O refraneiro di que febreiro é o mes da neve, mes no que as horas de luz solar van medrando, pero en ningún lado di que sexa un mes de ascensos. Na maior parte das competicións do balompé todo está aínda por decidir e sen chegar o tramo decisivo da temporada. Non obstante, na Terceira Galicia grupo norte da provincia de Lugo xa case podemos dicir que está todo sentenciado. Non hai máis ca vela clasificación para poder afirmar que xa hai dous equipos que acadaron o ascenso á Segunda Galicia. Ó Ourol e ó Roupar quédanlles dúas xornadas para competir por ser campión.

SD Ourol, primeiro ascenso en 17 anos de historia

Nun concello que supera en pouco os mil habitantes, o fútbol ten protagonismo desde hai dezasete anos coa creación da Sociedade Deportiva Ourol. O conxunto ourolense xogaba en Segunda Rexional cando non existía a Terceira pero nunca lograra ascender de categoría. Aínda que este ano non puido desputar os seus partidos no concello e desprazouse a Galdo (Viveiro) para xogalos, si puido marcar un fito para o deporte do municipio. A pasada fin de semana ascendía ao vencer o Roupar por 3-2 cun gol de Adrián Iglesias no minuto 85 de partido.

Adrián Iglesias regresou no medio da temporada para reforzar o equipo do que xa fora capitán

Luis Pérez, o adestrador do Ourol ten claras cales foron as chaves do ascenso: «O grupo humano, houbo un compromiso moi grande por parte dos xogadores, incluso con futbolistas que viñeron axudar procedentes de dúas ou tres categorías superiores». Aspectos que inflúen nunha liga que se fai curta: «Non hai moito marxe de erro. Hai moitos paróns. Ascender é moi difícil».

O obxectivo do Ourol para esta temporada non era outro ca subir de categoría, «cando a directiva fala comigo busca o ascenso, puxeron toda a carne no asador para asender», afirma o técnico que destaca a paciencia da directiva que leva moitos anos pelexando e superando obstáculos como o do campo de fútbol.

Aínda que agora xa se respira con alivio por Ourol, Luis non quere baixar a garda e céntrase en quedar campión da categoría. «A priori nos temos partidos máis asequibles ca o Roupar que ten que xogar co Cervo e co Matela. Aínda así non se pode confiar un». E coa experiencia de xogar unha competición cada vez máis curta, Luis non ve como solución a eliminación da Terceira Galicia: «poder pode pasar, pero non a vexo como a mellor opción. Hai moita diferenza cos equipos de Segunda«. Sexa como sexa, o Ourol si estará na sétima categoría do fútbol galego.

A SD Ourol celebrou o ascenso con camisetas de ánimo a Mora que está lesionado.

SDC Roupar, ascenso en martes de entroido

Se xa podía soar a despropósito que un equipo ascenda no mes de febreiro, pode ser aínda menos crible se o ascenso se produce un martes de entroido. Pero non foi unha antroidada e o Roupar é novo equipo da Segunda Galicia. O conxunto xermadino perdera na fin de semana unha boa oportunidade de sentenciar o ascenso, e case que o campeonato, ante un rival directo como o Ourol ao perder por 3-2 e ser os da Mariña quen acabaron por ascender no derbi da Gañidoira.

Non obstante, o Roupar non tivo tempo a lamentarse e solucionou un trámite que tiña pendente pola vía rápida. O martes desputou un encontro aprazado de xornadas atrás e derrotou por 3-0 ó Celta Barreiros e confirmou, así, que o curso que vén xogará nunha categoría superior. O equipo de Xermade estivo toda a temporada nos postos altos da clasificación. Botou ata mediados de decembro sen perder ningún partido e tan só caeu derrotado en dúas ocasións, iso si, ante rivais directos como foron o Goiriz e o Ourol que case lle complican o ascenso. Pero o equipo non se descompuxo e encadeou seis vitorias seguidas na segunda volta.

O Roupar esperou ó sábado para celebrar o ascenso

Aspecto importante nestes casos sempre é o grupo. «Hay un grupo que ya se conocía, el buen rollo del vestuario ha sido una de las claves«, afirma Diego Dopico quen guiou desde o banco  a fazaña do Roupar. A garantía tamén a da ter ó máximo goleador da categoría no teu equipo. Esteban Sánchez é o pichichi da Terceira Galicia grupo norte con 19 goles; o seu equipo anotou en total corenta e cinco. Pero non está todo rematado, queda a pelexa por ser campión. «Depende de nosotros, el partido ante el Cervo es clave para ir a Matela a jugar una final. Yo creo que el Ourol va a hacer los seis puntos«, asegura o técnico Dopico.

Veremos se de cara a vindeira temporada a parroquia de Roupar pode seguir desfrutando dos tantos do seu goleador e do guión do seu míster, ao igual que o pasará en grande cos dous derbis que poderá xogar no concello de Xermade. Cabreiros e, sobre todo o Xermade, aínda teñen opcións de ascenso a Primeira pero se finalmente non o conseguen en Roupar estarán encantados de poder xogar eses derbis.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*