#Fútbol afeccionado #Feminino #Segunda Futgal #Terceira Futgal #Terceira RFEF

Diario dun mercado. Episodio 358

Localidades da provincia como Meira, Parga ou Portomarín celebraron a súa feira este domingo. As fichaxes e as renovacións de futbolistas non se negocian neste actos, pero a súa esencia dálle nome a este mercado virtual do que estamos pendentes a diario en Futbolinlugo.

Os clubs continúan planificando a próxima temporada nun mes no que moitos deles xa volverán aos adestramentos. É o caso do Racing Villalbés que vivirá a súa primeira experiencia na 2ª RFEF. O cadro dirixido por Simón Lamas ten a 16 futbolistas xa ao seu dispor.

O que vén de anunciar é que non seguirá Dani Fernández. O polivalente xogador pontés non tivo moitos minutos como titular, pero si foi un cambio moi empregado polo corpo técnico ao longo da liga e tamén na fase de ascenso.

Pola súa parte, a Sarriana, recén ascendida á 3ª RFEF, comunicou a súa terceira fichaxe. Trátase do extremo Tijan Sohna. Chega procedente do As Pontes, conxunto que supuxo a súa primeira incursión no fútbol galego logo de criarse no balompé catalán. Tivo moito protagonismo no club pontés que logrou a salvación na Preferente norte e co que marcou oito goles na liga.



Seguindo na mesma categoría, un futbolista de Sarria cambia de equipo pero non para o da súa vila. O lateral esquerdo Álex Vázquez incorpórase ao Somozas, logo de deixar a UD Ourense (outro defensa zurdo como Martín asinou esta semana no cadro do Couto).

Álex estreouse no fútbol sénior na Residencia en Preferente. Tivo a oportunidade en Terceira no Racing, pero a falta de minutos levouno uns meses ao Almudévar de Huesca. Dous cursos no Arzúa e outros dous na UD Ourense (un en Preferente) convérteno xa nun experto do fútbol galego aos seus 25 anos.

Tamén soubemos este domingo do adeus de Álex Fidalgo ao filial do CD Lugo. Non estamos falando do Álex Fidalgo presentador do podcast ‘Lo que tu digas’, senón do mediocentro ourensán que chegou ao equipo albivermello aínda en idade xuvenil procedente do Pabellón. Logo de catro campañas, informou do fin desta etapa.



Na Segunda Rexional, móvense os filiais que vai haber na categoría con permiso do Chantada B. Na zona norte, o Racing Villalbés B comunicou a continuidade do central de Rioaveso Dani Yáñez e do centrocampista ofensivo Diego López.

Na zona sur, o Lemos B incorpora a Yeray Docabo do Calasancio. Ademais anunciou a continuidade do defensa Hugo dos Santos ‘Dosi’, do centrocampista Martín Trigo ‘Marti’ e dos atacantes Álex de la Fuente ‘Piki’ e Samu Cao que estarán neste curso ás ordes de Jesse.

Tamén na zona norte, o Xermade seguirá contando co central Fran García. O futbolista pontés, importante fóra e dentro do vestiario, cumprirá a súa oitava tempada no Municipal.

Marcos Moscoso xa formaba parte do equipo de adestradores da Piringalla.

Na Terceira Rexional, salientamos que Marcos Moscoso será o adestrador do primeiro equipo da Piringalla que volverá conformar conxunto sénior. Despois de facer unha gran campaña co xuvenil, o tamén ex preparador do Nausti, faise cargo deste novo proxecto.

No resto de novas desta división imos de norte a sur porque o Celeiro segue tratando de manter a base do seu equipo. Confirmou as renovacións de Dani Liz e de Sergio Cora, o atacante chegou na segunda volta do curso pasado e rendiu a bo nivel. Pola contra, lamenta a baixa de Iván ‘Kibito’.



Facemos parada en Bóveda e concretamente na localidade de Rubián porque o equipo do Poste fixo oficial a continuidade do defensa Daniño. O veterán xogador, que tivo a oportunidade de vivir dende dentro o III All Star Futbolinlugo, xogará a cuarta temporada no club.

Máis ao sur, o Río Sil informou da súa primeira fichaxe logo do seu descenso. O porteiro Saúl Oviedo, procedente da base do CF Monforte, chega á Carqueixa.

Precisamente, o equipo de base monfortino foi noticia esta fin de semana por anunciar un convenio de filialidade co Atlético Escairón. O seu equipo xuvenil vai estar adestrado por Smaily, que rematou este curso 22/23 dirixindo e xogando no Río Sil.

Con respecto á Terceira Galega que se estreará este ano no fútbol feminino galego salientamos unha renovación máis no Monteforte, a de Laura Rivas.

Diario dun mercado. Episodio 358

Diario dun mercado. Episodio 357

Diario dun mercado. Episodio 358

Diario dun mercado. Episodio 359

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *