A undécima xornada da Segunda Rexional trouxo cambio de líder no grupo sur. O Guntín colócase na primeira posición en solitario logo das derrotas do Oural e do Friol.
Ademais, a semana está traendo novas en canto aos movementos do mercado. Troco de adestrador na Candelaria e fichaxe ilustre no Folgueiro. Contámolo todo en #ONoso11AChaira.
Na zona norte, o Meira mantense na cabeza. Non fallou na súa visita á Fonsagrada. Venceu pola mínima grazas a un gol de Seixosmil.
Ao descanso o marcador aínda non se movera e na segunda metade a intensa choiva complicou o xogo, como é habitual nestas datas. Un pase de Panchi permitiulle a Rubén Vidal non faltar a súa cita co gol e ser clave para que os seus conseguiran os tres puntos.


Oitava vitoria do Meira que segue sen perder e acumula 27 puntos. Pola contra, o Fonsagrada rompeu a súa boa dinámica de cinco encontros sen perder.
Na segunda posición, a tres puntos do liderado, aperta os dentes o Folgueiro. Derrotou ao Roupar como visitante e vén de anunciar unha fichaxe ‘galáctica’.
O atacante Manuel Ernesto González Pardiño ‘Erni’ reforza o poderío ofensivo do equipo do Vicedo. O nome de Erni aínda resoa con forza en moitas áreas de Preferente e tamén da Terceira Galega.

O dianteiro viveirense estaba sen equipo dende a súa última experiencia no Ribadeo. No Folgueiro pasará a formar parte dunha dianteira de luxo xunto a xogadores da súa quinta, como Aurelio.
Na terceira praza mantense o Iberia logo de gañar o alcumado ‘Derbi das praias’ ante os seus veciños do Celta Barreiros. Os locais conseguiron poñerse por diante no primeiro tempo. Foi xa na segunda metade cando lograron romper o partido e marcar catro tantos máis.
Ambos equipos, coincidiron ao destacar no gran ambiente vivido; a pesar do desapacible domingo con respecto ao tempo atmosférico. O Iberia segue a cinco puntos do primeiro posto. Mentres que o Celta Barreiros segue penúltimo a catro puntos do seu antecesor.
Aínda por riba, o equipo do Cascabeiro terá baixas importantes nos próximos días. Para esta finde non poderá contar en principio con Mákina, Cayón (que rompeu un dedo no derbi), Youssef (que se vai traballar fóra por un período duns tres meses), Jhoseba, Goyos e Xavi.
O Muimenta mantense en postos de privilexio a pesar de só gañar un partido dos últimos catro. Empatou ante a Comercial. Foron os capitalinos os que se adiantaron ao cuarto de hora de xogo no Pichón.

No segundo tempo, os locais conseguiron igualar o marcador. Pero aínda así, a Comercial volvería poñerse por diante. Ao pouco, os celestes empataron e o resultado non se moveu máis.
No Muimenta produciuse o debut do veterán centrocampista Jorge Gómez, que a temporada pasada estivo no Matela e anteriormente xogou unhas cantas campañas no Meira, entre outros equipos. Estaba xogando no equipo de veteráns do Pastoricense e vén botar unha man ao cadro adestrado por Basi.
A pesar da derrota, o Roupar mantense en postos de play off. Quen queda ás portas da fase de ascenso é o Cospeito despois de empatar na casa do Castro B. O cadro adestrado polo castrexo Luis foi superior no cómputo global do partido. Gozou de moitas oportunidades, xa no primeiro tempo, aínda que no descanso o marcador non se movera.
No segundo acto, adiantouse o Cospeito por medio dun gran gol de Álex Rábade. Seguiron xerando oportunidades pero non estiveron acertados de cara o gol. O filial tentou equilibrar algo as forzas no segundo tramo do encontro. E atopouse co gol nos últimos intres do xogo.
O Cospeito queda a dous puntos do 5º posto. Para o Castro B foi un puntazo, tal e como se desenvolveu o partido. Permítelle seguir sumando e afastarse algo máis dos tres últimos clasificados (que son os máis descolgados agora mesmo).

A tres puntos do quinto posto quedan o Guitiriz e o Xermade logo das súas vitorias da pasada fin de semana. O Guitiriz non comezou nada ben o seu partido. Diego Ferreiro cometeu un penalti nada máis comezar e foi expulsado.
Non obstante, a Candelaria errou a pena máxima e o cadro guitiricense logrou sobrepoñerse a condición de xogar cun futbolista menos. Foi no segundo tempo cando un gol de Javi ‘Tanketín’ foi determinante.
Esta semana Abel Eijo deixou de ser o preparador do conxunto da Rúa. O técnico de Burela chegara esta temporada ao equipo de Cervo. Dende xa, Jaime Matouse volve coller os mandos da Candelaria.
Pola súa parte, o Xermade sufriu e conseguiu tres puntos ‘in extremis’ ante o Goiriz. O cadro de Cora veu como se lle escapaba a primeira vitoria da temporada nos últimos intres.
Os locais comezaron gañando pero relaxáronse e o Goiriz logoru remontar momentaneamente o resultado. Non foi ata os últimos intres cando chegaron de novo os goles locais que deixaron os tres puntos na casa.
No Goiriz defendeu a portería o defensa Juan, ante a lesión de Marcos. No que vai de temporada Juan xa se puxera baixo paus no partido ante o Guitiriz.
Na zona baixa, salientou o triunfo do Alfoz diante do Cabreiros. Logo de catro derrotas seguidas, os pupilos preparados por Nico lograron un triunfo importantísimo. Permítelles subir algo na clasificación e deixar a catro equipos por debaixo.
E todo despois de que o Cabreiros se chegara a poñer 0-2 no marcador. Foi un bo inicio do cadro xermadino que, pola contra, foi inferior a partir da media hora de xogo.
As lesións e a escaseza de efectivos seguen facendo mella no Cabreiros a quen lle custa competir durante os 90 minutos. O Alfoz foi quen de darlle a volta ao marcador cunha gran actuación de Álvaro Lorigados.
Na zona sur, volve á cabeza o Guntín. Logo dunhas cantas semanas nas que o liderado era cousa de dous ou de tres, o cadro laranxa asume a responsabilidade dende o máis alto.
O equipo preparado por Hugo foi superior ao longo dos noventa minutos ao Paradela (que se mantén en play off). Enlazou a terceira vitoria seguida e conta cun punto de vantaxe sobre os seus perseguidores. Luciuse no partido Quiñones que anotou os tres goles do seu conxunto.
A un punto de distancia quedan o Friol e o Oural. O cadro friolés volveu perder oito partido despois. Sufriu a segunda derrota do curso ante un Ferreira que se asenta nos postos de fase de ascenso (sitúase a catro puntos do líder).
O chamativo do partido é que ao descanso o Friol gañaba por 2-0. Non obstante, os locais relaxáronse de máis e o Ferreira empatou o marcador. Ademais conseguiu darlle a volta ao marcador anotando en total catro goles.
Rafa foi un dos protagonistas cun dobrete. Pero tamén Antony. A nova fichaxe procedente do Chantada deulle un plus aos de Pantón no segundo tempo.
Pola súa banda, o Oural perdeu pola mínima na súa visita ao Lemos B. É a segunda derrota do Oural no que vai de campaña.
O filial lemista volveu gañar logo de oito partidos sen facelo. O triunfo permítelle sumar sete puntos na clasificación e engancharse na loita pola permanencia ante os posibles arrastres.
Na sexta posición, a un punto da fase de ascenso sitúase o Becerreá. O equipo derrotou no Municipal ao Río Sil.
Os locais tiñan o partido encamiñado cun 2-0 pero quedaron cun futbolista menos antes do descanso por expulsión. Aínda así amosaron a súa solidez. O Río Sil si recurtou diferenzas pero non foi quen de empatar.

A catro puntos da fase de ascenso quedan a Milagrosa e o San Lázaro e a cinco o Brollón. Os tres gañaron a pasada finde nos seus respectivos encontros.
A Mila superou ao San Roque no derbi da capital. Os locais impuxeron a súa lei en Frigsa. Os de Montirón tiveron os seus momentos pero non foron quen de bater a portería rival. Si estivo acertado Faus, que cun dobrete foi un dos protagonistas do partido.
O San Lázaro derrotou pola mínima a un Carballedo que segue sen gañar. Os locais tiveron máis e mellores ocasións pero non se adiantaron no marcador ata o segundo tempo.
Os pupilos de Rodrigo Amarante conseguiron empatar ao pouco nun balón parado. Pero o San Lázaro lograría o merecido gol da vitoria.
O Brollón venceu nun partido de sete goles ao Sporting Lucense. A igualdade do encontro corresponde co parellos que están os dous equipos na táboa clasificatoria.
Ata seis goles se marcaron nun segundo tempo no que a choiva e o estado do campo tamén foron protagonistas. Non obstante, os locais nunca estiveron abaixo no resultado e foron quen de manter a vantaxe dun gol.
Na zona baixa, o Chantada B conseguiu un importante triunfo ante o Corgo. O filial do Sangoñedo pon seis puntos de por medio co seu rival.