A actividade nos despachos da provincia non frea, pois o mercado segue moi activo. Día a día sucédense os movementos nos equipos lucenses en todas as categorías.
Na Segunda RFEF, o Racing Villalbés anunciou a continuidade de Juan Rodríguez como segundo adestrador. O técnico chantadino vivirá a segunda temporada dentro do primeiro equipo. Trátase da primeira renovación anunciada polo club para o corpo técnico logo das saídas de Xandre Vázquez (adestrador de porteiros) e David Otero (preparador físico). Unha categoría máis abaixo, na Terceira RFEF, o lateral zurdo Martín López asina pola UD Ourense logo de desvincularse do Polvorín.
Xa na Primeira Galicia, os movementos concéntrase na zona norte. David Iravedra volve ao Xove Lago despois de dous anos afastado do conxunto por motivos académicos, mentres que un ex do Xove, Diego Chao, vivirá unha nova etapa na Marosa coa SD Burela. O Meira continúa renovando aos xogadores que acadaron o ascenso, como é o caso de Gabriel.

Na Segunda Galicia, o Cabreiros mantén a Manuel Ledo como adestrador de porteiros para preparar aos seus gardamallas Lino e Nesi, mentres que o porteiro Pedro Roca e o atacante Samu López renovan no Villalbés B. Outro dianteiro, neste caso Jul, seguirá xogando como local nas Gándaras, pero cambia o Sporting Lucense polo San Lázaro. Pola súa banda, o incombustible Damián renova no Brollón.


Na Terceira Rexional, o Celta Barreiros comunicou a súa terceira e cuarta incorporación. Os irmáns Andina, Javi e Miguel, chegan ao Cascabeiro procedentes da SD Ribadeo, mentres que o Celeiro renova a Ceas, un dos capitáns. Na capital, Ángel e David seguirán no filial da Comercial e, ao sur da provincia, Armesto, Luis, Lucas e o porteiro All Star Casillas renovan no Rubián.
