#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal #Terceira Futgal

A Piringalla lidera as conquistas de 3ª na Copa

A Piringalla e o Alfoz protagonizaron unha das eliminatorias entre equipos de Segunda e de Terceira na primeira fase da Copa Deputación 2024. A Piringalla gañou 4-0. A foto é de Roberto Carreira.

A Piringalla derrotou ao Alfoz. A Piringalla é un dos conxuntos da Terceira Rexional que eliminou a un equipo de Segunda na fase previa da Copa Deputación. Dos catorce partidos que xogaron un conxunto de 2ª e outro de 3ª, en cinco deles accedeu á seguinte eliminatoria o equipo de menor categoría. A Piringalla, o Celta Barreiros, o Río Sil, o Páramo e o filial do Chantada Atlético triunfaron. Analizamos a primeira rolda nunha edición especial de ‘O Noso 11 A Chaira’.

Emparellamentos dos dezaseisavos de final (a finde do Entroido: 10 e 11 de febreiro)

  • Iberia – Cabreiros
  • Muimenta – Pontenova
  • Casás – Roupar
  • Castroverde – Comercial
  • Catro Roldas – Racing Villalbés B
  • Celta Barreiros – Piringalla
  • Cazás – Candelaria
  • Xermade – Pastoricense

  • Río Sil – San Roque
  • Bóveda – Becerreá
  • Lemos B – Brollón
  • Antas – Quiroga
  • Friol – Oural
  • Sarriana B – Páramo
  • Rubián – Ferreira
  • Chantada Atlético B – Paradela

Isaac Rouco debuta con vitoria no Cabreiros ante un ex equipo e medirase ao poderoso Iberia

O Cabreiros superou ao Mondoñedo na Acea. Debutou como adestrador Isaac Rouco logo da marcha de Paco López. O preparador vilalbés estreouse ante un ex equipo. Xogou unha temporada no Mondoñedo. 

Os locais saíron enchufados e marcaron dous goles. Antes do descanso, Álex Gacio recurtou diferenzas para os visitantes. O Mondoñedo logrou empatar no segundo tempo. Un bo gol de Cazás (marcou dous en total) acabou desequilibrando a balanza en favor dos da casa. 



O Cabreiros terá que visitar San Miguel de Reinante na seguinte eliminatoria. O Iberia fixo valer a súa condición de equipo superior ante o Friol B. Con todo, o filial estivo no partido e meteuse no resultado por dúas veces. No tramo final quedou cun xogador menos e a efectividade visitante acabouse impoñendo. 

Muimenta – Pontenova, a eliminatoria dos dezaseisavos que xa se coñecía

É habitual que varios equipos queden exentos de xogar a primeira rolda da Copa. Máis raro é que o seu seguinte cruce xa quede definido. Nesta edición foi o caso do Muimenta e do Sporting Pontenova. Saben dende decembro que pelexarán entre eles por acceder aos oitavos de final. Circunstancia que lles permitiu descansar unha semana máis da competición e afianzar os seus desexos para o 2024

O Roupar válese dos penaltis e porá a proba ao Casás

O Roupar pasou de eliminatoria nos penaltis ante o Celeiro. Foi o debut de Mora como director de orquestra do cadro viveirense. Os visitantes chegaban con baixas importantes como a do capitán Sebas e, ao pouco de comezar, lesionouse Seco



Os locais puxéronse por diante e o Roupar igualou nunha transición. No segundo tempo, noutra acción a balón parado o Celeiro marcou o segundo tanto. Na recta final, nun contragolpe, o cadro verde empatou. Na quenda de penaltis o resultado foi de 2-4. 

O Casás estrearase na competición copeira na súa primeira temporada no fútbol sénior. Quedou exento da primeira rolda. Recibirá no Municipal Rodríguez Lago 2 de herba artificial ao Roupar. 

A Comercial aguanta en San Cibrao e viaxará a Castroverde

A Comercial continuará atravesando a provincia na Copa. Pasou de eliminatoria ante o San Ciprián tras igualar nos 90 minutos. Os locais tiveron máis ocasións e máis dominio de balón, pero costoulles facer gol. Marcaron ao pouco de comezar a segunda metade. Un golazo de Antón Blanco pola escadra dende fóra da área. 

Na recta final empatou o cadro preparado por Andrés Rodríguez. Pacín logrou o tanto. Logo, a fortuna estivo do lado visitante e Joshua fixo intervencións de mérito para evitar un novo gol local. Finalmente, un par de fallos no lanzamento de penaltis condenaron ao Sanci na quenda. 

O Castroverde recupera o factor campo para a Copa. Derrotou no Ventiño ao Goiriz. Ambos conxuntos tiveron ocasións na primeira metade, pero o resultado non se moveu ao descanso. No segundo tempo, Pablito puxo por diante ao Castroverde cun bo disparo dende lonxe.



No tramo final do encontro, os locais quedaron cun xogador menos por expulsión de Blanco. Ao pouco, os pupilos preparados por Fran Veiga marcaron o segundo. Gelo foi o autor do gol.

Volverá haber un derbi vilalbés

A parroquia vilalbesa de Román volverá acoller un derbi do concello na Copa Deputación 2024. O Catro Roldas, tras eliminar ao Rioaveso, recibirá na Canteira ao Racing Villalbés B. O equipo da 3ª Galicia revivirá o duelo da pasada campaña cando o filial ascendeu de división. 

O Catro Roldas derrotou por 2-0 ao Rioaveso Machinango. Os equipos destas parroquias colindantes volverán xogar o sábado ás 16:00h en Paraños en partido de liga. 

Non houbo goles no primeiro tempo. Houbo ocasións para ambos equipos, aínda que o Catro Roldas estivo máis preto do gol nun tiro ao longueiro. No segundo acto, Moha abriu o marcador cun bo disparo dende a frontal. Karim anotou o segundo máis adiante e sentenciou o choque. 

O bigoleador Samu López facilitou o pase do Racing B no campo do Folgueiro. O filial levou o peso dun partido que estivo condicionado pola expulsión do gardamallas local, Javi. O capitán Kiños foi quen asumiu as funcións de gardameta. 

Con todo, no segundo tempo iguláronse os efectivos tras a expulsión de Hugo López no cadro visitante. Os da casa defendéronse e conseguiron poñerse por diante. O filial lograría a remontada con dous goles de Samu.

Celta Barreiros e Piringalla mediranse tras sorprender ao Cospeito e ao Alfoz

Nos dezaseisavos haberá un duelo de dous equipos da Terceira tras eliminar a dous da Segunda. Antes de enfrontarse na Copa, volveranse ver na liga. A Piringalla e o Celta Barreiros xogan este domingo ás 16h no Municipal Rodríguez Lago. 

O líder da zona norte da 3ª, o Celta Barreiros, demostrou a súas ansias de competir ante un Cospeito desacertado en defensa. Foi un encontro con alternativas. Tivo unha ocasión moi clara Rui para os visitantes (con gran parada de René incluída), pero os locais tiveron máis chegadas na primeira metade.

No segundo tempo, foi o Cospeito quen se puxo por diante grazas a un penalti. Posteriormente, nun balón longo de Jaime, os pupilos adestrados por Rubén Acebedo lograron igualar por medio de Javi Andina

Na quenda de penaltis o protagonismo foi para os porteiros. Tanto Alberto como René detiveron varios lanzamentos. Houbo que pasar dos cinco tiros de rigor para cada equipo. O Cospeito tivo dúas oportunidades de levar a eliminatoria. Pero finalmente foron os locais os que tiveron máis tino. 

No Cospeito foi un día de cara e cruz para dous futbolistas nativos da parroquia de Santa Cristina. Volveu xogar o extremo Ferreiro, logo de máis de tres meses parado por lesión. A nota negativa foi a de Martín. Resentiuse no quecemento das súas molestias no sóleo e non puido xogar. 

A Piringalla derrotou con contundencia no resultado ao Alfoz. Marcou catro goles. Con todo, no primeiro tempo o conxunto alfocense controlou o xogo e dispuxo de varias oportunidades de gol. 

Na segunda metade, os locais fóronse facendo donos do encontro e aproveitaron os erros visitantes para pasar de eliminatoria. Os goles de Cristóbal e Diego permitíronlles tomar vantaxe. Na recta final setenciaron cos tantos de Hugo e Ángel. 

A Candelaria recupera o seu olfacto goleador e desprazarase a Cazás

A Candelaria superou con contundencia á Comercial B. O conxunto da Rúa entrou ben no partido e logrou batir a portería rival cedo. Os pupilos preparados por Simón contaron coa efectividade que lles está faltando noutros momentos da campaña. Sobresaíu Rocky. Marcou tres goles e é o máximo goleador do que vai de Copa Deputación. 

O Cazás prepara agora o Catro Ventos para recibir á Candelaria. O conxunto xermadés non tivo que xogar a primeira eliminatoria

Deportes A Chaira en Castro e AtmosferaSport en Lugo están adheridos ao 'Bono Deporte' da Xunta de Galicia cuxas axudas chegan ata os 120€.

O Xermade e o Pastoricense comprobarán a súa regularidade a un partido

O Xermade venceu ao Matela no campo de San Lorenzo de Aguiar. Encontro condicionado polo terreo de xogo con fútbol directo. Os visitantes adiantáronse no marcador por dúas veces na primeira metade. Polo medio Bruno deulle ánimo aos seus. 

Xusto ao comezar o segundo tempo, o Matela logrou igualar por medio de Simao. Na recta final, o Xermade buscou o gol da vitoria e atopouno. O central Fran rematou o encontro con dous tantos. 

O Pastoricense superou no duelo de proximidade ao Abadín no Municipal. Saíronlle de cara os primeiros minutos ao líder da Segunda Rexional zona norte. Púxose 0-2 no marcador. Con todo, ao cuarto de hora, os locais aproveitaron un erro defensivo para recurtar diferenzas por medio de Seco.  

O marcador non se movería. O partido foi trabado, con faltas e interrupcións. O Pastoricense non estivo máis atinado. O Abadín tentou facer o seu fútbol, tivo opcións a balón parado, pero tampouco logrou igualar.

O Xermade e o Pastoricense son dous dos equipos máis regulares da tempada na Segunda. É certo que o cadro da Pastoriza ten doce puntos máis na clasificación. Pero ambos equipos teñen un dato en común: só perderon un partido no que vai de temporada. Precisamente, o Pastoricense sufriu a súa única derrota co Xermade. 

A Piringalla e o Celta Barreiros deron a sorpresa na primeira eliminatoria de Copa 2024 e dous dos seus xogadores aparecen en 'O Noso 11 A Chaira.

O Río Sil volverá defender campo na Carqueixa tras eliminar a un Carballedo que tivo que afrontar os penaltis sen porteiro

O Río Sil superou ao Carballedo finalmente nos penaltis. Os locais comezaron marcando cun bo gol de falta directa de Panizo que non perde o toque nin o costume. Tiveron máis opcións que non convertiron en gol. Miguel Vázquez ‘Pollete’ do Carballedo enviou un balón ao longueiro antes do descanso. 

No segundo tempo, igualou o Carballedo nunha acción a balón parado por medio de Víctor. Volveronse poñer por diante os locais. O Carballedo quedou sen porteiro pola lesión de Víctor Neira. Manuel ‘Corneta’ asumiu as funcións baixo paus e nos intres finais os seus empataron. Na quenda de penaltis, Corneta mesmo parou dous tiros. Pero tamén estivo acertado o gardamallas do Río Sil e o cadro do concello de Sober avanza. 

O Río Sil recibirá na Carqueixa a outro rival da Segunda Rexional zona sur. Desta volta ao San Roque co que tamén competiu a tempada pasada. 

O Becerreá continuará enfrontándose a rivais de 3ª

O Becerreá visitará ao Bóveda nos dezaseisavos. O equipo do Hermanos Somoza quedara exento da primeira eliminatoria. O Becerreá superou ao Relámpago Taboada. 

Un accidente laboral impediulle ao Relámpago Taboada contar co seu porteiro. Esa circunstancia condicionou ao cadro local, que aínda así aguantou ata xa comezado o segundo tempo. O Becerreá amosou o seu poderío e terminou o encontro con catro goles. 

Brollón – Lemos B, derbi para acceder a oitavos

O Brollón venceu a un gran Chantada B nos Medos que non tivo o seu mellor día con respecto ao estado do terreo de xogo. Comezaron mellor os locais. Mediado o primeiro tempo, Damián marcou de penalti. A volta do descanso, Messi marcou o segundo. A partir de aí, o Chantada B volcouse. En dez minutos conseguiron empatar o partido. Nunha acción a balón parado os locais conseguiron o gol que lles deu a vitoria final.

O Lemos B non tivo a necesidade de comezar o ano xogando. Vivirá un intenso derbi co Brollón para ver quen será o equipo das Terras de Lemos que pase a oitavos. 

O traveseiro impediu un derbi da Ulloa e será o Quiroga quen xogue contra o Antas

O Palas quedou eliminado ante o Quiroga nos penaltis. Foi un encontro no que o balón estivo a maior parte do tempo en posicións centrais do campo. Houbo poucas ocasións. A máis clara do Palas na primeira metade cun balón que petou no traveseiro

A mellor opción para o Quiroga foi antes do final. Un man a man de Sergio Pollo co gardamallas rival que logrou despexar o balón. Na quenda decisiva non erraron os do Quiroga; mentres que de novo o traveseiro condenou ao Palas nun dos seus lanzamentos. 

O Antas superou ao filial do Taboada despois dunha primeira parte igualada e sen goles. No segundo acto, púxose por diante o cadro visitante. Rapidamente empatou o Taboada B. Ao pouco, de novo o Antas marcou. 

Os locais pediron penalti nunha acción ofensiva que o árbitro non considerou. Logo volcáronse arriba e o Antas sentenciou ao contragolpe

Friol – Oural, os primeiros da Liga tamén se van ver na Copa

O Friol eliminou ao San Lázaro nos penaltis. Foi un encontro igualado entre dous equipos situados na parte alta da clasificación da Segunda Galicia zona sur. 

No primeiro tempo, adiantouse o San Lázaro. Na segunda metade, igualaron os locais. Puideron conseguir a remontada pero o pau desviou un bo remate de Dani Roca. Finalmente, os penaltis decantaron o pase do Friol. 

O Oural impuxo a súa lei ante un Monterroso B que competiu a pesar das baixas. No once inicial do filial había tres xogadores cuxa posición habitual é a de porteiro. Foron protagonistas no primeiro gol. Paco (porteiro do primeiro equipo) sacou unha falta que petou no longueiro e no rexeite Kevin (porteiro que tivo que xogar en posicións dianteiras) marcou. 

Pouco despois o Oural empatou a través dun bo gol de Porral e foi o resultado co que marcharon ao descanso. No segundo tempo, o cadro visitante carburou o seu potencial ofensivo e anotou tres tantos. Un gol en propia e dobrete de Ospina. Con todo, os locais marcaron aínda o segundo gol e tiveron algunha opción máis para seguir recortando, incluído un penalti. 

O cadro da Copa enfrontará aos dous equipos que polo momento demostraron ser os mellores da Segunda Galicia zona sur. O Oural, campión de inverno por adiantado, quítalle cinco puntos ao Friol. Con todo, no partido de liga xa xogado na Reigosa, o cadro friolés gañou pola mínima

Derbi sarriao para poñer a proba á xuventude

O Páramo e o Incio reviviron o duelo de proximidade da tempada pasada polo ascenso. O cadro amarelo foi quen se puxo por diante a través de Weimar. Antes do descanso, os locais empataron cun bo gol de Juan

Na segunda metade, o Incio botou man do balón para adiantarse de novo cun gol de Vila. Con todo, o Páramo lograría a remontada. Primeiro empatando por medio de Hugo. Logo un golazo de José suporía o terceiro e definitivo tanto. O Incio marcaría aínda un terceiro tanto anulado. 

O Páramo comeza o 2024 con bo pé; igual que rematou o 2023 convertíndose en líder da 3ª Galicia zona sur. O seu rival nos dezaseisavos de final será outro equipo da comarca, a Sarriana B. O cadro filial do equipo de Terceira RFEF estaba exento da primeira eliminatoria. O gañador podería seguir coa dinámica de duelos de proximidade e enfrontarse en oitavos de final ao Oural se pasa o seu cruce. 

O Rubián e o Ferreira en dezaseisavos grazas aos penaltis

O Ferreira tivo que botar man dos penaltis para eliminar ao Corgo. A intensa néboa tamén marcou un partido do que o Ferreira pediu a suspensión no descanso ao considerar que faltaba visibilidade. Non o entendeu así o cadro local, nin tampouco o colexiado que ten a palabra final.

O Corgo estivo ben colocado, tratando de non conceder ocasións e aproveitar as saídas rápidas. Brais puxo por diante aos seus. Máis tarde igualou o Ferreira. 

Os locais lograron marcar o segundo e os visitantes empataron nun penalti moi protestado polo Corgo. Finalmente, nos penaltis o resultado favoreceu ao cadro de Pantón (2-4). 

O Rubián tamén pasou co Santa Comba nas penas máximas. Porque no partido non houbo goles. Foi un choque igualado e desputado. Con poucas ocasións e un lixeiro dominio no xogo do cadro preparado por Senén. 

Na quenda de penaltis houbo 100% de efectividade local e un 80% de éxito do Santa Comba. O porteiro Casillas parou un penalti ao rival e marcou o decisivo para os seus. 

O Paradela continúa nun gran momento e visitará ao filial do Chantada Atlético que cumple con creces

O filial chantadés derrotou a un equipo da Segunda Rexional, o Sporting Lucense. Os locais comezaron mellor. No tempo de lecer vencían 3-1 cun dobrete de Miguel e un gol de Anxo

No segundo tempo, mellorou o cadro adestrado por Merino e acurtaron distancias por medio de Mujib. Con todo, Pablo marcaría o cuarto gol local e daríalle a tranquilidade aos seus. O cadro visitante aínda pediu penalti nunha acción sobre Roi e anteriormente xa pedira gol nunha acción dubidosa na que o colexiado considerou que a pelota non entrara.

O Paradela non lle deu moitas opcións ao Sober en Centeás. Iso si, os tres goles dos visitantes chegaron no segundo tempo. O equipo preparado por Rubén Bergantiños continúa na súa gran dinámica. Sexta vitoria seguida contando as cinco que leva na liga. É o club que defende título logo de ser o gañador en 2023.

Foto de portada: Roberto Carreira.

Información de Iván Calaza e Marcos Fernández.

A Piringalla lidera as conquistas de 3ª na Copa

O Chantada empeza o ano coa súa

A Piringalla lidera as conquistas de 3ª na Copa

Fito Periale: «Tiven varias chamadas de Terceira»

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *