse co empate.

O San Lázaro, único gañador da zona alta
Os pupilos preparados por Nico foron os únicos integrantes da promoción de ascenso que venceron a pasada fin de semana. Co triunfo ante o Paradela (3-1) seguen cuartos, a dous puntos do terceiro. Teñen catro puntos máis que o Antas e esperarán á tarde deste xoves para ver que diferenza teñen co Friol.
Pola súa parte, o Paradela é 11º con 29 puntos. Afastado en doce do descenso directo, pero sen esquecerse da posibilidade dos arrastres. Precisará dalgún punto máis para non pasar apuros.
Saíu moi enchufado o San Lázaro ante un feble Paradela acusado tamén de novo polas baixas. Dominaron os locais pero non deron co gol ata pouco antes do descanso. Tardaron, pero atinaron de vez porque en poucos minutos Vigo fixo un dobrete.
No segundo tempo, o San Lázaro non baixou o seu ritmo. Lucho marcou o terceiro. Na recta final, o Paradela empurrou máis e logrou un gol por medio de Luis. O rapaz marcou por segunda semana seguida.
Play off, catro equipos con posibilidades de entrar
Á espera de coñecer o resultado do partido Incio-Friol, catro equipos están a seis puntos do 5º posto. O cadro friolés é 6º, a un punto. Mentres que o Ferreira 7º está a catro, o Palas (8º) a cinco e o San Roque (9º) a seis.
O Friol recuperou sensacións ao derrotar a un Lemos B (0-2) que complica a súa situación. O equipo preparado por Javi Pájaro xerou ocasións na primeira parte. Tan só marcou un tanto por medio de Dani Roca. No segundo tempo, os visitantes deron un paso atrás e dominou o filial lemista. Alejo salvou aos seus baixo paus e nos último intres sentenciaron co segundo tanto.
O Palas manda na Ulloa
O Palas venceu no derbi ao Antas (3-0). Confirma a súa permanencia na categoría e mira de reollo cara a zona alta que precisamente marca o seu rival. A cinco puntos de distancia. Queda o Palas co gol average porque na primeira volta só perdera (1-0).
O Antas saíu moi ofensivo para tratar de sorprender ao Palas. Tiveron opcións de marcar, pero non estiveron nada finos ante a portería rival. O Palas tamén xerou as súas e marcou por medio dun tiro libre de Tenerife.
Aos dez minutos do segundo tempo, Brais marcou o segundo. Posteriormente, tras un córner, Buján fixo o terceiro. Na recta final, o Antas puido recortar de penalti. Mateo paroulle o lanzamento a Méndez.
O Quiroga a piques de certificar a permanencia un ano despois de cantar o ascenso
Quinto triunfo do Quiroga nos últimos seis partidos. Venceu pola mínima a un rival directo como o Chantada B (1-0). Os quince puntos conseguidos deixan ao equipo moi preto de asegurar a salvación. Aínda que terá que sumar algún punto máis para non pasar apuros. Xusto hai un ano celebraba o seu ascenso de categoría.
O Quiroga levou o peso do partido e tivo máis ocasións. Á media hora do primeiro tempo, nun córner, os locais marcaron o tanto do encontro por medio de Cañero. Puido empatar nalgún achegamento o filial do Chantada, pero non atinaron. Máis dominio dos locais no segundo tempo que puideron ampliar distancias no marcador, pero non o lograron.

O Carballedo volve crer e sentencia ao Sporting Lucense
Xogaban os dous equipos que ocupaban postos de descenso directo. A vitoria caeu do lado do equipo que tiña máis puntos. O Carballedo venceu 4-0 e queda a dous puntos de distancia de saír deses postos. O Sporting Lucense queda con 11 puntos, a oito do antepenúltimo. Ademais, Merino practicamente deixa o club para continuar como segundo adestrador no Taboada.
O encontro comezou igualado. O partido rompeuno á hora e media de xogo, Moncho. O dianteiro anotaría un gran gol que mandaría no marcador ao descanso.
O inicio do segundo tempo, un gol en propia do Lucense, facilitoulle as cousas aos locais. O encontro abriuse e o Carballedo alcanzou a goleada á contra. Moncho marcaría dous máis e completaría o seu hat-trick.
O Lemos B é 13º con vinte e tres puntos. O Chantada B ocupa a antepenúltima posición con dezanove puntos. En descenso directo están o Carballedo (14 pts.) e o Sporting Lucense (11 pts.).
