#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Abadín e Incio acadan o ascenso a Segunda Galicia

Rematou a fase de ascenso e fíxoo con festa en Abadín e o Incio. Ámbolos dous conxuntos lograron subir a Segunda Galicia tan só un ano despois de perder a categoría. O Abadín venceu ao Nuevo Nausti mentres que o Incio superou ao Páramo nunha eliminatoria moi parella.

Analizamos tamén a xornada no Torneo Delegación.

eliminatorias de ascenso

Nuevo Nausti 2 – 4 Abadín. Gran ambiente nas gradas da Madalena, con numeroso público que puido presenciar un encontro entretido. Ámbolos equipos plantexaron un encontro pra non correr riscos en defensa, pero Pedro rachou coas estratexias. Un despexe seu desde o medio campo sorprendeu a Manu Jr e puxo por diante a un Abadín que medrou co marcador a favor e contou con varias ocasións para ampliar diferencias. Preto do descanso o Nausti puido empatar logo de que Vicente cometera penalti. A boa intervención do meta Cristian fixo que o lanzamento petara no longueiro.

Na segunda metade Seco fixo o segundo tanto aos catro minutos de xogo. O encontrou entrou nunha fase de alternativas e Cristian recurtou diferencias. Os chairegos colleron folgos e a falta de dez minutos para o final Juan igualou o encontro. Nos últimos intres o Abadín voltou a coller o temón e Vicente puxo aos seus por diante ao rematar unha boa xogada de Gayoso. Seco sentenciou a eliminatoria co cuarto tanto.



O Abadín retorna a Segunda ás primeiras de cambio logo de realizar unha gran temporada na que foi de menos a máis e na que chegou nun gran momento de forma ao play off. Non menos importante resultou a campaña do Nuevo Nausti, mellorando as súas prestacións temporada a temporada.

Incio 2 – 1 Páramo. Comezou mellor o conxunto visitante diante dun Incio non se atopaba cómodo sobre o céspede do Carboeiro. Hugo e Dieguito contaron con ocasións para poñer por diante aos das Rapadas. Cumprida a media de xogo o Páramo logrou poñerse por diante. Un despexe do porteiro Castro recolleuno Hugo, ex do Incio e logrou o tanto visitante.

Na segunda metade o Incio igualou o encontro nada máis comezar cun bo lanzamento de Vila. O tanto descolou ao Páramo e alentou ao Incio. Os de Julio Corral fixeron gala da súa solidez defensiva e os visitantes non foron quen de finalizar con éxito as súas xogadas de ataque. A falta de vinte minutos para o final o Incio púxose por diante. Edu rematou ao fondo da portería un saque desde o curruncho. O Páramo tentouno ata o final, pero atopouse coas boas intervencións do veterán Castro.



O Incio culminou unha gran temporada marcada pola regularidade e retorna a Segunda da man de Julio Corral, un experto en acadar ascensos. Boa temporada tamén do Páramo, que quedou ás portas de retornar a Segunda tamén na primeira tentativa.

torneo delegación

GRUPO 1

Celeiro 3 – 2 Racing Vilalbés 2. Impresionante final de campaña do Celeiro que remata primeiro no seu grupo na primeira fase do Torneo Delegación. Os de Martín Rodríguez dobregaron ao campión nun gran encontro. Cora e Naya puxeron en clara vantaxe ao cadro local e Freire recurtou de penalti antes do intermedio. Na segunda metade a afección de Trasvías gozou co espectáculo que amosaron os dous equipos e viron como David Balsa volvía a situar aos seus con dous goles de diferencia. A falta de dez para o final o Racing Vilalbés B púxolle emoción ao encontro cun tanto de Gabri, pero o marcador xa non se moveu.

GRUPO 2

Catro Roldas 4 – 1 Comercial B. A primeira metade foi de dominio local. O Catro Roldas contou con numerosas ocasións para adiantarse no marcador, pero o balón non quixo entrar ata o tramo final. Moha e Samu anotaron dous tantos consecutivos. Na segunda metade o encontro seguía o mesmo guión ata que nun erro defensivo o cadro visitante recurtou diferencias por medio de Torito. A Comercial B tivo uns minutos de dominio, pero non foi quen de igualar o encontro. O Catro Roldas colleu de novo o temón e Samu sentenciou o encontro. Xa co tempo cumprido Luis anotou o cuarto desde o punto de penalti.



GRUPO 3

Bóveda 0 – 8 Castroverde. Encontro sen historia no Hermanos Somoza. O Castroverde comezou con moito ritmo e cun dominio completo do balón. Os visitantes tiveron boas ocasións de gol e marcharon ao intermedio con dous tantos de vantaxe, obra de David e Rafa. Na segunda metade o Bóveda, que afrontaba o encontro sen trocos, tivo que xogar con dez pola ausencia do seu gardameta Pasín e o Castroverde sentenciou o choque cunha choiva de goles. Dous dobletes de Quique e Samu e un tanto de Richard e Ángel pecharon a goleada.

Quiroga 3 – 0 Monterroso B. O conxunto local gañou por tres goles logo de que o encontro se suspendera aos oito minutos de xog. O filial monterrosino acudiu soamente cos seus oito xogadores dispoñibles e unha lesión fixo que o colexiado sinalara o final anticipado. O marcador reflexaba un empate sen goles. O Quiroga venceu por tres tantos tal e como se regula federativamente.

Taboada B 1 – 0 Relámpago Taboada. Encontro igualado e pouco vistoso. Un derbi típico no que o filial do Taboada foi mellor na primeira metade na que contou con boas ocasións para marcar. O gardameta visitante Marcos raiou a moi bo nivel. Na segunda metade Pampín puxo por diante ao Taboada B ao pouco de comezar. A partir dese momento o Relámpago foi superior e contou con ocasións para empatar e incluso gañar, pero a boa intervención do porteiro Ledo impediuno.

Abadín e Incio acadan o ascenso a Segunda Galicia

Diario dun mercado. Episodio 331

Abadín e Incio acadan o ascenso a Segunda Galicia

A Porra de Futbolinlugo, 34

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *