#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Os onces da 8ª xornada na Segunda

Ningún dos líderes da Segunda Rexional sumou tres puntos nesta xornada pero manteñen os primeiros postos na clasificación. O Guitiriz encaixou o primeiro empate da tempada ante o Valadouro; mentras que o Guntín perdeu na casa ante o San Roque. O tempo tamén foi protagonista da xornada xa que unha saraibada impediu que se disputase o Candelaria – Lourenzá que se xogará este xoves ás 16:15h.

No grupo norte, foi a primeira xornada do curso na que o Guitiriz non gañou. O Valadouro púxolle as cousas complicadas e marchou ao descanso vencendo por 2-0. No segundo tempo o equipo guitiricense só puido empatar. Aínda así, continúa como líder cun punto de vantaxe sobre o Folgueiro que sufriu para sumar o sétimo triunfo seguido ante un Cervo no que se estreaba Jesús Martín. Un penalti nos últimos instantes puido cambialo todo. Na terceira posición atópase o Xermade que venceu a un Mondoñedo que logrou empatar o 2-0 inicial en contra, pero nos últimos minutos non puido co empuxón do cadro xermadino. A dous puntos están os veciños de Roupar que confirman o bo inicio de liga coa quinta vitoria do curso ante un Abadín que acusou as baixas. Mesmo xogou sen un porteiro específico e Joni tivo que asumir esa función. Tivo paradas de mérito, pero non puido facerlle fronte aos disparos de Edi que marcou catro goles.

Na quinta posición aparece o Goiriz, que derrotou a Comercial no Ventiño onde está facendo un fortín (catro partidos e catro vitorias). O Cabreiros comezou gañando na estrea de Abel Rochela; non obstante, na segunda metade un gol de Perotti e outro de falta impediron que o Cabreiros volvese ao camiño da vitoria. Na zona baixa, ademais do Iberia sacou tres puntos moi importantes o Meira ante un rival directo como o Cospeito. O conxunto vermello tivo a boa nova do regreso de Martín ao equipo, pero perdeu a Xoán pola fractura dun dedo que o terá afastado varias semanas dos terreos de xogo.

No grupo sur, o golazo de Iván para o Guntín non serviu para conseguir os tres puntos e o equipo laranxa encaixou a segunda derrota do curso; desta volta ante o San Roque. A derrota do líder aproveitouna o Palas para colocarse a dous puntos da cabeza co seu triunfo ante o Brollón. Achégase aos postos de ascenso directo tamén o Corgo coa súa terceira vitoria seguida e cun Debasa que está nun gran momento. O dianteiro marcou tres goles e xa leva 8 en catro partidos que o colocan como máximo goleador do grupo e tamén co mellor promedio goleador. Venceu con claridade no marcador a un Incio con baixas e con axustes defensivos que lles custou o encontro. Cos mesmos puntos sitúase o Chantada B logo do seu empate sen goles no campo do Ferreira.



Na zona media alta colócase o Bóveda que leva unha boa xeira de resultados, despois de vencer a un Santa Comba que realizou un dos peores partidos ata o momento. Sergio Cabanelas volveu ser un dos máis destacados do equipo. Regresou ao camiño da vitoria o San Lázaro ante unha SD Becerreá que marca agora a zona da salvación con respecto á zona de descenso directo. O equipo adestrado por Ángel Marino é xunto co Bóveda o menos batido da categoría, e Borja «Máxico» é o gardamallas menos batido en relación aos partidos xogados. Na zona baixa o Oural quere ir cara arriba despois de vencer con claridade ao Monterroso B. Aínda que a sorpresa da xornada foi para o Sporting Lucense que sumou o primeiro triunfo do ano ante o Portomarín que suma agora tres partidos sen gañar.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *