O Iberia está inmerso na loita polo ascenso da categoría máis igualada no noso fútbol: a Segunda Galicia Norte. Os de San Miguel ostentan actualmente un segundo posto que só mellora o Pastoricense de Basi e, á súa vez, son seguidos de preto polo Racing Villalbés ‘B’, dirixido por Iván Lamas.
O técnico do conxunto das Valgas, Miguel Fuente Rego ‘Moro’, atende hoxe aos nosos micros para analizar o tramo restante da temporada do Iberia e os seus competidores.
Futbolinlugo: Móllate. Quen vai ascender directo á Primeira?
Moro: O que máis opcións ten é o Pastoricense: vai un punto por diante e son súper fiables. Nós levamos moi boa dinámica e non nos deu para alcanzalos aínda, pero penso que tanto nós como o Racing Villalbés ‘B’ temos moitas opcións. Iso si, dependemos do que faga o Pastoricense.


Fil: E na promoción?
M: Aí iguálanse as forzas e o que pasou na liga non importa: iso xa se viu o ano pasado aquí, vese cada ano na Segunda División. O que chega en dinámica positiva é o que ten máis opcións. Se o Racing Villalbés ou nós nos desenganchamos do primeiro posto, chegaremos estables a nivel emocional e veremos que pasa.
Eu creo que se a promoción fose nun campo neutral, a semifinal e a final, teríamos moitas opcións. Ao xogar cada un na súa casa, os partidos iguálanse ao 50%.

Fil: Como definirías o xogo do teu Iberia?
M: Tentamos ser protagonistas con balón; ter un bloque compacto; que ataquen e defendan todos os xogadores xuntos na medida do posible. Xeramos bastantes ocasións a pesares de que non estean entrando os goles. Ademais, coa presión tras perda que exercemos tratamos de minimizar as opcións do equipo rival, aínda que cando teñen unha, é moi clara.
Fil: O Iberia de Moro é o conxunto menos goleado da categoría.
M: Si, débese a esa presión tras perda, esas axudas constantes de todos os xogadores e o ben que están rendindo os defensas: Borja e Pernas están ao nivel doutra categoría, os dous van ben de cabeza e ben ao espacio… e, alén diso, o noso gardamallas Alonso é moi fiable e se está adaptando moi ben ao xogo do Iberia. Case sempre temos a defensa no medio do campo, somos atrevidos.

Fil: Pero tamén o menos goleador dos tres clubes que están na cabeza da táboa.

M: Si que xeramos ocasións, e tamén adestramos moito a finalización: analítica, en xogado… despois chegan os partidos, a tensión é diferente, pero tampouco temos moito acerto nos adestramentos. Dedicamos moito tempo a este aspecto, restando doutros puntos como a táctica… pero a ver se empeza a entrar agora.
Fil: Está enganchada a xente en San Miguel?
M: O día do Iberia-Pastoricense foi incrible. Moitísima xente. Sempre houbo ambiente aquí, desde que eu estiven de xogador polo menos, hai cultura de vir ao fútbol. É raro que o Madrid ou o Barça che quiten xente, pero a xente adoita vir aquí. Ademais, eu creo que o estilo de xogo é vistoso polo protagonismo que temos.
Pero en liñas xerais, a afección do Iberia é fiel. É certo que este ano vai xente tamén desde Ribadeo, ao vir nós e algúns amigos nosos. Pero penso que o Iberia foi incorporando xente dos arredores: a xente de San Miguel é estable e regular. Ademais gústalles verse aí arriba e están ilusionados, aínda que saben que se non se ascende non pasa nada.
Fil: O partido deste domingo, ante o Cospeito, pode ser decisivo.
M: Agora son decisivos todos os partidos. Temos que facer un 7 de 7, como falaba co meu corpo técnico o outro día. Temos que facer 21 puntos máis, chegar aos 75 e, se non chegamos ao primeiro posto, aplaudiremos ao Pastoricense porque non os demos collido.
Aquí penso que lles ganamos ben, e na súa casa o empate foi xusto. Se non quedamos primeiros será polos resultados que sacamos en Alfoz e na Pontenova, na miña opinión: son os puntos que non deberiamos ter perdidos. Pero aínda así, a temporada é moi boa, e dache rabia que poda ser que non cheguemos.
«O Iberia quere ser un equipo protagonista co balón»

Fil: Aínda tedes por diante un duelo directo co filial do Racing Villalbés.
M: Si, o calendario máis asequible semella o do Pastoricense, pero aínda teñen que ir á casa dun Alfoz que a nós nos xerou moitísimos problemas: unha ocasión clarísima, un balón ao pau. É unha saída difícil, pero a nós tamén nos quedan partidos moi duros: Cospeito, San Ciprián, Villalbés, Abadín, etc. Agora todo o mundo apreta e compite.
O primeiro é gañar no sintético do Cospeito, que penso que se nos vai adaptar ben polo noso estilo de xogo, pero para min eles son un dos equipos que máis me gustou de toda a categoría.
Fil: Contabades con esta situación no Iberia ao comezo da temporada?
M: Eu si, sabía que tiñamos que estar arriba. Tiña algo de medo por ver se os rapaces que trouxen eu se adaptaban ben, e por se os que estaban no equipo se adaptaban a min. Fichamos moi ben: Alonso, Borja, Samuel, Mario Pardo… Pero tamén creo que a liga subiu moito o nivel cos descensos de San Ciprián, Pastoricense, Pontenova, o ascenso do Racing…
Pero tiñamos que estar aí. Son dinámicas, tivemos unha xeira mala fóra da casa, pero todas as temporadas teñen altos e baixos.
Fil: Os resultados son ben diferentes dos que viviches o ano pasado na Pontenova.
M: Si, moi diferentes. Pero a experiencia do ano pasado foi moi enriquecedora. Cando remate a temporada a ver se sei dicir con que temporada me quedo. O ano pasado competiamos con futbolistas cadetes contra rivais como o Escairón, que nos ganou no 97′. A Pontenova quedou fóra do descenso e baixamos por arrastres, sendo 15-16 os martes: o ano pasado foi un temporadón a pesares do resultado final, e este ano o Iberia está onde ten que estar polo equipo que hai.
Se non ascendemos, será unha mala temporada. Despois o fútbol ponche onde che toca e pode pasar calquer cousa, pero tes a futbolistas como Johny que che arreglan o partido cos seus detalles. No Iberia hai que recoñecer que mola moito gañar, pero o ano pasado tamén disfrutaba competindo. Aínda que a caña do despois do partido disfrútase máis se gañas.
Fil: Estaría preparado o cadro de xogadores do Iberia para competir na Primeira Galicia?
M: Si, con algún retoque. Terían que adaptarse a que algúns rivais van levar o peso do partido, como poden ser a SD Chantada ou a SD Burela: tes que saber tamén que non vas gañar todos os partidos, que non vai chegar coa calidade individual e que fai falta un traballo de grupo. Quizais fagan falta tres ou catro fichaxes, para que haxa máis competitividade, pero hai moito feito. Hai mellor equipo este ano no Iberia que o ano pasado na Pontenova.