Había alternativas? Os adestradores do Lemos B, Sober e Carballedo opinan

Foto de portada: Mariluz Fagín

A temporada 19/20 xa é sabido que rematou sen acabar no fútbol provincial. A Real Federación Galega de Fútbol optou por manter practicamente o mesmo sistema impulsado pola RFEF no fútbol non profesional. A regra xeral foi a consumación dos ascensos tal e como estaba a clasificación despois da fin de semana do 8 de marzo. E no caso lucense ningún equipo perdeu a categoría.

Optar por esta norma, obrigou a cambiar os criterios competicionais establecidos nalgunhas divisións. Un exemplo está nos dous grupos da Terceira Rexional de Lugo. O plan inicial establecía catro ascensos directos e dous que se decidirían na disputa dun play off. A Futgal escolleu que non se xogara a promoción. O quinto e o sexto ascenso decidiuse polo mellor coeficiente deportivo en cadanseu grupo. Tanto no norte como no sur correspondeu aos terceiros clasificados. Optouse pola fórmula do coeficiente deportivo porque os equipos non tiñan o mesmo número de partidos xogados. Os dous grupos da Terceira Rexional lucense contan cun número impar de equipos.

Os adestradores do Lemos B, Sober e Carballedo coinciden en que a Terceira Rexional debería desaparecer

No caso da zona sur, esta medida favoreceu ao Antas. Sporting Lucense e Milagrosa ascenderon directamente. O cadro do Castro Seoane recuperara precisamente a terceira posición na última xornada antes de que a competición se suspendera por mor da Covid 19. A súa vitoria ante o Taboada B e a derrota do Lemos B contra o Sporting Lucense, colocara ao Antas nunha posición que xa ocupara durante varias semanas. A data de 8 de marzo no play off acompañaban ao Antas, o Lemos B, o Sober e o Carballedo. Estes tres equipos saen prexudicados pola resolución. Conversamos cos seus adestradores sobre a decisión. E tamén do futuro. Preséntase incerto nunha categoría que tería como máximo a 8 equipos.

Juan M. Rivera “Perry”, adestrador do Lemos B: “Sería partidario de que non houbese esta opción de ascenso”

Perry sumará a segunda temporada a fronte do Lemos B. Foto: Mariluz Fagín

A resolución: Vou respectar o que se diga. Pero penso que é inxusta. Sería máis partidario de que non houbese esa opción de ascenso. Soben dous euqipos en cada grupo e nada máis. Só os ascensos directos.

Futuro da 3ª Rexional: A todas luces é inviable a categoría con oito equipos. Xa pouco atractiva era con once para canto máis así. Non teño nin idea de como pensan facer. Eu levo anos pedindo a supresión da Terceira e integrala nunha Segunda con tres grupos: norte, centro e sur. Gañariamos en proximidade e en atractivo. Suporía menos gastos e tamén algún ingreso a maiores no caso de que puidesen entrar os afeccionados.

Continuidade na próxima temporada: A maior parte dos xogadores vai seguir. A idea é mellorar a liña amosada. As fichaxes sempre se contemplan. Sempre fun partidiario de que o Lemos tiña que ter un filial. Para ter unha ponte entre xogadores xuvenís e a Preferente que é onde está o primeiro equipo. Non obstante, non me refiro a que sexa tan viable a nivel económico. Porque xera moito gasto. E tamén agora o salto de xuvenís a Terceira é moi pequeno.

Valoración do curso: A nivel grupal é boa. A nivel resultados non tanto. Foronse puntos que non se tiñan que marchar. Pero rematamos cunha boa xeira de xogo e resultados. Ademais na Copa Deputación a valoración é moi boa. Pero son dos que penso que sempre se pode mellorar e nós puidemos mellorar.

Nivel do grupo: É normaliño. Cada un intenta facer o que pode. Uns xogan máis directo, outros máis de toque. É a Terceira e compite todo o mundo.

José Manuel Pasín, adestrador do Sober: “Estaría ben que as competicións rematasen, pero co mesmo número de partidos xogados”

En principio Pasín continuará un ano máis como adestrador do Sober. Traballa na continuidade da maior parte dos xogadores

A resolución: A min non me gustou. No noso caso é un pouco especial. Nós xa descansaramos. Tiñamos a certa distancia ao Carballedo e tiñamos que enfrentarnos directamente co Antas e co Lemos B. E despois eles tiñan que descanar. A realidade é que tiñamos un pouco de vantaxe e pasou isto. Estaría ben que as competicións rematasen, pero co mesmo número de partidos xogados. Creo ademais que tiveron moita présa. Agora isto, dentro do que cabe, estase poñendo ben. Ao mellor nunha finde podíanse arranxar os play off e xogar nun campo neutral como podía ser o Sangoñedo de Chantada. Haberá que aceptala.

Futuro da 3ª Rexional: Xa era pobre a liga porque había moitos paróns. É complicado motivar así a xente nunha categoría na que ningúen cobra. Compromiso si, pero a xente tamén quere descansar esas findes que non xoga. Ao final as consecuencias era que volvías cara atrás. Eu faría tres grupos de Segunda por zonas. Sería unha liga máis bonita, máis competitiva, na que todos nos coñeceriamos, impulsas a que a xente vaia o campo,..Ti agora como lle vas cobrar a un socio, a un bar ou unha empresa que está afogada? Terás que reducir costes. Entón o máis esencial será reducir desprazamentos. Pregúntalle ao Quiroga, ao Brollón ou o Río Sil se prefiren vir xogar a Sober ou se queren ir a Lugo. Sempre queres gañar ao amigo. Ese coste cambia moito. Terán que empezar a acotar por aí. Os cartos non sei onde van saír.

Continuidade a próxima temporada: En principio sigo. Estou falando cos xogadores. Quedaranse a maior parte dos futbolistas. Estamos mirando un par de fichaxes pero é moi cedo porque preguntan como vai ser a comeptición e din que xa falaremos cando se saiba.

Valoración do curso: Non estaba sendo mala. Iso que tivemos problemas con lesións, sancións,…Só tiñamos un porteiro. Fomos nalgún partido sen el. Estabamos aí para quedar de terceiros. A punto de caramelo. E afrontar os plays offs.

Nivel da división: Creo que os equipos que hai compiten perfectamente en Segunda. Non hai ese salto tan grande como se pensa. En pretemporada competimos contra equipos de Segunda. Na Copa derrotamos o Oural, por exemplo. E coma nós o Antas, o Lemos B que estaba nas semifinais da Copa, etc. Iso quere dicir algo, que non hai tanta diferenza.  

Manu Otero ‘Txiki’, adestrador do Carballedo: “Gustaríame xogar ese play off, pero sen un mínimo de garantías é complicado”

Txiki foi o adestrador encargado de dirixir o Carballedo na súa primeira tempada de vida

A resolución: Calquera decisión ía ser inxusta. Non sei moi ben que dicir. Gustaríanos xogar ese play off, pero sen un mínimo de garantías ía ser complicado. A decisión será das menos malas. Tiñamos opcións de seguir mellorando e ver que pasaría na promoción. Cortounos todo de raíz; esa ilusión. Hai que facer o que manden.

Futuro da 3ª Rexional: Véxoo bastante mal. Xa non había moitos equipos. Xa o calendario é complicado. Xogabas unha finde, despois tocaba descansar, logo un festivo,…; había meses nos que xogabas só un partido. Agora sería moito peor. É unha liga moi corta. Deberían darlle unha volta. Desfacela e facer tres grupos en Segunda. Sería o máis viable para todos. Aos 8 equipos non lles vexo moito futuro, sobre todo se hai que pagar fichas para xogar sete partidos a ida e volta.

Continuidade na próxima temporada: Aínda non falamos moito do tema. Estamos esperando que nos confirmen como vai ser todo. Pero creo que non vai haber problema en seguir.

Valoración do curso: En xeral estou moi contento co traballo que fixemos. Empezamos floxos. Non eramos exactamente un debutante na categoría. Había xogadores con experiencia. Pero si que pagamos o prato de conxuntarnos. Costounos remar nunha idea común. Pero calidade e xogadores hai de sobra. Chegamos a facer bo fútbol; con goles e meténdonos aí arrriba. Gañamos oito partidos seguidos. Ao final baixamos un pouco en resultados, pero competimos ben.

Nivel do grupo: Antigamente a Terceira era un “cementerio de elefantes”. Ultimamente o nivel subiu. Coido que xa non é o de equipos que a van a ver que sae por pasar a finde. Pero agora co que pasou teño as miñas dúbidas. A moitos xogadores non lles vai ser atractivo unha liga así. Vai ser un hándicap.

Gustaríame mandar un saúdo aos alevíns do Antas que tamén adestro. Estabamos primeiros no grupo e moi ilusionados. Eles pasárono peor no confinamento sen fútbol ca os máis grandes

Nos vindeiros días continuaremos repasando a situación na que quedan moitos equipos do fútbol provincial despois da decisión do remate das competicións. Teremos a oportunidade de ir coñecendo como estruturan os clubs un futuro con algunha crenza, pero aínda con moitas incertezas.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario