Son tempos de conformar proxectos. Críticos para algúns equipos. A escaseza de xogadores ou de xente responsable á fronte pode derivar nun futuro negativo. Pero mentres algúns clubs na provincia debaten o seu futuro, hai un que xa o ten amarrado. O Carballedo CF recolle os cementos do desaparecido A Barrela e terá equipo na Terceira Rexional. Despois do éxito do conxunto feminino na tempada pasada, a estrtutura do Catro Ventos continúa medrando. Manuel Otero Costoya «Txiki» (6-04-1983, Taboada) dirixirá o cadro de futbolistas dende o banco. Este e outros motivos obrígano a pechar ciclo como xogador. CD Lugo, Calasancio, Antas ou Taboada foron os equipos que ocuparon a carreira futbolística de Txiki dende cativo. A aposta agora é centrarse nos bancos. No sénior pero tamén pendente dos máis cativos. Continuará adestrando na base do Antas. Sementando e recollendo a ilusión que transmiten os máis novos.
Futbolinlugo: Por que te decides por este novo proxecto?
Txiki: Xa coñecía aos directivos, apetecíame seguir adestrando a un equipo sénior e son uns rapaces que veñen con moitas ganas. Había a posibilidade de seguir adestrando en Taboada aos xuvenís, pero ao final non se deu.
Fil: Hai capacidade para que Carballedo volva ter equipo de fútbol masculino?
Tx: Si. Esa capacidade para xuntar xente é unha das cousas que máis me sorprendeu. Xa o tiñan medio armado. Van xuntando xente do propio pobo que como levaban tempo sen equipo alí tiñan gañas de volver xogar cos seus. Tamén hai moito rapaz novo e collen xente de Concellos limítrofes da zona de Ourense.
Fil: O equipo está perfilado?
Tx: Teremos que ir vendo aos xogadores e adestrar. Sempre poderá vir algún reforzo doutras categorías. Pero a base está feita. Ademais con xente de alí.
«Pensei que ía partir de cero, pero xa estaba todo medio encamiñado»
Fil: É habitual que o adestrador sexa moitas veces o encargado de xuntar a xogadores, ti xa tiñas o traballo feito?
Tx: Pensei que ía partir de cero outra vez. Pero xa estaba todo falado e medio encamiñado Por ese lado si que me sorprendeu bastante. Agora toca ver os rapaces adestrar e escoller.
Fil: Cando comezades a pretemporada?
Tx: O martes 6 de agosoto. Temos algúns amigables xa pechados. Xogaremos co Taboada B, Chantada xuv., Cea e Villamarín. Estamos abertos a programar máis cando coñezamos o calendario da Liga e o sorteo da Copa Deputación.
Fil: Estarás a par co traballo na base do Antas…
Tx: Os pequenos de Antas é algo que tampouco quero perder. Somos case como unha familia. Pásoo moi ben con eles. Seguirei cos integrantes do benxamín do curso anterior que agora xa pasan a alevíns. Ademais estarei botando unha man cos xuvenís. Entre os clubs non houbo pegas. Déronme todas as facilidades do mundo para compaxinar.
Fil: Esta aposta como técnico significa deixar a un lado o de seguir xogando ao fútbol?
Tx: Si. O ano pasado din os últimos coletazos. Na segunda parte da tempada por distintos motivos non me coincidía tan ben adestrar e xoguei co Taboada B. Pero agora dou por pechada esa etapa. Centrarémonos en adestrar e en mellorar adestrando. Quero facelo ben e ter estabilidade. Non busco grandes divisións pero si atoparme a gusto nun sitio.
Fil: Con que te quedas destes anos xogando?
Tx: Con moitas cousas, pero principalmente cos amigos que fixen. Xoguei no Lugo, no Calasancio, no Taboada e no Antas e en todos os sitios deixei amigos que nos seguimos vendo no mundo do fútbol. É o final é o que te levas. Tamén eses recordos de cando eras pequeno que son os que máis te marcan. A nivel deportivo para min o culme foi cando logramos o ascenso co Taboada á Preferente. Ademais puiden vivir dentro do campo cando meu irmán marcou o gol no último minuto que nos daba o ascenso.
Fil: Botarás de menos o Taboada CF?
Tx: Si porque foron moitos anos como xogador e adestrador. Fun segundo técnico do equipo A e primeiro do B. Ademais co traballo que nos costou o ano pasado, a perda que tivemos de Canti,.. Son meus veciños e son meus amigos tamén. Aínda que agora a curto prazo no fútbol collamos camiños distintos.