Vai rematando o #NadalFutbolinlugo que nos permitiu durante os últimos días compartir os recordos do ano 2017 e dar entrada ao novo ano con novas ferramentas para seguir difundindo o fútbol lucense. Para pechar esta época festiva, toca pedir desexos para o 2018. Desta volta é o turno dos 32 equipos que compoñen os grupos norte e sur da Segunda Galicia. As peticións van colocadas por orde de posición na clasificación despois da primeira xornada disputada no 2018, coincidindo co remate da primeira volta.

GRUPO NORTE:

Delfín Romero, técnico do Guitiriz: «Competir o máximo posible e que os xogadores, afección e directiva desfruten deste deporte que tanto nos gusta».

José Manuel, adestrador Cabreiros: «Que se manteña o compromiso, a seriedade e a ilusión dos futbolistas que compoñen o cadro de xogadores. Que siga habendo bo ambiente e non haxa ningunha lesión. Se por riba puidera vir algún xogador que nos puidera axudar, sería ideal«.

Fernández Álvarez, míster do Folgueiro: «A nivel deportivo, chegar ao final da tempada coa ilusión de estar arriba. A nivel institucional, que o Folgueiro siga medrando como ata agora».

Diego Rego, adestrador do Lourenzá: «Saúde, que nos respecten un pouco máis as lesións. Queremos seguir construíndo un equipo de futuro coa entrada de canteiráns e seguir formando xogadores. E como non, pelexar ese ascenso ata o final sen presión de ningún tipo».

José Ángel Castro, preparador do Pol: «O obxectivo para o 2018 é o ascenso de categoría, polo que é o noso desexo principal«.

Abel, técnico do Burela: «Todo o que non sexa ascender sería un fracaso. Por iso, temos que seguir traballando máis do que o facemos«.

José Carlos Fernández, preparador do Cospeito: «Que nos respecten un pouco máis as lesións, xa que o pasado ano foi duro nese aspecto. E poder seguir desfrutando e competindo cada partido como o vimos facendo. Tamén seguir sendo un equipo tan unido, que iso é o principal».

Diego Dopico, míster do Roupar: «Como ano de adaptación á categoría, creo que o equipo está cumprindo. Agás un par de tropezos, estamos competindo ben en todos os partidos e se seguimos así, facendo ás catro cousas que traballamos casa semana, deberíamos acabar a liga da metade da táboa para arriba, ou, polo menos, sen apuros para salvarnos. Agardo que o equipo siga mellorando e cumpramos o obxectivo que é manterse».

Niko, adestrador do Iberia: «Competir con todos os equipos e adaptar a todos os futbolistas á nosa forma de intentar xogar ben e facer desfrutar á xente. Ademais de gañar os máximos partidos posibles».

Marcos García Lombardero, míster do Meira: «Traballamos para lograr a permanencia o antes posible, ese é o único obxectivo. Dende que teñamos a salvación, empezaremos a falar para vindeira campaña».

Israel Cruz, adestrador do Mondoñedo: «Saúde e ilusión porque creo que son a base para seguir crecendo nun equipo tan novo como o noso. E, desta maneira, cumprir o obxectivo de poder competir en todos os partidos».

Pedro Rodríguez, capitán do Matela: «Manter a mesma base dun grupo de amigos que lles gusta o fútbol, no que o principal é o bo ambiente. Un pouco máis de sorte que nos está faltando en temas de lesións e ocasións e, obviamente, lograr a permanencia«.

José Zan, técnico do Candelaria: «Competir cada encontró e seguir facendo felices a tod@s @s que forman a familia do Candelaria».

Marcos Pardeiro, vicepresidente do Abadín: «A permanencia o antes posible. E que nos respecten as lesións, que o ano pasado despois do parón tivemos moitas».

Martín, preparador do Alfoz: «Espero compromiso, seriedade e que nos respecten as lesións. Veremos se así poido completar as convocatorias porque con 13 ou 14 xogadores todos os domingos, faise difícil a competición. Sendo capaces de cumprir con iso, o resto virá só».

Luis García, adestrador provisional do Ourol: «Conseguir a primeira vitoria e poder competir en todos os partidos da mellor maneira posible».

As camisolas do San Lázaro tamén foron tendencia na primeira volta. Por un ano sen violencia machista no noso fútbol e no resto da sociedade. Foto: Endie Doa Rúa

 

GRUPO SUR:

Rodrigo Amarante, míster do Chantada B: «Seguir pelexando na zona nobre da clasificación e que nos siga acompañando a saúde a todos».

Rafa Casanova, preparador do Friol: «Seguir desfrutando do deporte, seguir sendo unha familia, que a xente siga adestrando con ilusión e enganchar a máis xente para ver os partidos como estamos conseguindo».

Fran Regal, preparador do Chantada Atlético: «Que siga o bo ambiente no vestiario, detalle fundamental nestas categorías para acadar os obxectivos; que no noso caso non é outro, ca seguir sendo competitivos».

Jorge Negrete, adestrador do Oural: «Espero que non haxa lesións, que o equipo compita a un bo nivel e, sobre todo, que a xente se divirta vendo fútbol de rexional».

Quintela, preparador do Palas: «Desfrutar e non perder a ilusión de competir e mellorar. Ó final mirar a meta que se pode conseguir».

Rubén Bergantiños, adestrador do Santa Comba: «Acabar coa praga de lesións e ter todo o cadro de xogadores disponibles. Creo que con iso recurtaremos puntos aos de arriba, xa que a miña idea de traballo é moi boa. E tamén poder pelexar polos postos altos ata o final. Por descontado, saúde para tdo@s».

Ángel Merino, técnico do San Lázaro: «Recuperar os lesionados que teño. Intentar quedar o máis arriba posible, a polo ascenso pero con humildade, se non non se conseguen as cousas».

Brais Vázquez, míster do Monterroso B: !Que o equipo siga mesturando esa competitividade na categoría coa mellora dos xogadores procedentes do xuvenil e, poder así, axudar a que o primeiro euipo, en particular, e todo o club, en xeral, poida seguir medrando».

Lolo, técnico do Sporting Lucense: «A curto prazo, recuperar efectivos, xa que a día de hoxe temos seis baixas. A medio prazo, acadar os puntos suficientes para manter a categoría. A partir de aí, a desfrutar».

José Antonio, presidente da SD Becerreá: «Seguir competindo en todas as categorías que xa é algo histórico para un pobo e un club como a SD Becerreá. Cada ano témolo máis complicado polas escasas axudas. No sénior temos un grupo moi bo e que o pasan moi ben xogando ao fútbol. Quedar o mellor posible e non pasar apuros para manter a categoría».

Chura, adestrador do Brollón: «Tranquilidade».

Diego Gallego, adestrador do Antas: «Que este novo proxecto se siga afianzando co tempo, manter as gañas, a ilusión e a confianza que se mostrou desde o primeiro día. Con traballo normalmente consíguense os resultados. Que nos respecten as lesións e que o fútbol empece a ser xusto con este equipo. Desfrutar deste deporte cada semana como se merece, que é o máis importante».

Couso, técnico da Milagrosa: «Pido compañeirismo, compromiso e traballo. O demais chegará só».

Manu, adestrador do Portomarín: «Saír da situación tan delicada na que estamos, xa que por méritos creo que non deberíamos estar tan abaixo. Un segundo desexo que este grupo humano se consolide e sexa a base para un bo futuro do Portomarín».

Diego Gigan, míster do Castroverde: «Desexamos manter a unión e a gran familia que levamos sendo. Que nos respecten as lesións, manter vivo o espírito competitivo, pelexar e permanecer na Segunda Autonómica».

Miguel, adestrador do Rubián: «Manter a unión que hai no equipo e a estabilidade emocional que temos entre nós, independentemente das vitorias ou das derrotas. A nivel deportivo, mellorar aspectos futbolísticos».

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*