A celebración do Día das Letras Galegas deixou na provincia unha intensa xornada copeira. No que respecta aos equipos que competiron este curso na 2ª e na 3ª Rexional xogáronse os dezaseisavos de final.
Houbo goleadas, clasificacións nos penaltis e algunha que outra sorpresa. Os oitavos de final terán que esperar ata a primeira fin de semana de xuño (agás que algúns clubs de mutuo acordo decidan adiantar o partido). Contámolo nunha entrega especial de #ONoso11AChaira.
O Guitiriz e o Cospeito volveron repetir a fazaña
Sen dúbida, son os dous equipos protagonistas da semana. O Guitiriz e o Cospeito xogarán dende este domingo a final a dobre partido por subir á Primeira Galicia. Ademais foron capaces de clasificarse para os oitavos da Copa eliminando aos mesmos rivais cos que estiveron emparellados no play off.
Quizais o caso máis curioso sexa o da eliminatoria do Iberia e do Guitiriz. É que levan catro partidos seguidos xogando. O último da fase regular da liga, os dous da promoción de ascenso e o da Copa. Algún futbolista seguro que viu máis aos xogadores rivais ca súa propia familia.


Tanto na fase como na Copa, a eliminatoria resolveuse nos penaltis. Marcou de primeiro o Iberia que xogaba como local, tamén dende os once metros. Antes do tempo de lecer, Erik igualou para o Guitiriz.
O muro dos Vilares, Jesús, volveu ser providencial no segundo tempo. Parou outro penalti que tiveron os de San Miguel ao seu favor lanzado por Jorge. Na quenda de penas máximas parou o primeiro e os seus compañeiros estiveron atinados nos lanzamentos.
O Iberia non tivo a sorte necesaria no momento máis decisivo da tempada e remata así a súa campaña. Non obstante, completaron un gran curso, sendo moi regulares e logrando a boa xeira de estar máis dunha volta sen perder.

Iberia 1-1 Guitiriz (clasificado o Guitiriz nos penaltis)
Folgueiro 1-3 Cospeito
Rioaveso 6-2 Comercial B
Mondoñedo 0-2 Alfoz
Cazás 0-5 Racing Villalbés

Celta Barreiros 2-4 Castro B
Xermade 3-1 Meira
Muimenta 1-1 Candelaria (clasificado o Muimenta nos penaltis)
O Cospeito tenlle a medida collida a Boavista. Gañou alí por terceira vez na tempada, a segunda en tres días. Foi o único equipo que logrou vencer alí neste ano. O acerto de cara a gol dos pupilos adestrados por Luis Romay, está sendo tamén un factor determinante, algo que era un déficit do equipo aló polo outono.
Agora ata marca dobretes Manuel Lozano ‘Congui’, que era máis de pasar ca de anotar. O Cospeito chegouse a poñer 0-3 cun gol do xuvenil Brais que foi titular xunto con Rui.
Con todo, o resultado era inxusto polas ocasións das que gozou o Folgueiro ao longo do partido. A efectividade goleadora que amosou sempre o equipo adestrado por Manuel Vicente, viuse mermada xusto no momento clave da temporada. Só Aarón puido batir a portería rival antes do final e despedir así a 22/23 do conxunto do Vicedo.
Pase o que pase, agora quen se verán as caras durante tres fins de semana seguidas van ser os do Cospeito e os do Guitiriz. Porque tamén quedan emparellados nos oitavos de final da Copa que se xogarán no Suso Cruz.
As canteiras da Terra Chá man a man
Por primeira vez producirase o encontro de filiais chairegos en competición oficial. O Racing Villalbés B e o Castro B serán rivais a próxima temporada na Segunda Rexional, pero antes buscarán un oco nos cuartos de final da Copa.
A eliminatoria do Roca promete. Primeiro por ser canteiras de referencia na comarca, por “certa rivalidade deportiva” que existe entre localidades próximas e polos integrantes dun e doutro equipo que antes pasaron polo outro. Un exemplo é o caso do adestrador do Racing B, Iván Lamas, que foi preparador do CD Castro que chegou á Terceira División.
O filial racinguista superou con claridade ao Cazás no Catro Ventos. Gabri adiantou aos seus de libre directo e Freire puxo o segundo de penalti. No segundo tempo, os locais tentaron meterse no partido pero non o conseguiron. Gabri marcou o terceiro, o Cazás entregouse e chegaron dous goles máis.
Pola súa parte, o Castro B impúxose no Cascabeiro ao Celta Barreiros, un rival co que competiron este ano na 2ª. Non foi un encontro demasiado vistoso. Aínda así o filial vermello tratou de mover o balón e xerou ocasións. Marcou catro goles por dous dos locais. A base tivo protagonismo. Dous xogadores do Castro en idade cadete tiveron minutos.
O Celta Barreiros pecha unha temporada difícil na que a pesar do descenso á Terceira, lograron sacar adiante un equipo que estaba deshauciado en setembro. A nota negativa do último partido foron as lesións de Álex (rotura do tabique nasal) e de Jhoseba (luxación de clavícula). Dende aquí agardamos que se recuperen canto antes.
O Rioaveso representa á Terceira Rexional norte
Xunto co filial do Racing, o Machinango é o único equipo que competiu este ano na 3ª norte que segue vivo no torneo copeiro. Xogará co Alfoz en Paraños.
Antes superou ao filial da Comercial con comodidade. A pesar da falta de inactividade das últimas semanas, a medida que foron pasando os minutos, o Rioaveso foise facendo co dominio do xogo e xerando moito perigo. Anotou seis goles.
Pola súa parte, o Alfoz superou nun duelo de proximidade ao Mondoñedo no Viñas da Veiga. Adiantáronse os visitantes na primeira metade ante un cadro local ao que lle custou entrar no encontro. O Alfoz ampliou distancias no segundo acto e os pupilos adestrados por Israel pelexaron con máis corazón ca cabeza pero sen éxito.
O cadro mindoniense segue vivo en competición. Este domingo xoga a semifinal do Torneo Delegación co Celeiro no Viñas da Veiga.
Máis duelos chairegos en oitavos
Haberá outro choque chairego nos oitavos. O que xogarán o Xermade e o Muimenta. Dous equipos que chegaron con sabor distinto ao final da liga. O conxunto xermadino rematou a segunda volta nun gran estado de forma e quere mantelo na Copa.
Polo momento superou a un Meira, recén ascendido á Primeira. O Xermade adiantouse ao pouco de comezar o encontro a través dunha xogada a balón parado. O central Fran rematou de cabeza un balón que procedía dun saque de esquina. Os locais conteron as acometidas dun Meira que quedou cun xogador menos por expulsión xusto antes do descanso.
No segundo tempo os locais aumentaron a vantaxe. O Meira finalizou o encontro con nove futbolistas debido a outra expulsión que recibiu mediado o segundo tempo.
Pola súa banda, o Muimenta xa non esperou ao Día das Letras para pasar de rolda. Xogou por adiantado o seu partido coa Candelaria, a quen derrotou nos penaltis. O cadro celeste tentará resarcirse na Copa da mala xeira de resultados conseguida na segunda parte da liga.
- Oitavos de final zona norte:
Guitiriz – Cospeito
Rioaveso – Alfoz
Racing Villalbés B – Castro B
Xermade – Muimenta

O Rubián, o Incio e O Páramo manteñen o orgullo da 3ª SUR nos oitavos
Corgo 4-1 Sporting Lucense
Monterroso 1-1 Milagrosa (a Milagrosa pasou en penaltis)
Sober 3-4 Ferreira
Rubián 3-2 Quiroga
Taboada B 4-5 Paradela
Santa Comba 2-3 Incio
Oural 4-0 Guntín
O Páramo 3-2 Castroverde
O Corgo atopa na Copa a vía para salvar a temporada
A pesar de que hai unhas semanas que rematou a competición ligueira, o Corgo amosou un gran ritmo de xogo. Entrou ben no partido e conseguiu adiantarse. O Sporting Lucense só foi capaz de recurtar distancias na recta final. E cando ía tentar empatar, os locais sentenciaron á contra.
Vinte e seis penaltis en Cerdeiriños
O Corgo xogará os oitavos de final contra unha Milagrosa que antes tentará ascender á Primeira Rexional. A Mila tivo un encontro complicado contra o filial do Monterroso. O cadro preparado por Couso acudiu a cita con baixas; cinco xuvenís entraron dentro da convocotaria.
Os locais puxéronse por diante por medio dun gol de falta da autoría de Burgo. Logo a ambulancia tivo que vir buscar a Cabarcos, o porteiro, por unha lesión no cóbado e conseguiron empatar a través de Faus. Esa é a mala nova, porque o gardamallas perderá a final polo ascenso.
Non houbo goles na segunda metade. Nos penaltis a Mila volveu pasar. Marcáronse 24 penaltis seguidos. Ata que fallou o Monterroso B e anotaron os visitantes. Cada equipo tirou 13 penas máximas. Ningunha ‘Sesión Plenario’ chegou a tanto polo momento.
O Rubián e o Ferreira buscan na Copa o que non conseguiron na liga
O Rubián xogará os oitavos de final logo de superar ao Quiroga no Poste. A vitoria foi pola mínima pero no encontro marcáronse cinco goles. O cadro preparado por Senén quedou eliminado nas semifinais polo ascenso á 2ª despois de finalizar 4º na tempada regular. Tratará de seguir vivo na Copa para mellorar o acadado na campaña.
Por certo, que o curso para o Quiroga aínda non rematou. Xa logrou o ascenso e campionato da 3ª pero aínda pode facerse co Torneo Delegación. Este domingo xoga as semifinais co Castroverde.
O Ferreira quedou ás portas de entrar na fase de ascenso á Primeira. Despois de estar boa parte do curso pelexando por rematar como líder. Condenárono os malos resulados do último tramo de liga. Quere mellorar a súa imaxe na Copa e polo momento avanza de rolda.
Superou ao Sober na súa casa nun encontro que tivo moita polémica. Houbo cinco expulsións, catro de xogadores do conxunto de Centeás. No tocante ao marcador houbo alternativas. O Sober chegou ir dúas veces por riba. O Ferreira lograría a remontada definitiva mediada a segunda metade.
O cadro amarelo non renuncia ao dobrete
Ademais do Rubián, tamén vai representar a Terceira Rexional sur o Incio. O cadro amarelo logrou o ascenso á 2ª e segue adiante na Copa. Impuxéronse as baixas e ao bo comezo do Santa Comba no seu campo. Jorge avisou en dúas ocasións nas que interviu ben Castro. Edu adiantou ao Incio antes do descanso.
No segundo acto Pombo e Darwin parecían sentenciar o choque. Non obstante, dous goles de Jorge tras boas xogadas de Jaime déronlle azos aos pupilos preparados por Merino que tiveron preto o empate.
Agora a Copa pasará a xogarse no Carboeiro. Alí recibirán a un Paradela que sufriu máis da conta ante o Taboada B. Marcáronse nove goles.
O Paradela viña de perder co Friol as semifinais polo ascenso. Chegou coas forzas xustas a Taboada. Non obstante, coa calidade do equipo conseguiu impoñerse. Salientou Diego con dous goles e o gran papel de Carlitos que marcou un tanto e deu tamén dúas boas asistencias.
A Copa séguese xogando nas Rapadas
Non houbo moito fútbol entre o Páramo e o Castroverde, aínda que se marcaron cinco goles. O Castroverde logrou poñerse por diante cando Fran Veiga optou por un fútbol directo. Empatou o cadro local con gol de falta de Hugo.
Un erro defensivo do Páramo propiciou o segundo visitante. A remontada local chegou cun disparo de Dani dende lonxe e cun tanto de Jose en xogada de estratexia.
Con todo, a tempada aínda non rematou para o Castroverde. Este domingo xoga co Quiroga as semfinais do Torneo Delegación.
Haberá duelo de proximidade nos oitavos porque O Páramo vai recibir ao Oural. O equipo do concello de Sarria superou a todo un Guntín. Precisamente, o Oural era outro dos equipos que fixo unha tempada de máis a menos pero que pode aproveitar a Copa para confirmar a súa calidade e valor como grupo.
No Luis Pallín deixaron sen opcións ao Guntín. Antes do descanso o marcador xa contaba un 3-0. Os locais controlaron ben o partido e ampliaron diferenzas cun gol máis.
- Oitavos de final zona sur:
Corgo – Milagrosa
Rubián – Ferreira
Incio – Paradela
O Paramo – Oural
