Nunca é tarde para volver, sobre todo se é para facer algo que lle gusta a un. Esteban Sánchez Rodríguez estivo dez anos sen correr polos terreos de xogo, pero volveu para adentrarse no fútbol afeccionado. Despois de tres temporadas no Santaballés, convertiuse nun dos referentes do SDC Roupar que a campaña pasada conseguiu o ascenso á Segunda Galicia. De procedencia pontesa, ao igual ca moitos compañeiros das Pontes que veñen practicalo balompé a provincia pola súa proximidade con algún equipo lucense. Foi o máximo goleador do grupo norte da Terceira con 19 goles e este ano busca, xunto cos seus compañeiros, asentalo equipo na Segunda. Logo de non poder xogalo primeiro encontro, marcou catro goles na vitoria do seu equipo diante do Abadín por 4-0, o que o levou a entrar no once ideal da pasada semana.

FUTBOLINLUGO: ¿Como te estás sentindo neste inicio de temporada e como ves ao equipo?

Esteban: Polo de agora estoume sentindo ben, no primeiro partido que xoguei marcamos catro goles e conseguimos os tres puntos. Para o equipo a pretemporada foi un pouco floxa porque faltou xente que aínda está empezando. Pouco a pouco, a ver se comezamos a coller ritmo.

FIL: Cando Esteban está no campo, o Roupar nótao, non?

E: Xogamos os once, un día nótase e outro non. É o fútbol. Un día tes bos partidos e tes moitas oportunidades e ao seguinte non tes ninguna. O importante son os tres puntos.

FIL: O que está claro é que marcar goles dáseche ben…

E: A temporada pasada quedei pichichi e esta comecei ben, pero eu o que quero é axudar ao grupo. Sen o resto do equipo non marcas goles, téñenchas que poñer alí.

«O noso obxectivo é a permanencia»

FIL: Como ves este ano a Segunda norte?

E: O noso obxectivo, somos realistas, é a permanencia aínda que fixemos bos reforzos. Mirando así a clasificación eu penso que hai bastante nivel. Xa só vendo, por exemplo, Cabreiros e Guitiriz que son equipos que estiveron a punto de ascender o ano pasado, van estar arriba. E despois equipos que se reforzaron ben  polo que me din como o Pol ou o Burela que descendeu. Nós imos a pola permanencia e despois xa se verá.

«Hai moitísima xente das Pontes pola proximidade»

FIL: É moi forte esa conexión Roupar-As Pontes…

E: Si, Roupar é o primeiro pobo que linda cas Pontes. A gran maioría vimos das categorías inferiores das Pontes, xa nos coñecemos de alí todos. En equipos como o Roupar, Cabreiros, Xermade hai moitísima xente das Pontes pola proximidade.

«Deixei o fútbol durante dez anos»

FIL: En que momento deixas o fútbol e por que?

E: Desdes as categorías inferiores das Pontes, desde xuvenís concretamente. Deixei o fútbol dez anos, por estudos cando tiña 18 e valo deixando…

FIL: Daquela tamén eras un goleador?

E: En xuvenís non metía tantos como agora, tamén xogaba en varias posicións, non sempre arriba. Movíame máis pola banda.

O Roupar ascendeu a temporada pasada despois de finalizar na segunda posición na Terceira grupo norte

FIL: Por que decides volver?

E:  Volvín con 28 anos para o Santaballés, animoume un amigo que aínda xoga agora alí e volvemos outra vez. Estiven tres anos en Santaballa moi agusto, había moi bo grupo, pero eu tiven moitas lesións. O ano pasado chamoume Diego Dopico, (actual adestrador do SDC Roupar) que tamén é amigo meu, e non lle puiden dicir que non.

FIL: E tes gañas de volver deixalo ou queres seguir?

E: Mentras todo vaia ben e ande sen lesións non tes gañas de parar, pero nunca se sabe.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*