#Entrevistas #Segunda Futgal

Isaac Rouco: «O Cabreiros ten vimes para estar máis arriba»

Isaac é o novo técnico do Cabreiros.

O banco do Cabreiros xa ten substituto para Paco López. Isaac Rouco (Vilalba, 1989) colleu o relevo do técnico pontés á fronte dos de Da Cea para darlle a volta á situación clasificatoria e mellorar a dinámica dos chairegos.

O novo preparador debutou con victoria no partido de Copa ante o Mondoñedo, e tratará de manter a xeira esta semana, no que será o debut ligueiro de Isaac, diante da Comercial. Conversamos co adestrador para coñecer como foi a súa chegada ao banquiño do Cabreiros, nunha decisión que implicou a súa marcha do Santaballés, onde xogaba como extremo.

Futbolinlugo: Que é o primeiro que lle transmites ao grupo o día da túa chegada?

Isaac Rouco: Moita ilusión, e agradecemento á directiva. Pouco máis, tranquilidade porque as cousas van saír adiante.



Fil: Coñecías xa aos teus xogadores?

IR: Compartín vestiario con Pepe no mesmo Cabreiros, coñezo de vista a Marcos, Christian… e tamén recordo a Alberte e a Nesi do Racing Villalbés. Ao resto non os coñecía tanto, pero xa os vin nos adestramentos e no partido de Copa.

Fil: Tiveches que deixar de xogar no Santaballés, na Primeira Galicia.



IR: Si, a ficha sigue vixente, pero é moi difícil compaxinar. Se algún día teñen que tirar de min e se pode, irei, pero a miña prioridade é ser adestrador do Cabreiros.

«A miña prioridade é ser adestrador do Cabreiros»

Fil Tira máis, por tanto, o rol de adestrador.

IR: Si, eu teño 34 anos xa… aínda me quedaban un par de anos de xogador… se teño a posibilidade de xogar compatibilizarei todo o que poda, pero a miña prioridade é o Cabreiros e estar centrado no Cabreiros.

Fil: Como se presenta o duelo desta fin de semana?

IR: Si, eu coñezo ben a Comercial desde hai dous anos, ascendeu á Segunda xunto ao meu Castro ‘B’. É un equipo que foi mellorando pouco a pouco, con distintas variantes de xogo, e vai ser un partido moi duro.



Fil: Os equipos de abaixo están buscando un cambio que lles permita acadar a salvación: Muimenta, Cabreiros, etc.

IR: Si, no caso de Álex xa o coñezo da etapa de Castro e se o seu cadro lle responde ás ideas, o equipo vai ir para arriba. En Mondoñedo eu coincidira con Isra, que é un adestrador con maiúsculas. Eses equipos irán sumando pouco a pouco.

Fil: A permanencia é un obxectivo claro. Pero quizais a Copa tamén entre nas miras do Cabreiros.

IR: Si, o primeiro é manter a categoría e saír da zona baixa, porque o Cabreiros ten vimes para estar máis arriba. Na Copa tocounos o Iberia, un equipo top da categoría xunto a Racing Villalbés ‘B’ e Pastoricense, pero eu vou disputar todos os partidos. Queremos competir contra todos e a copa é unha competición moi bonita que queremos desfrutar e loitar ao 100%.

Fil: Que pensas que ten que mellorar o Cabreiros de Isaac Rouco?

IR: Teño que adaptarme a eles. É unha experiencia nova, a directiva transmitiume como estaba o equipo. Eu penso que o adestrador ten que adaptarse aos seus xogadores para procurar sacar o mellor nivel de cada un deles. A nivel físico temos que traballar máis, pero en xeral todo o que dixen o pasado domingo saiu moi ben, a excepción dun par de errores puntuais. É un grupo cumpridor, sacrificado.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *