O Comité de Competición resolveu este mércores como quedan finalmente as competicións. A finalización das ligas nesta temporada é un feito. Dende hai unhas semanas, a comisión delegada da RFEF xa decidira que facer coas categorías das que ten competencia. No caso lucense, provocaba a permanencia do PM Friol, o Racing Vilalbés e o Polvorín nas súas respectivas ligas. A Futgal opta por unha opción semellante nas divisións que organiza:

Cando se detivo a competición (26ª xornada), o Viveiro sumaba 62 puntos; 15 máis ca o 3º clasificado

No fútbol lucense non hai ningún equipo que xa estivera matematicamente descendido na data de interrupción das ligas. Ningún equipo da provincia baixará esta temporada de categoría. Nin o Bóveda que protagoniza un caso curioso no grupo sur da Segunda Rexional. Non conseguiu ningún punto nas 21 xornadas xogadas. Pero quedaban 27 en xogo e a diferenza coa zona de salvación era de 21 puntos. Ademais, o Burela e a Milagrosa feminino que compiten na liga de fútbol 7 da Coruña rematan a competición sen ningún efecto clasificatorio.

Preferente Norte: 

Soben á Terceira Galega os dous primeiros clasificados de cadanseu grupo da Preferente. O Viveiro consegue o seu ansiado ascenso.

Primeira Galicia:

O Atlético Escairón e o Santaballés ascenden á Preferente.

O Escairón volve á Preferente dous cursos despois do seu descenso. Foto: Melanie de la Fuente

Segunda Galicia:

Tamén soben os dous primeiros de cada grupo. Alfoz, San Lázaro e Portomarín son equipos de Primeira. Tamén coñecemos a resolución final do Comité de Competición sobre a situación do Sanci e do Sporting Pontenova. Co ascenso deste último, polo gol average xeral. Estaban igualados a puntos e faltaba por xogar entre eles o partido da 2ª volta.

Terceira Galicia:

Na división máis baixa do fútbol sénior masculino respéctanse os dous ascensos directos de cada grupo. O Sporting Lucense xa era equipo de Segunda cando a competición se detivo. O Fonsagrada, o Matela e a Milagrosa acompáñano no ascenso. Ademais ao non disputarse promocións de ascenso, cambian a unha categoría superior os terceiros clasificados de cadanseu grupo: o Antas e o Viveiro B.

Fútbol feminino: Primeira e Segunda Galicia: 

Na Primeira, o Friol B queda fóra da promoción de ascenso. O criterio para subir á Primeira Nacional vai ser o ascenso directo.

Na Segunda o CD Lugo válese do gol average xeral para conseguir a praza de ascenso a Primeira. Estaba igualado co Sporting Cambre co que xusto xogara o último partido antes de que a competición parase. O gol average particular estaba igualado.

Fútbol base: 

Non vai haber as promocións de infantís, cadetes e xuvenís para subir de provincial a Liga Galega. A idea era subir a un equipo por provincia (os primeiros clasificados). En infantís a Residencia por gol average que está empatada coa Milagrosa. En cadetes o Ribadeo e o Calasancio (zona Ourense) e en xuvenís o EF Polvorín e o Calasancio (zona Ourense). No salto de Segunda Provincial a Primeira xuvenil, os beneficiados son os primeiros clasificados, que ostentaban posto de ascenso directo: Foz, no grupo norte. E Becerreá, no sur. Xunto co Palas, segundo clasificado, que se aproveita da vacante que deixan os capitalinos de Montirón.

Todo o fútbol-8 quedou sen efecto algún no tocante a efectos clasificatorios.

Árbitros:

Executaranse os ascensos. Só haberá descensos administrativos.

Veteráns:

Ascenden a División de Honra Codesido, Veteranos Santaballés e Rábade Veteranos.

Por último, adxuntamos a 2020_05_27_RESOLUCION_CONCLUSION_COMPETICIONES_ por parte da Real Federación Galega de Fútbol.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*