Achégase o mes de maio, definitivo para os Máxicos e os seus clubes. Veremos que deparan as próximas xornadas de competición na Primeira Galicia.
GRUPO ASCENSO

Riotorto 1-0 SD Chantada: dominio da SD diante dun Riotorto que cedeu a posesións aos seus rivais. No primeiro tempo os chantadinos apretaron pero non tiveron grandes ocasións, e a tónica mantívose igual na segunda metade, cun Riotorto moi sólido en defensa que aproveitaba os contragolpes para facer dano e o bo facer de Édgar para manter a portería a cero. Nun destes contragolpes conseguiu un penalti que se traduciu no 1-0 e en tres puntos para os da Veiga.
Pol 4-0 Chantada Atlético: o Pol non completou o seu mellor partido, pero a pólvora dos locais permitiulles anotar dous tantos antes do descanso, un á saída dun córner e outro tras un erro dos visitantes. O Chantada Atlético tivo opcións de recurtar diferenzas, pero a boa actuación de Luis privou de anotar aos chantadinos. No tempo engadido, o Pol fixo dous tantos máis que deixaron o electrónico en 4-0 e convertiron ao Pol en líder.


Castro 0-1 Portomarín: caeu o Castro ante o Portomarín (0-1) nun choque pechado con poucas ocasións. Pese a que os locais contaron con opcións, non remataron de concretar as oportunidades, mentres que o Portomarín fixo un bo traballo e xerou perigo na meta defendida por Yebra, ata que un bo disparo de Hugo se traduciu no 0-1, que fixo que o Castro perdese o liderado nun choque que estivo bastante condicionado polo aire.
Burela 1-1 Taboada: todo foi normal na Marosa ata os intres finais da segunda metade, cando unha tangana entre xogadores evolucionou ata ser unha batalla campal con membros da grada. Saldouse a loita con dúas expulsións para os locais e tres para os visitantes. Tras o paso por vestiarios e co 9 vs 8, o Burela anotou o 1-0, pero o Taboada logrou transformar un penalti para poñer o 1-1. O choque completouse con outra expulsión para o Burela, rematando así 8 xogadores de cada equipo sobre o céspede logo dun episodio que agardamos non se repita.

GRUPO DESCENSO 1

Folgueiro 0-1 Pastoricense: pese ás baixas, o Pastoricense levou os tres puntos do Vicedo. O Folgueiro tivo boas ocasións no primeiro tempo nas botas de Aurelio, pero o gardamallas visitante evitou os goles. Co 0-0 chegouse ao descanso. Ningún equipo estaba contento co reparto de puntos, así que o partido se abriu e o gol puido caer para calquera, pero finalmente foron os do Acebreiro os que levaron a victoria do Boa Vista grazas a un tanto de Adam no 60′.
San Lázaro 0-0 San Roque: igualdade nas Gándaras entre dous equipos que loitan por salvar a categoría, de aí a igualdade vivida nun primeiro tempo no que apenas se viron ocasións, aínda que o San Lázaro foi máis incisivo en ataque que os visitantes. No segundo tempo as forzas continuaron parexas, pero o San Roque tivo varias opcións na recta final que non se convirteron en gol por pouco. Ao final, reparto de puntos no derby capitalino.
Sporting Pontenova 1-1 Monterroso: moita intensidade na Mina e dominio do Sporting ante un Monterroso que aproveitou a súa ocasión para poñerse por diante e chegar 0-1 ao descanso. Os locais, que xa pecaran de pouca efectividade no primeiro tempo, conseguiron o empate cun gran gol de Adrián Pasarín e contaron con varias opcións máis nas que o gardamallas de Cerdeiriños evitou a victoria dos locais.
GRUPO DESCENSO 2

Lourenzá 0-0 Alfoz: partido igualado e con poucas ocasións na Santa Cruz, no que ambos equipos tiveron que adaptarse a un campo moi seco e no que o fútbol directo foi o protagonista. As defensas impuxéronse sobre os ataques en Lourenzá, e os dous conxuntos déronse por satisfeitos cun punto que lles permite estar máis preto da permanencia.

Xove Lago 1-1 Outeiro de Rei: gran primeira parte do Xove, que impediu que o Outeiro combinase e, tras un roubo de balón, asinou o 1-0 mediada a primeira parte. O segundo tempo foi diferente, os visitantes deron un paso adiante, comezaron a gañar as disputas e conseguiron o gol do empate en torno ao 60′. Tras o 1-1, o Outeiro tivo as mellores ocasións e puido levar os tres puntos da Mariña, pero o Xove soubo sufrir e o electrónico non se moveu.
Friol – Guntín: partido aprazado para o mércores 20 de abril.
