Os onces da décimo quinta xornada na Segunda

 

Rematou a primeira volta na Segunda Galicia e non se produciron cambios no liderato con respecto as últimas xornadas. O Guitiriz, xa campión de inverno antes do Nadal, e o Chantada B encabezan as clasificacións que si que teñen novidades nos outros postos de ascenso directo. Neste momento ocúpano o Cabreiros e o Friol, despois dos empates do Pol e do Chantada Atlético, respectivamente.

No grupo norte, o Guitiriz amplía a súa vantaxe, segue invicto logo de vencer con claridade ao Alfoz e mantense como o equipo menos goleado. Segundo é agora o Cabreiros que venceu a domicilio nun duelo directo ante o Cospeito. A un punto chega con moita forza o Folgueiro; venceu ao Meira e é o segundo equipo máis en forma do grupo con cinco vitorias consecutivas. Na pelexa tamén están, empatados a puntos, o Lourenzá que venceu nun dos grandes derbis do fútbol provincial e galego ao Mondoñedo; e o Pol a pesar de comezar o ano cun empate sen goles en San Miguel de Reinante diante do Iberia.

 

Tampouco perde comba o Burela, que gañou con claridade a un Ourol que dirixe provisionalmente dende o banco o directivo Luis García e que remata a primeira volta sen vitorias. Máis descolgado está o Roupar, no medio da táboa despois de empatar nun duelo de goles fronte ao Matela. Esteban e Torito marcaron cadanseu doblete. Pola súa banda, o máis beneficiado na parte de abaixo foi a Candelaria que venceu, nun enfrontamento directo pola permanencia, ao Abadín.

 

No grupo sur, o Chantada B amosou a súa condición de líder para golear ó Becerreá e proclamarse campión de inverno. Segundo é agora o Friol, despois de vencer no Anexo de Cerdeiriños ao filial dun Monterroso no que destacou a gran actuación o xuvenil Martín Blanco. Volveu ao conxunto da súa terra no mes de decembro despois de pasar polas categorías inferiores do CD Lugo. O Chantada Atlético perdeu o seu posto de ascenso directo ao non pasar do empate na súa visita a Veiga do Olmo diante do Castroverde. Na pelexa segue o Oural, aínda que só foi quen de igualar co San Lázaro.

Tamén se manteñen nesa parte alta o Palas, logo de vencer ao Brollón e o Santa Comba que gañou, nun choque directo e con goles (en concreto 3 de Jul para o seu equipo), ao Sporting Lucense. Pola zona baixa, destacaron dúas vitorias importantes en enfrontamentos directos. Unha a do Portomarín que venceu á Milagrosa nun regreso pola porta grande do dianteiro Óscar López cun hat-trick; tamén un gran papel do seu irmán Iván e o mediocentro Nel. O Rubián colleitou a segunda vitoria da temporada ao vencer por 3-0 ao Antas e apreta máis os últimos postos da táboa.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario