Remataron as vacacións de Semana Santa e os equipos do fútbol afeccionado da provincia preparan o regreso á competición para afrontar o último treito do curso. Con case todo aínda por resolver, os lucenses xogaranse moito nas vindeiras semanas. Ademais do que eles fagan, terán que estar pendentes dos seus rivais e, incluso, dos equipos doutras categorías. Ascensos, descensos e permanencias están en xogo e nestes momentos esta é a situación.

Segunda B:

Non hai ningún representante da provincia na división de prata, pero o que fagan os equipos galegos ten trascendencia no resto do fútbol da terra e, por suposto, no lucense. Quedan tres xornadas para o final e, nestes momentos, xa está confirmado o descenso do Cerceda á Terceira. Ademais, o Racing de Ferrol atópase en zona de descenso, a dous puntos da salvación que marca outro galego, o Coruxo. Na loita, tamén se atopa o Pontevedra que ten unha vantaxe de un punto sobre o posto de promoción. A vindeira xornada semella chave, xa que os tres galegos enfrontaranse a tres rivais directos.

Terceira División:

Catro xornadas quedan na Terceira e o único representante lucense non está preocupado polos arrastres. Non obstante, o Racing Vilalbés si podería influír neles, xa que o equipo da Terra Chá pelexa por entrar nos play off de ascenso á Segunda B. O conxunto adestrado por Óscar Gilsanz é terceiro clasificado cun punto de vantaxe sobre o Somozas, no que xogan os lucenses Álex, Hugo Criado, Álex Rey e o porteiro Álex López, e sobre o Arousa que é quinto. Na categoría na que o líder Compostela de Santi Gegunde e Diego Rey e o Bergantiños de Pablo Antas, Iago López e Roberto Prieto pelexan polo primeiro postos, as outras dúas posicións semella que non se decidirán ata a última xornada. O Choco do vilalbés Alberto Suárez, o Silva do vilalbés Michi Leal (ambos equipos con algunha opción de play-off), o Ribadumia (que ten prácticamente asegurada a permanencia) e o Laracha do tamén vilalbés Víctor Eimil (pendente dos arrastres) é o camiño que lle queda ó cadro vilalbés ata final de curso.

Dos catro equipos que están en descenso na Terceira, Noia e Negreira baixarían neste momento para o Grupo 1 da Preferente. Os dous arrastres que habería neste momento levarían por diante o Areas do lucense Ross o Arenteiro. Nese caso, ningún conxunto máis caería para o norte da Preferente. Aquí habería que ter en conta tamén os posibles ascensos que se puidesen producir de Terceira á Segunda B. Segundo ascendese un equipo, salvaríase outro e así sucesivamente ata que no suposto de que subiran os catro de Terceira, ascenderían os dous terceiros da Preferente.

Grupo I Preferente:

Restan cinco xornadas na Preferente e un par de partidos adiados por desputarse que incumben ó Ribadeo e ó Castro. O Polvorín é segundo, a un punto do Paiosaco, despois de perder no Arturo Pereiro. O Ribadeo está a once puntos do segundo clasificado e, tendo en conta que lle queda un partido a maiores, ten opcións de achegarse a esa posición ou, polo menos, loitar pola terceira praza. A diferenza do Castro é máis ampla, polo que as súas posibilidades son menores contando con que quedar cuarto de pouco serviría nestes intres por mor dos arrastres.

 

O Polvorín busca o ascenso na súa segunda tempada na Preferente dende que ten o convenio de filial co Lugo. Na imaxe, o gardamallas Pablo Cacharrón

Na zona perigosa o Outeiro de Rei xa confirmou o seu descenso á Primeira Rexional. O Atlético Escairón é penúltimo a cinco puntos da Residencia (antepenúltima) do Dumbría e do Viveiro que nestes momentos tamén descenderían á Primeira e que están a tres puntos do San Tirso que marcaría nestes intres a zona de salvación.

Primeira Galicia:

As contas parecen estar máis claras no grupo lucense da Primeira con dous equipos a cabeza destacados con respecto aos seus perseguidores quedando 21 puntos en xogo. A Sarriana é líder con nove de marxe sobre o terceiro; mentres que o Foz é segundo cun punto menos. Non obstante, o duelo entre os dous en dúas xornadas, o encontro da Sarriana co Chantada e os do Foz con Lemos e Riotorto poderían cambiar a situación.

Pola zona baixa, Xermade e Ferreira ocupan postos de descenso directo con dezasete puntos, a dous do Bóveda. O seguinte equipo en aparecer na clasificación é o Sporting Pontenova con 28. O equipo adestrado por Dani Moirón ten unha ampla vantaxe ca zona de descenso, pero coa situación actual tamén caería á Segunda, xunto co Páramo e o San Ciprián.

Segunda Galicia:

Varios equipos son candidatos ao ascenso no grupo norte da Segunda cando faltan catro xornadas para rematar a liga. O Burela e o Pol ocupan nestes momentos esas prazas, pero preto deles están Folgueiro e Guitiriz; mentres que Lourenzá e Cabreiros atópanse a cinco puntos. Na zona baixa, o Ourol xa está descendido e o Alfoz ocupa a outra praza de descenso a cinco puntos da salvación. Tendo en conta que caerían tres equipos da Primeira para este grupo e que ascendería só un; non habería arrastres nestes intres.

No grupo sur, o Friol é o conxunto que máis preto ten o ascenso con oito puntos de marxe sobre o terceiro. A outra praza é ocupada polo Chantada B con tres puntos de diferenza con respecto ao Chantada Atlético e ao Oural. Máis lonxe, a sete puntos está o San Lázaro. Nos postos de perigo, o Antas está a unha vitoria da salvación e o Rubián a cinco puntos. Non obstante, os arrastres farían moito dano neste grupo. Produciríanse tres descensos dende a Segunda e habería catro ascensos da Terceira polo que nesta división serían tres os arrastres. Castroverde, Milagrosa e Portomarín baixarían de categoría.

Categoría sempre suxeita a posibles modificacións de grupo para cadrar o número de equipos en cada un deles.

Terceira Galicia:

Seis equipos ascenden dende a última división do fútbol afeccionado; este ano con novo formato. Por un lado, os clubs que están competindo nesta segunda fase do campionato na liga do ascenso na que Corgo e Incio xa confirmaron a súa presenza o vindeiro ano na Segunda. A falta de tres xornadas para que finalice a competición, quedan tres prazas de ascenso en xogo por esta vía. Na actualidade ocúpanas Goiriz, Sober e Comercial; co Catro Roldas e o Cervo como grandes perseguidores, xa que o Fonsagrada está situado a oito puntos do quinto.

Con sete puntos de vantaxe sobre o sexto, o Goiriz depende de si mesmo nesta fin de semana para ascender de categoría

A outra praza de ascenso sairá da final a dobre partido a que se enfrontarán o Muimenta (como campión do Trofeo Delegación grupo norte) fronte ao primeiro clasificado do grupo sur. Esta posición é ocupada polo Guntín, que conta tan só cun punto de marxe sobre o Paradela e dous sobre o Río Sil. Sen embargo, os dous primeiros teñen tres encontros por xogar e ó cadro soberino quédanlle dous.

Fútbol feminino:

No grupo primeiro da Segunda División, o Peluquería Mixta Friol volve estar realizando unha gran temporada. A falta de dúas xornadas ten a salvación máis ca asegurada e situáse oitavo con 37 puntos. Quédalles un desprazamento a Gijón en dez días, para pechar o campionato a seguinte fin de semana na casa recibindo ao proxecto máis ambicioso nestes momentos no fútbol feminino galego, o Deportivo Abanca. O cadro herculino aínda ten opción matemáticas de finalizar primeiro e xogar o play-off, pero todo apunta a que o Oviedo Moderno será o campión de grupo.

A Milagrosa é o equipo do fútbol provincial que conta con máis equipos totalmente femininos, sénior e de base. Nestes momentos son catro. Foto: Endie Doa Rúa

Xa na Primeira división galega, a Milagrosa é décima clasificada con 28 puntos a falta de cinco xornadas para que remate o campionato. O equipo da capital lucense aínda non ten a permanencia asegurada, pero conta con sete puntos de marxe con respecto ao descenso.

Na Segunda galega no grupo II, o Antas lidera a categoría con 54 puntos, con oito puntos de diferenza sobre o segundo clasificado. A falta de oito xornadas para que remate o campionato o equipo da comarca da Ulloa é o claro candidato a subir o ano que vén á Primeira Galega. No grupo I, o Ribadeo está realizando unha gran temporada no seu primeiro ano de vida. Son cuartas na clasificación con 46 puntos. Quedan nove xornadas por disputar e o equipo da Mariña aínda ten opcións de finalizar na segunda posición na que se xogan os play-offs.

Na Liga feminina de Fútbol 8, a Milagrosa B encabeza a clasificación no primeiro ano de vida do equipo. Ten 43 puntos, un de vantaxe sobre o Xuventude de Crendes (lugar onde se teñen datos que naceu o fútbol feminino en Galicia). A falta de oito encontros para o final, os dous equipos terán cadansúa xornada de descanso e un duelo entre os dous.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*