Viaxamos cinco anos atrás. O CD Foz tocaba fondo. Descendía á Segunda Galicia, baixando así de categoría por segunda tempada consecutiva. Era o fin dun ciclo. Lonxe quedaba a Preferente, territorio habitual do conxunto do Martínez Otero. Agora, un lustro despois, o clásico branquivermello mariñán está de volta. Un regreso tan rápido como sólido. Cumplindo ao pé da letra o lema que o Deportivo non foi quen de demostrar: “Somos xente mariñeira e con iso non hai quen poida”.

Postos en situación, vaiamos coa intrahistoria en sí. Non imos falar de fichaxes espectaculares, de macroproxectos, nin de cartos mal tirados. Porque este é un ascenso ‘vintage’, á antiga. Sen grandes alardes, máis alá da suor dun pobo domingo tras domingo. É a victoria dos traballadores, da clase obrera do fútbol. Da unión que fai a forza e da destrucción dos falsos mitos.

Todos sabemos que en moitas vilas existe xente que xoga por decreto. Que cando veñen os forasteiros saben á perfección quen é o fillo do alcalde. Ou o sobriño do empresario de éxito. Aquí a falla de un, hai dous fillos de adestradores. E o curioso é que non se escoitou unha queixa en toda A Mariña. De feito, sábese que hai xente que os vai ver a eles. Que a pregunta e a sorpresa chegan cando non están, e non cando molestan sobre o céspede. Falamos xa de Asier e de Ibán Gayol. De 35 goles entre os dous. O primeiro deles é un talentoso mediocampista zurdo. Fino, coma seu pai. Ademais ten gol. Vintetrés para ser máis exactos. Un sub23 con carácter e completo, deses que escasean. O segundo é o fillo do adestrador. Que cada domingo lle da argumentos para que siga contando con él. Experiencia e olfato asasino nos momentos chave.

Falando de argumentos non nos podemos quedar aquí. Porque en Foz andan sobrados deles. A xente deste pobo éche moito! Eles se bastan prácticamente sós. Nos laterais, contan con dous irmáns de claro perfil da Preferente. Duros, correosos e intelixentes á hora de xogar: Rivera e Máquina. Iso sí, na defensa manda quen manda. A voz da experiencia: Javi Chinchón. Central á antiga usanza, dos que non teñen problema en reventar as fiestras da casa de detrás da portería do Martínez. Un pelotazo á tempo ás veces e o mellor dos recursos. E ao seu lado, vimos a Nacho ou ao retornado Álvaro. Un dos mellores da comarca no seu posto. E tamén, a Bouso. Un grande!

Detrás deles, un porteiro dos que dan puntos: Bruzos. Deses homes que sempre hai que ter nun vestiario. Alegría e calidade ao servizo desta pequena gran familia. Notaron a súa falla ao principio da tempada, por unha rotura de menisco. De feito, tiveron que insistirlle máis da conta a Ramón Moreda este ano. Sempre ‘libraba’ de facer a ficha e facíase de rogar. Esta campaña non lle quedou outra. Ao igual que Berni, que se tivo que poñer as luvas cando viñeron mal dadas. E o tema da portería parecía xa de vudú.

Arriba quizais se contaba cunha maior participación de Diego Hermida. Quixo deixar paso ás novas xeracións. Jesús Gayol, o técnico da casa e un dos grandes artífices deste ascenso, pediu un dianteiro no verán. Un ‘nove’ goleador, dos que marcan as diferenzas. Era a súa principal preocupación. Manolito chegaba dende O Valadouro para cubrir o oco do bisoño Gonzalo, que marchaba vivir a Vigo. Gayol quería caldo e déronlle dúas tazas, posto que ao final Gonzalo tamén quedou. E ambos marcaron na Pinguela para certificar o ascenso. Unha victoria de dianteiros, un triunfo do ‘vello fútbol’ de Gayol. Dese balompé que case firma unha volta invicto. Se non fose polo Chantada…

Aínda que non haxa liñas para todos é de recibo, canto menos, citar a todos os culpables deste éxito: Cayón, Miguel, Cristian, Hugo Río, Jorge, Juanito, o recén chegado Brais… Porque para o final queda o gran capitán: Canario. Oscariño regresou á súa casa despois de triunfar por media Mariña. Con menos pulmóns e o corazón máis grande. Un home de valores, cun sorriso e boas palabras sempre na súa boca. Un ‘Iniesta’ do noso fútbol. Sei de boa man, que para él este ascenso é especial. Quizais máis que para calquera.

Porque os seus compañeiros na zaga e, sobre todo, no medio; foron os seus pupilos. Os alumnos avantaxados do mestre do colexio. Aqueles pícaros que apuntaban maneiras no Santiago de Foz. A sociedade inseparable das Noites Alternativas e o Campo da Cabana: Asier e Dani Chao (o home que non fai ruido e case sempre destaca). Ese dúo dinámico que se fixo maior e fixo máis vello ao resto. A barba do primeiro e o bigote do último, así o indican. Porque, amigos e amigas: Foz é un pobo pequeno, pero de xente moi grande! Tan grande coma a Preferente que lles agarda. Non hai medo, só ilusión. Coa xente mariñeira non hai quen poida!

Fotografías: CD Foz
Comparte
                                    

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*