A xornada de Terceira deixounos o empate do Polvorín no campo do Rápido de Bouzas, que supuxo que o cadro lucense cedese o liderado ao Somozas. Empate tamén no derbi provincial entre o Racing Vilalbés e o Viveiro, nun encontro de escasas ocasións. Na Preferente, a Sarriana gañou a domicilio e mantén a primeira praza, mentres que o Lemos igualou no feudo do Dubra. Na pelexa por evitar o descenso empates de Santaballés, Foz e Residencia; e derrota do Escairón no Municipal.
O Polvorín cede o liderado logo de empatar co Rápido de Bouzas (2-2).
O filial albivermello non puido manter o primeiro posto de Terceira logo de empatar no Baltasar Pujales e do triunfo do Somozas diante do Xuvenil de Ponteareas. A boa nova é que os de Álex Ortiz dependen de si mesmos para rematar primeiros, xa que os de ferrolterra teñen un partido menos por xogar.
O Polvorín tentou facerse co dominio do encontro no primeiro tempo e achegouse con perigo ás inmediacións da portería de Álex Vila, pero non foi quen de xerar claras ocasións de gol. O cadro local nunha falta directa puido adiantarse no marcador pero Julen respostou á perfección. Xusto antes do intermedio, Álex Ramos, en xogada individual puxo un bo balón que rematou Expo no segundo pao inaugurando o marcador.


Non comezou ben o conxunto lucense a segunda metade, con quince minutos de claro dominio do Rápido de Bouzas, que aproveitou para darlle a volta ao marcador. Cellerino, nada máis comezar, e Álex Rey no minuto 58 fixeron os tantos locales. Puido chegar a sentencia, pero nun man a man o dianteiro local enviou o balón ao pao. O Polvorín sacudiu o asedio local e o encontro voltou ao seu cauce e Álex Ramos acadou o empate cun excepcional lanzamento de falta. Nos últimos intres Idrissa e Leandro gozaron de claras ocasións para darlle a volta ao marcador.

O derbi da Madalena entre Racing Vilalbés e Viveiro remata en tablas (0-0).
Reparto de puntos no primeiro derbi lucense da segunda volta que fai xustiza ao visto ao longo dos noventa minutos. O encontro non tivo un dominador claro e ningún dos dous conxuntos xerou excesivas ocasións de gol.

Na primeira metade o Viveiro tentou levar a iniciativa, pero non foi quen de chegar con moito perigo a área rival. O Racing buscou a saída á contra aínda que a zaga celeste soubo conter as acometidas chairegas. Nos últimos intres do primeiro acto o encontro animouse e os de David Páez tiveron a súa mellor ocasión nunha incursión de Asier por banda dereita e o remate de Tichu de cabeza rexeitouno Ángel Fraga cunha excepcional parada. Xusto antes de que o colexiado sinalara o descanso Otero, a centro de López, rematou forzado e lixeiramente desviado.
Logo do intermedio mellorou o Racing Vilalbés. Os de Simón Lamas tiveron máis balón e tentaron achegarse á área rival mediante o xogo combinativo. As mellores ocasións foron para o conxunto local. Pedrosa cun disparo fóra e Jose Varela e Rares fixeron intervir a Manu Cedrón, que evitou o tanto local.
Os chairegos quedan sextos clasificados a dous puntos da promoción de ascenso e os mariñáns manteñen nove puntos sobre os postos de descenso condicionado e dez sobre o descenso directo.
Un tanto de Gerardo no campo do Sigüeiro dalle á Sarriana tres puntos de ouro (0-1).
Importantísimo e moi traballado triunfo da Sarriana que o mantén no máis alto da clasificación na pelexa polo ascenso. Os de Edu Rodríguez enfrontáronse a un Sigüeiro moi ben situado en defensa que buscou saír á contra con perigo. Na primeira metade apenas houbo ocasións de gol para ningún dos dous equipos e á Sarriana costoulle circular o balón.

Logo do paso por vestiarios e coa entrada ao campo de Omar a Sarriana mellorou sensiblemente. O gol non tardou en chegar. Gerardo recurtou ao defensar e colocou o balón raso ao pao longo imposible para o gardameta. Os sarriaos tiveron dúas claras ocasións nas botas de Diego Rey. O Sigüeiro só inquedou a Javi Liz nun lanzamento lonxano de falta que se estrelou no pao.

Protagonismo dos porteiros no empate do Lemos no campo do Dubra (0-0).
A falta de gol penaliza ao Lemos nesta fase de ascenso, na que aínda non foi quen de marcar, dato que contrasta coa súa boa labor defensiva cun só gol encaixado en tres encontros.
Encontro de transicións e contraataques. Ida e volta constante na que ámbolos conxuntos tiveron moitas ocasións de gol e os porteiros desbarataron varios man a man.
Na segunda metade comezou mellor o Dubra, pero a partir do minuto quince os monfortinos fixéronse co dominio do encontro contou con ocasións claras de Sidibé e Mauro.
Un tanto nos últimos intres frusta o triunfo da Residencia diante do Puebla (2-2).
O conxunto lucense amosouse moi superior ao seu rival durante a maior parte do encontro, pero nos derradeiros minutos a falta de concentración voltou a xogarlle unha mala pasada aos de Dani Galán.
O forte vento condicionou o desenrolo do encontro. O Puebla xogou con él a favor durante a primeira metade e aproveitou para xogar balóns longos ante os que a defensa visitante respostou ben. Veloso e Borja tiveron dúas boas ocasións na primeira metade, pero a máis clara estivo nas botas de Yeray que rematou ao longueiro. Adiantouse o Puebla cun tanto de Viturro logo dun longo saque de banda.
A segunda metade foi de completo dominio da Residencia, que pechou na área ao seu rival. Non tardou en chegar o empate. Yerey prolongou un centro lateral e Xabi recolleu o balón e rematou ao fondo da portería cun bo tiro cruzado. No minuto 63 a Resi completou a remontada cun centro de Xabi que rematou Veloso de cabeza. Contaron os lucenses con dúas ocasións para sentenciarpor medio de Veloso e Yeray, pero foi o Puebla que levou o gato á auga. Un balón solto na área logo dun centro lateral rematouno Adrián Falcón ao fondo da portería de Diego Bravos.

Palomo rescata no desconto un valioso punto para o Santaballés diante do As Pontes (1-1).
Segunda xornada consecutiva sen perder para un Santaballés que comezou con bo pé a fase pola permanencia. O conxunto chairego comezou mellor que o seu rival, especialmente na primeira media hora, na que se amosaron firmes en defensa e chegaron á portería rival con certo perigo. A mellor ocasión tívoa Palomo, que non precisou o seu disparo coa zurda. Sobrepasado o minuto 30 adiantouse o cadro pontés cun penalti transformado por Toni. Non lle sentou ben o tanto aos de Juan Rodríguez que acusaron certa precipitación ata o descanso.
Na segunda metade houbo achegamentos para os dous conxuntos. Os de Rafa Casanova gozaron dos seus mellores minutos no encontro e puideron sentenciar, pero o gardameta Ivo evitou o segundo. No último cuarto de hora o Santaballés lanzouse a polo empate ata que no 92 atopou o seu premio cun tanto de Palomo. O encontro tivo un desconto prolongado no que o cadro local puido darlle a volta ao marcador cun tiro de Iago. No último suspiro o colexiado expulsou a Miguel por entender que simulou penalti.
Insuficiente punto dun Foz que mereceu máis fronte ao San Tirso (2-2).
A fortuna non sorrí ao Foz esta temporada. O conxunto de Jesús Gayol fixo máis méritos que o rival para levar os tres puntos, pero tivo que conformarse cun empate, que resulta insuficiente para achegarse aos postos de permanencia. A primeira metade foi de completo dominio local, malia que foi o conxunto coruñés que se adiantou por medio do seu goleador Denis. Diego Chao e David Ben tiveron ocasións claras para marcar, pero o empate non chegou ata preto do descanso cun tanto de cabeza de Ángel.
Na segunda metade o San Tirso deu un paso adiante e foi quen de volver a adiantarse con outro tanto de Denis. Dez minutos máis tarde chegou o empate, obra de David Ben. No último cuarto de hora o Foz rondou o tanto da remontada en varias ocasións, pero a sorte non estivo do lado dos albivermellos.
Terceira derrota do Escairón na fase de permanecia, desta volta diante do Xallas (0-2).
O conxunto do Saviñao complica as súas opcións de permanencia logo de caer derrotado diante do Xallas no Municipal. O encontro comezou igualado, pero os de Santa Comba non tardaron en facerse co dominio do encontro e optaron por un xogo moi directo sobre unha defensa local que se atopou con problemas para afastar o perigo. No ecuador do primeiro tempo, o histórico Doro adiantou os visitantes logo dun centro lateral.
Na segunda metade, o Escairón apenas xerou perigo sobre a porta visitante e o Xallas fixo o segundo por medio de Julio nun saque desde o curruncho. A renta puido ser maior, pero Álex Ávila logrou deter os perigosos achegamentos dos visitantes.