#Entrevistas #Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

Diego Fernández, Viveiro CF: «Temos que dar o 120% cada domingo»

O Viveiro está de moda. O cadro dirixido por Alberto López está a cuaxar unha segunda metade de temporada moi positiva, que —polo momento— deixa aos de Cantarrana cunha visión optimista de cara ao obxectivo da permanencia, pese á derrota 2-1 no Viso, feudo do Arzúa.

Unha das pezas chave deste éxito eríxese no centro da zaga mariñá. Diego Fernández Román (Guntín, 1999) chegou ao cadro celeste no verán de 2022 e, pese a que lle custou facerse cun oco no once titular, xa é un imprescindible para o seu técnico. Hoxe atende aos nosos micros para analizar o momento dos seus e o final de temporada na Terceira RFEF.

Diego, nun choque ante o Alondras.

Fil: A derrota en Arzúa puido ser un paso atrás importante.

Diego Fernández: Entramos moi fríos no primeiro tempo, eles con moito ritmo… Estabamos cansos despois do partido do xoves… No segundo tempo tivemos opcións de empatar, pero non houbo maneira.



Fil: Confiades na permanencia?

DF: Co partido do Arzúa complicouse de novo, pero quedan partidos moi importantes, finais. Aínda así, vemos moitos brotes verdes e moita luz nos últimos meses: cremos na idea de Alberto e, se imos todos a morte, conseguirémolo.

Fil: Que cambiou respecto aos primeiros resultados do equipo?



DF: A xente que chegou aportou moito e cremos moito máis na idea, ao comezo aínda estabamos acoplándonos todos e agora estamos todos moito máis unidos no campo.

Fil: Cal é esa idea da que falas?

DF: Estar concentrados durante todo o partido, temos que ir todos a unha e ser moito máis intensos. Ser un equipo compacto e encaixar poucos goles. A xente de arriba, como Gamarra, agora está aportando moito. Temos que seguir así.

Fil: Restan partidos contra rivais directos, que determinarán a posición final.

DF: Si, agora só queda gañar as finais que temos por diante: varias son en Cantarrana, polo que temos unha vantaxe. A priori, algún rival directo ten un calendario máis complicado, pero acabamos de ver como na Terceira calquer equipo é difícil de bater. Se non estamos ao 120%, non competimos.



Fil: Está unido o vestiario que dirixe Alberto López?

DF: Sempre houbo bo grupo, pero é certo que desde o Nadal chegou xente para aportar ese gran de area e para desmostrar cousas. Esa competitividade mellora o traballo diario e a dinámica do grupo.

Fil: No plano persoal, estás a ser un dos xogadores máis importantes do equipo.

viveiro
Alberto López colleu o timón do Viveiro hai dous anos. Foto: Viveiro CF

DF: Este ano Alberto conta moito conmigo, sempre de inicio, pero eu só trato de aportar o máximo ao Viveiro. Teño que traballar día a día e dar o máximo cada domingo para acadar a permanencia en Terceira, que é o obxectivo que temos, tanto os xogadores como o corpo técnico e a directiva.

«O Viveiro ten que competir sempre ao 120%«

Fil: Costou a adaptación á categoría?

DF: Si, o ano pasado costoume no primeiro tramo de temporada: o salto de dúas categorías, o ritmo, atoparte ante xogadores que che condenan cada erro. Este segundo ano no Viveiro xa conocía máis a categoría, pero aínda me falta moito por mellorar e seguir aportando.

Fil: Que diferenzas notas con respecto á Preferente ou á Primeira Galicia?

DF: Sobre todo, que o ritmo é máis alto e que calquer erro, por mínimo que sexa, vai custar caro. A maioría dos dianteiros meten para dentro cada ocasión que teñen.

Fil: A túa é unha situación curiosa, pois non pasaches por canteiras de renome, agás unha temporada no Racing Villalbés en División de Honra xuvenil.

DF: Si, ao final todo se basa no traballo diario. Ter a confianza do míster e da directiva do Viveiro tamén é moi importante: que che digan que tes potencial e capacidade, que tes que traballar desde a pretemporada e en cada semana de adestramento. A actitude e a intensidade ten que ser ao 100% cada día para que a xente que chega desde Deportivos, Lugos… non che saquen as costuras.

Diego, posando co Guntín para a II Guía Futbolinlugo.

Fil: Veremos a Diego máis anos vestido de celeste?

DF: Bueno, eu sempre direi que me quero retirar no Guntín (ri). Pero en Viveiro trátanme moi ben, a directiva e o corpo técnico sempre teñen moi bo ambiente, e estou moi a gusto en Cantarrana.

Diego Fernández, Viveiro CF: «Temos que dar o 120% cada domingo»

Só o Polvorín é quen de sumar

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *