A Milagrosa asinou unha das vitorias máis destacadas da xornada ao superar o Muxía en Frigsa. O triunfo acompañou os do PM Friol, o Antas e o Chantada, que conservan os seus liderados. Na Terceira Futgal, o Monte Forte levou o derbi ante a Comercial, mentres o Carballedo e o Antas B quedaron sen puntos.
A Milagrosa reivindícase ante o Muxía
A Milagrosa venceu por 3-1 o Muxía nun encontro que encamiñou cunha gran primeira metade. As xogadoras de Fran Rodríguez saíron con decisión e tomaron vantaxe por medio de Alma no minuto 10. Lara ampliou a diferenza no 36 e permitiu ás lucenses chegar ao descanso cunha renda de dous goles.
O equipo local sostivo a resposta do Muxía tras a reanudación e Esmenia marcou o terceiro no minuto 72. Eva Lema recortou no 80, pero non alterou o desenlace. O conxunto albivermello suma a súa segunda vitoria da tempada, alcanza os oito puntos e gaña confianza fronte a un dos equipos da zona alta.
O PM Friol marca cedo e sentencia ao final
O PM Friol superou por 2-0 o O Val e mantense á fronte da Terceira Federación. Unha internada de Candela acabou no primeiro gol cando apenas transcorrera un minuto, unha vantaxe temperá que non se traduciu nun partido cómodo para as locais.
As friolesas non ofreceron a súa versión máis fluída e tiveron que agardar ata o minuto 82 para asegurar o resultado. Nerea aproveitou un rexeitamento e marcou o segundo tanto.
O conxunto amarelo continúa invicto con vinte e nove puntos, un máis que As Celtas B e tres por diante do Lóstrego e do Atlético Villalonga.

O Antas supera outro exame en Touro
O Antas encadeou a súa undécima vitoria ao impoñerse por 2-3 ao Touro. A presión alta das locais dificultou o xogo ulloán e o encontro chegou ao descanso sen goles.
Carla adiantou o Touro no minuto 50, pero o equipo de Óscar Méndez reaccionou cunha secuencia decisiva: Yani igualou no 58, Mery completou a remontada no 66 e Rebe ampliou a vantaxe no 72.
Uxía marcou o 2-3 no minuto 93, xa sen tempo para cambiar o resultado. O Antas conserva o pleno de puntos e os seis de marxe sobre o Valladares.
Sharon pecha a primeira volta con vinte e tres goles
O Chantada venceu por 5-0 o Xuventude de Crendes e completou a primeira volta da Segunda Futgal sen derrotas. O inicio resultou trabado, ata que Sharon abriu o marcador no minuto 26.
Noa fixo o segundo no 35 e Sharon volveu acertar no 45. A dianteira completou o seu triplete no minuto 79 e Rocío Cudeiro pechou a conta no 84.
Sharon segue imparable e alcanza os vinte e tres tantos, mentres o Chantada suma vinte e cinco puntos de vinte e sete posibles e mantén catro de vantaxe sobre o Curtis.
O San Lázaro reacciona demasiado tarde
O San Lázaro perdeu por 1-2 ante o Cruces nun encontro no que a falta de acerto volveu penalizar o equipo lucense. As visitantes adiantáronse por medio de Lucía no minuto 40 e ampliaron a diferenza cun tanto de Carla no 64.
Mireia recurtou no minuto 79 e devolveu opcións ás xogadoras de Iván Gil, pero o gol non chegou acompañado do empate. As celestes mantéñense con seis puntos ao remate da primeira volta.
O Curtis castiga o filial friolés
O PM Friol B encaixou a súa segunda derrota consecutiva ao caer por 6-1 no campo do Curtis. Jessica abriu o marcador no minuto 18 e Vane respondeu no 21, pero a igualdade durou pouco.
Natalia marcou o 2-1 no minuto 25 e Alba ampliou a renda no 32. Antes do descanso, no minuto 38, foi expulsado con vermella directa o delegado visitante, Rodolfo José Díaz.
Na segunda metade, Alba engadiu outros dous goles, nos minutos 63 e 76, para completar o seu triplete. Natalia pechou o resultado no 86. O filial friolés conserva a terceira posición con dezaseis puntos, agora igualado co Auriense.
Pdemer decide un derbi de alternativas
O Monte Forte impúxose por 2-3 á Comercial nun derbi que non se resolveu ata o tramo final. Sofía adiantou as locais no minuto 6 e Pdemer restableceu a igualdade no 13.
Na segunda parte, Moji colocou por diante as monfortinas no minuto 55, pero Lara respondeu apenas dous minutos despois. Co encontro de novo empatado, Pedemer marcou o tanto decisivo no 80 e completou o seu dobrete.
O triunfo permite ás de Lemos alcanzar os nove puntos e igualar á Comercial na clasificación.
O Carballedo resiste cun equipo moi xusto
O Carballedo caeu por 2-0 na súa visita ao Arzúa. O conxunto da Barrela, que só dispuxo de doce xogadoras, sostivo o esforzo durante todo o encontro, pero non conseguiu puntuar.
Ana abriu o marcador no minuto 30 e Valentina ampliou a diferenza no 50. Malia as limitacións de efectivos, o Carballedo evitou que o resultado medrase no resto da segunda metade.
O Antas B cede no tramo final
O Antas B perdeu por 1-2 ante o Dodro nun partido condicionado polas baixas e resolto nos últimos minutos. Noa adiantou as visitantes no minuto 22 e a vantaxe mantívose ata ben entrada a segunda metade.
Aldara igualou no 73 e devolveu as opcións ás ulloás, pero o desgaste acabou pesando. Claudia marcou o 1-2 no minuto 84 e deixou o filial sen premio despois de conseguir regresar ao encontro.


