#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Marcos e Jorge, a herdanza pasa de pais a fillos no Iberia

Marcos Rodríguez Rañón compartiu por primeira vez equipo co seu fillo Jorge. Ambos entraron xuntos ao campo no partido que o Iberia xogou co Roupar nas Valgas o 14 de xaneiro de 2024.

Marcos e Jorge protagonizan a imaxe da xornada na Segunda Rexional. Marcos e Jorge, pai e fillo, coincidiron por primeira vez nun campo de fútbol e co mesmo equipo. Marcos e Jorge saltaron xuntos ao céspede das Valgas na vitoria do Iberia sobre o Roupar. Marcos Rodríguez Rañón, o eterno capitán do club de San Miguel de Reinante, ve cumprido así un dos seus soños. 

Os datos das quince primeiras xornadas en ‘O Noso 11 A Chaira’

  • Campión de inverno zona norte: Pastoricense
  • Campión de inverno zona sur: Oural
  • Equipos que máis gañaron: Pastoricense, Racing Villalbés B e Oural (11 vitorias)
  • Equipos que menos perderon: Racing Villalbés B, Pastoricense e Xermade (un partido)
  • Equipos que máis puntuaron: Pastoricense e Racing Villalbés B (36 pts)
  • Equipo que máis goles marcou: Oural (40 goles)
  • Equipo que menos goles encaixou: Iberia (11 goles)
  • O rei do empate: Xermade (9)
  • Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (17 goles)

O Pastoricense é o campión de inverno por un gol

O conxunto da Pastoriza remata a primeira volta como líder da zona norte. Con todo, está empatado a puntos co Racing Villalbés B. Ambos equipos encaixaron os mesmos goles (12). Aínda que o Pastoricense marcou un máis (35 fronte a 34). No duelo directo da primeira volta empataran na Madalena. A primeira fin de semana de febreiro xogarán no Acebreiro. 

Os pupilos adestrados por José Cendán ‘Basi’ acabaron coa xeira de oito partidos seguidos gañando. Se ben é certo, manteñen unha de dez encontros consecutivos sen perder. No 15º choque da liga empataron na casa ante un Cospeito que queda a cinco puntos da promoción

Foi un partido igualado con máis ritmo e intensidade ca ocasións. No primeiro tempo non houbo goles. Púxose por diante o Cospeito ao pouco de comezar o segundo acto. Un gol que o colexiado lle apuntou a Paredes, pero que dende o cadro visitante indican que o balón xa entrara no remate de Raúl



Xogaron máis directo os locais, con defensa de tres efectivos e intentando levar perigo polas bandas. Empataron no último minuto. Precisamente nunha transición pola banda, o balón chegou a Kanuto na frontal. O xogador de Reigosa pegoulle de primeiras e marcou o gol cun bo disparo. 

Ademais de perder dous puntos nos últimos intres, o Cospeito perderá a Raúl para as próximas xornadas. Unha lesión muscular impediralle o xogador de Castelo estar dispoñible estas semanas. O Cospeito visita este sábado (ás 16:00h) a un Cabreiros á alza e tampouco estará Cancio ao ter que cumprir sanción por acumulación de cartóns. 

O Pastoricense tamén xogará o sábado (ás 16:00h) de novo na casa para comezar a 2ª volta. Recibe ao San Ciprián, no que será un dos grandes partidos da fin de semana. Na primeira volta, gañara o Pastoricense (0-1).



O Racing Villalbés B volve estar igualado co primeiro posto. Sumou o cuarto triunfo seguido en Mondoñedo. Acumula oito partidos sen perder. O conxunto do Viñas da Veiga remata a primeira volta con tan só dous puntos por riba do descenso directo. 

Enfrontáronse dous equipos que o curso anterior subiran xuntos de 3ª a 2ª. Con todo, os obxectivos de cada un deles son ben diferentes agora. Os locais aguantaron ata mediado o segundo tempo cun bo entramado defensivo. O Racing B tivo a posesión case total do balón, pero sen excesivas ocasións de perigo no primeiro acto. 

Baixou fisicamente o Mondoñedo e o filial racinguista foi pouco a pouco meténdoos na súa área e buscando o gol de diversas maneiras. Non foi ata o tramo final, cando un centro de Cumbraos rematouno Adri a gol. 

O Iberia recorta puntos co liderado nunha xornada para a lembranza con Marcos e Jorge no campo

O conxunto de San Miguel de Reinante afianza a 3ª praza ao remate da primeira volta. Logrou a décima vitoria da temporada. Queda a catro puntos dos dous primeiros clasificados. Superou a un Roupar que continúa como colista a sete puntos da salvación.

O Iberia dominou o partido de principio a fin. Tivo moitas ocasións e o Roupar estivo a maior parte do encontro defendendo. Con todo, só marcou dous goles. Un deles de Barrera de penalti. O dianteiro volveu despois da súa lesión aínda que non está ao 100%. 



Co partido controlado, o momento máis especial viuse no tramo final. Nese intre saltaron xuntos ao terreo de xogo o capitán Marcos Rodríguez Rañón e o seu fillo Jorge. Primeira vez que pai e fillo xogan xuntos un partido oficial. 

Jorge debutou co Iberia. Aínda é xuvenil de primeiro ano e forma parte do cadro de xogadores do Iberia que compite na Segunda Galicia xuvenil grupo norte de Lugo. 

A coincidencia de Marcos e Jorge era algo agardado polos veciños de San Miguel. Foise retrasando tamén porque Jorge tivo unha lesión de cruzado da que acaba practicamente de recuperarse. Jorge fora convocado na Copa, pero non xogara. 

Sanci e Folgueiro empatan no duelo directo e seguen na promoción

O San Ciprián queda a sete puntos da cabeza e con cinco de marxe con respecto ao 6º posto. Pola súa parte, o Folgueiro ten a once puntos aos dous primeiros; tan só un máis sobre o 6º. Este duelo volverá repetirse na última xornada de liga e pode resultar decisivo para as aspiracións de ambos.

O partido comezou co Sanci levando o protagonismo do balón. Tentou facer dano polas bandas e marcou á media hora de xogo. Un centro dende a esquerda rematouno Joao no segundo pau. 

Ao comezar a segunda metade igualou o Folgueiro. Logo dun balón parado e tras un dobre remate na área pequena, marcou Erni. O seu noveno gol no curso. A partir de aí, puido gañar calquera. O San Ciprián notou a lesión de Antón que está pendente de ver o seu alcance. Finalmente, o marcador non se moveu.

O Folgueiro perde á Aarón. O atacante volve ao club no que se formou, o Lourenzá en 1ª Rexional. No que vai de temporada participara en doce encontros e marcara tres goles. O equipo de Boavista tampouco poderá contar no próximo partido con Sergi nin con Álvaro que cumpren sanción. Reciben ao Abadín o sábado ás 16:00h. 

O Xermade puido ser 5º, pero o Muimenta igualoulle tres goles

O empate no duelo directo entre o Sanci e o Folgueiro, pemitiríalle ao Xermade rematar a primeira volta nos postos de privilexio. Todo indicaba que así podía ser cando se chegou ao descanso no Pichón. O cadro preparado por Borja Bouza gañaba 1-3

Os visitantes controlaron o primeiro tempo. Marcaron Pedro Coria, Vila e Andy tres bos goles. Antes do tempo de lecer, os locais metéronse no partido cun penalti. Forzouno Jairo Gegunde e o propio Jairo lanzouno. 

O Muimenta subiu a intensidade no segundo tempo. Marcou o segundo nun lanzamento de falta directa obra de Miguel. Despois dun gol anulado, os celestes igualaron nos últimos intres. Jesús completou dentro da área unha acción iniciada polo porteiro Noche. O punto non quita aos pupilos de Álex Vázquez do descenso, pero si reduce a diferenza coa salvación. Está a dous do Mondoñedo. 

O Xermade queda a un punto do 5º posto. O domingo (ás 16:00h) na Mina visita ao Sporting Pontenova, rival directo nestes momentos por entrar entre os cinco primeiros postos da clasificación. Os locais non poderán contar con Hugo Segade que cumprirá sanción. Na primeira volta, o club xermadés gañara 1-0. 

O Sporting Pontenova, gran beneficiado polos resultados, perde a Álex Costea

Dende o 4º ao 11º clasificado, o único que gañou na pasda xornada foi o conxunto da Pontenova. Venceu a unha Candelaria que queda con catro puntos de distancia co descenso directo. 

Os locais saíron mellor no primeiro tempo na Mina. Unha gran xogada de Borja Lombardero desencadeu no primeiro tanto. Facilitoulle o pase a Hugo Segade que marcou. 

Na segunda metade, a Candelaria saíu mellor. Empataron nun centro de Runy que cabeceou á portería Rocky. O dianteiro comezou o ano nun gran momento goleador. Entre liga e Copa marcou xa catro goles

Con empate no marcador, case que a vitoria puido caer para calquera lado. A sorte acompañou aos da casa. Nos últimos minutos, os locais anotaron o segundo. 

No cadro pontenovés xa non estivo neste partido Álex Costea. O dianteiro que marcara no primeiro tramo de liga oito goles, marchou cara o Vegadeo asturiano. En cambio, xa xogou a última incorporación. O atacante Christian Arruñada que estaba sen equipo. Tamén se estreou co conxunto sénior o cadete Izan, alimentando así os desexos para o novo ano do seu capitán Borja.

O Abadín saca un punto de Alfoz con nove e sen porteiro

O Alfoz e o Abadín continúan na zona media da táboa tras empatar no seu duelo directo. O conxunto alfocense está a sete puntos do play off e oito por riba do descenso. Mentres que o Abadín queda con seis de marxe con respecto ao penúltimo posto

O Abadín adiantouse no primeiro tempo. Un penalti sobre Seco, transformouno Goás en gol. No segundo acto lesionouse o gardamallas do Abadín Marcos. Rubén Miragaya asumiu as funcións baixo paus. Logo tamén se lesionou Carracedo e expulsaron a Rubén Carreiras e Diego Rico. O Alfoz empatou nunha acción a balón parado. 

O Cabreiros volve gañar e afasta á Comercial dos postos cabeceiros

O Cabreiros sumou a segunda vitoria en 2024. Primeiro na Copa e agora na liga, logo de que collera o timón Isaac Rouco. O terceiro triunfo do curso, permítelle ao club da Acea quedar cinco puntos por riba do descenso. Ademais de facerlle replantear á Comercial a súa situación de cara a segunda volta. 

O conxunto capitalino queda con seis puntos por riba da penúltima praza. O Cabreiros e a Comercial xa pelexaron pola salvación na pasada tempada na última xornada. Veremos nesta campaña como chegan ao seu duelo da última xornada. 

Non foi un bo partido da Comercial. Deron a cara no primeiro tempo, pero desde que os locais se puxeron por diante víronse superados. Sergio Díaz anotou un dobrete. Primeiro con pase de David Otero e logo cunha asistencia de Joan. Mantivo a seriedade o Cabreiros no segundo tempo. Cara o final, culminou o partido co terceiro tanto da autoría de Joan

Ademais da moral das vitorias, o Cabreiros refórzase con efectivos para a segunda volta. Regresou Beto que abandonara o equipo por motivos laborais. Da súa importancia xa falara o anterior adestrador Paco López. Tamén volveu Jandro despois dun longo período inactivo por lesión. 

A Candelaria é 13ª con catorce puntos. O Mondoñedo ocupa a antepenúltima posición con doce. En descenso directo están o Muimenta (10 pts.) e o Roupar (5 pts.).

O domingo no Viñas da Veiga (ás 16:00h) o Mondoñedo recibe a Candelaria. Nos locais non poderá ser da partida Oli por sanción. Un encontro de suma importancia para ambos. Tamén o pode ser o gol average. Na primeira volta, o conxunto mindoniense gañara 1-3 na Granda. 

O Friol recurta distancias co Oural

O Oural continúa mandando na clasificación da zona sur. Xa era campión de inverno dende a penúltima xornada da 1ª volta. Con todo, ve reducida a súa distancia cos perseguidores ao empatar no seu duelo co Ferreira. Ten tres puntos de marxe sobre o Friol e cinco con respecto ao Becerreá.

O Ferreira complicoulle a vida ao Oural no Luis Pallín. Entraron ben no partido os visitantes. O cadro de Pantón púxose por diante no primeiro tempo. Fran cometeu penalti sobre Pandiani e Edgar marcouno. 

No segundo tempo equilibrouse o xogo e o Oural volcouse a polo empate. Logrouno nos minutos finais tras poder facelo antes. Mario fabrica unha xogada entre el, Ospina e Manel. Ospina marcou o gol. 

O Ferreira queda a catro puntos do 5º posto. Este domingo (ás 16:00h) terá a oportunidade de achegarse máis ás posicións de privilexio. Visita nos Medos ao Brollón (4º). Sepáranos cinco puntos. O capitán Edgar será baixa nos visitantes ao ter que cumprir sanción por ciclo de amonestacións. Na primeira volta gañara o conxunto de Pantón (4-3). 

O Friol aproveitou o empate do Oural para recurtarlle dous puntos. Ponse a tres, tras derrotar a un Chantada B que continúa en descenso. É a décima vitoria do cadro friolés. Suma cinco xornadas sen perder. 

Custoulle ao Friol sentenciar o partido. Adiantouse cun bo gol de falta directa obra de Lucky. Con todo, o filial de Chantada non deu creado moitas ocasións. Na última parte do partido, os locais sentenciaron. 

O Friol protagonizará un dos grandes encontros da finde co Antas, fóra do play off pero a seis puntos do cadro friolés. Xogan o sábado (ás 15:30h) na Reigosa. Na primeira volta o resultado fora de 0-1 a favor do Friol. 

O Becerreá queda a cinco do líder

Noveno triunfo do curso para o Becerreá que alcanza os 30 puntos. Derrotou a un Sporting Lucense que continúa como colista. 

O encontro púxose de cara para os locais cun bo gol de Kevin ao sacar unha falta. Tentouno o conxunto visitante, pero atopouse cunha boa resposta da zaga do Becerreá. Aínda conseguiron dous goles máis no primeiro tempo. Higinio marcou logo dun córner e Álvaro anotou o terceiro. 

Os pupilos preparados por Merino dominaron máis no segundo acto, pero non xeraron moitas ocasións de perigo. As lesións seguen lastrando a un Sporting que perde ao capitán Suso por unhas tres semanas. A boa nova, foi o regreso do central Camiño tras unha longa lesión de ligamentos e cruzado. 

O Becerreá tamén formará parte doutro dos partidazos da xornada que vén. Visita o sábado (ás 20:00h) ao San Lázaro. 5º contra 3º con dous puntos de diferenza entre eles. Na primeira volta gañara o Becerreá (2-1). 

O Brollón superou no #FútbolNaLama ao Quiroga

O Brollón é a seis puntos do primeiro posto e con tres de marxe sobre o 6º clasificado. Superou ao Quiroga nun duelo marcado polo estado do terreo de xogo dos Medos. O cadro quirogués baixa postos na táboa ao acumular seis xornadas sen gañar. Queda con catro puntos de marxe sobre o descenso directo. 

Moito fútbol directo que desnivelou á media hora de xogo Isma. O dianteiro local marcou para que os seus foran gañando ao descanso. Por medio do balón parado, os visitantes igualaron. Gol de Sergio Pollo. Noveno gol para el que o converte nun dos futbolistas máis diferenciais dos seus. Nos últimos intres, os tres puntos quedarían na casa grazas a un gol de Miguel

O Quiroga visitará o sábado (ás 16:00h) ao Incio nun duelo directo por escapar dos postos baixos. Un punto separa a ambos clubs. Na primeira volta o cadro verde gañara con contundencia (3-0). 

Cuarta vitoria seguida do San Lázaro que consolida o seu posto de play off

O San Lázaro sumou a cuarta vitoria seguida; a metade das que leva na liga (8). A boa xeira permítelle seguir nos postos de privilexio. Ten dous de marxe sobre o Antas. 

O equipo adestrado por Nico sacou os tres puntos do seu duelo co Lemos B. Foi un encontro con alternativas no que os capitalinos non estiveron cómodos. Ao descanso o resultado era de 1-1. Co posterior, 2-2 o gol de Jul desequilibrou a balanza

O adestrador do filial lemista, Jesse foi sancionado cun partido. Non poderá estar sentado no banco do Luis Bodegas este sábado (ás 16:00h) nun duelo directo co Carballedo. Ambos equipos queren abandonar a zona baixa. Teñen un punto de diferenza entre eles. Na primeira volta o Lemos B gañara con contundencia (0-4). 

O Paradela vai a outro ritmo

O Paradela continúa coa súa resurreción tras comezar moi mal o campionato. Sumou o sexto triunfo consecutivo na liga e xa ten 22 puntos. A boa xeira, haille que sumar tamén a vitoria na Copa ante o Sober. 

Superou a un Antas do que queda a catro puntos. Os pupilos preparados por Rubén Bergantiños están a seis do play off. Foi un primeiro tempo igualado sen moitas ocasións. 

Na segunda metade, adiantáronse os locais cun gol de falta directa de Carlos. Máis adiante, Albertito realizou unha das súas xogadas marca da casa para facelo segundo. Arrincou en diagonal dende a banda e disparou ao pau longo. 

O San Roque escapa dos de abaixo

O cadro preparado polo tándem Fernando Corredoira e Piru gañou con solvencia ao Carballedo. Un rival directo da zona baixa co que ten agora cinco puntos de distancia. O San Roque ten agora nove con respecto ao penúltimo clasificado. 

O encontro no Polvorín decidiuse practicamente no primeiro tempo. Os locais saíron moi metidos ao partido. Gañaban os duelos, practicaron bo fútbol e foron chegando as ocasións e os goles.

No segundo acto viuse outro Carballedo. Con todo, o San Roque setenciou co cuarto gol e os visitantes só lograron un tanto. Ademais da vitoria, nos locais debutou outro xogador xuvenil. Adam xogou todos os minutos do partido na posición de central. 

O Incio gaña, pero marcha o adestrador Julio Corral

Tres xornadas despois, o Incio volveu gañar. O triunfo permítelle deixar o descenso a cinco puntos. Nos últimos cinco encontros, conseguiu sete puntos (a metade dos que leva en total). Con esa bagaxe marcha Julio Corral. O técnico que logrou o ascenso non continúa no Carboeiro. O Incio conta con anunciar novo preparador nas próximas horas.

Ademais, o cadro amarelo deixa ao seu rival, o Palas nunha situación intermedia entre os postos de arriba e os de abaixo. O conxunto da Ulloa adiantouse antes do primeiro minuto de partido. A partir de aí, apenas inquedou a meta rival. 

O Incio remontou cun dobrete de Vila. Primeiro igualou á media hora tras un pase de Casanova. Os visitantes pediron o fóra de xogo. No segundo tempo, Vila marcaría o segundo logo dun barullo na área. Con todo, o Palas puido empatar nos últimos intres cunha ocasión que petou no pau. O adestrador Brais Vázquez foi expulsado e non poderá sentarse no banco ante o San Roque. 

O Quiroga é 13º con trece puntos. O Carballedo ocupa a antepenúltima posición tamén con trece puntos. En descenso directo están o Chantada B (9 pts.) e o Sporting Lucense (7 pts.).

Marcos e Jorge, a herdanza pasa de pais a fillos no Iberia

O CD Lugo sae de postos de

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *