Arona Sané foi un dos grandes protagonistas da última xornada na provincia. Arona Sané foi o autor do gol co que a Sarriana lle gañou ao Viveiro no penúltimo encontro da 1ª volta na 3ª RFEF. Cos obxectivos claros e tamén con retranca, Arona Sané pasou, da man de Futbolinlugo, pola sintonía do Ser Deportivos Lugo.
É o primeiro gol que Arona Sané marca esta temporada coa Sarriana. Dáse a circunstancia de que o fixo contra o Viveiro, o seu anterior equipo. Arona Sané foi un dos xogadores que na primavera do ano pasado abandonou o Viveiro.
A liga xa estaba rematada, o Viveiro non sabía se se mantiña ou baixaba e a normativa federativa permitíalle aos futbolistas xogar noutra categoría. Arona Sané fichou pola Sarriana que estaba no último tramo de competición na Preferente. Pretendía subir á Terceira e así o conseguiu. De feito, Arona Sané marcou un dos goles no día no que o club sarriao confirmou o ascenso de división.

O futbolista de orixe senegalés vive a súa segunda tempada na provincia. No seu momento, era unha das grandes promesas da canteira do Atlético de Madrid. Alí estivo durante uns dez anos e en 2018 debutou co primeiro equipo ás ordes do Cholo Simeone. Foi nun partido de liga no Metropolitano ante o Espanyol. Logo, marchou á Primeira División de Croacia. Estivo tres temporada no NK Istra. As lesións truncaron a súa evolución.



En 2021 regresou a España da man da UP Langreo, equipo asturiano que xogaba e xoga na 2ª RFEF (rival do Racing Villalbés). No mercado de inverno de 2022 chega a Galicia á 3ª RFEF. Primeiro fichou no Alondras para a segunda volta. No verán de 2022 recalou no Viveiro. Foi indiscutible para Alberto López e agora tamén o é para Jorge Cuesta.
Este sábado ás 17:00h na Ribela a Sarriana recibe ao Rápido de Bouzas para rematar a primeira volta. Sexa cal sexa o resultado, o cadro sarriao completará un gran primeiro tramo de campionato. Ten 23 puntos e está a dous do 5º posto que dá acceso a xogar a promoción de ascenso.
O redactor de Futbolinlugo, Diego Díaz e o presentador do Ser Deportivos Lugo, Álex Gato conversaron con Arona Sané sobre a tempada. A continuación, deixamos o audio no que se pode escoitar a nosa participación. Ademais, como cada xoves, analizamos as citas sobranceiras da fin de semana.

Nas seguintes liñas, resumimos as palabras de Arona Sané. Veloz e habilidoso co balón e rápido tamén nas respostas.
O encontro en Viveiro: “Foi un partido especial ao enfrentarse contra un equipo no que xogaches. Ademais era ante un conxunto que está abaixo na clasificación e había que gañar para afastarse desa zona”.
Como viches ao Viveiro? “Desexo que se manteñan na categoría. Esta liga non é fácil. A día de hoxe non se sabe se lograrán a permanencia ou non. Eu vivín a temporada pasada e ata a última xornada non se sabía quen ía descender e quen non. Se seguen loitando, seguro que o lograrán”.
Onde está o teito da Sarriana? “O obxectivo é ir cada fin de semana e intentar sacar os partidos adiante. Se podemos aproveitar e seguir nesta dinámica boa que estamos, estaremos arriba; se non; intentar aguantar o que se poda”.
Canteira do Atlético de Madrid: “Foi a miña mellor etapa. Cheguei de pequeno. Estiven dez anos. É como a miña casa. Teño moi boas lembranzas. Ser un canteirán e poder debutar co primeiro equipo foi un soño feito realidade. Non puiden ir o partido de Copa do Rei co CD Lugo. Cando teña tempo, volverei ir velos”.

Foto de portada: Atlético de Madrid.
