#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Segunda RFEF #Terceira RFEF

Trío de Ases O Cantón. Primeiras victorias de Sarriana, Viveiro e Castro

O Trío de Ases Panadería O Cantón deixa sensacións agridoces na provincia. Racing Villalbés segue invicto na Segunda RFEF logo de tres xornadas e de empatar a cero goles no feudo do Rayo Cantabria. Na Terceira RFEF, o Viveiro superou ao filial do Pontevedra por 0-1 e a Sarriana dominou claramente ao CSD Arzúa (3-0), mentres que o Polvorín caeu (2-0) no sempre complicado campo do Silva. Na Preferente Norte, un gran partido do Castro valeulle para superar ao Montañeros (4-1), mentres que o derbi provincial tivo igual resultado: Lemos 4-1 Ribadeo. A Residencia empatou 1-1 co recén ascendido Eume.

Gran punto do Racing en terras cántabras (0-0)

Os chairegos sacaron un bo punto no campo dun gran rival, que levou a iniciativa nun primeiro tempo no que o esforzo defensivo dos de Simón Lamas e a boa actuación do gardamallas Santomé impediron que os locais anotasen ningún gol. No segundo tempo, os lucenses cambiaron de sistema e o xogo se igualou, gozando os dous equipos de varias ocasións. A máis clara do Racing, na cabeza de Quico nun balón parado, e a do Rayo Cantabria, no último minuto. Pero Santomé voltou ser o heroe cunha gran parada para manter o 0-0.

O Polvorín caeu no feudo do Silva nun partido que se torceu no quecemento (2-0).



Non deu coa tecla o Polvorín nunha primeira metade na que apenas xerou perigo, mentres que os locais sacaban partido de todos os balóns parados. O primeiro tanto local chegou nunha segunda xogada tras un balón disputado, que rematou cun disparo desde a frontal da área que bateu ao gardamallas Jorge Candal, titular inesperado ante a lesión do porteiro Brais durante o quecemento.

No segundo tempo melloraron os lucenses, que xeraron tres ocasións claras por medio de Maceira, Rosón e Lizancos. Cando máis apretaban os visitantes, o Silva aproveitou un balón rexeitado na área logo dun centro lateral para poñer o 2-0 que sentenciou o choque.

O Viveiro demostrou o dominio de moitos rexistros na casa do Pontevedra ‘B’ (0-1)



Os celestes foron mellores ao longo da primeira media hora, con máis presenza en campo rival, pero a calidade do medio do campo pontevedrés comezou a asomar e os últimos minutos do primeiro tempo foron para un filial granota que estivo a piques de anotar nunha acción que detivo ben Ayoub. Logo da reanudación, o Viveiro pasou a replegarse e xogar ao contragolpe, con éxito grazas á profundidade que lle deron as entradas de Adrián e Gamarra. Este último tivo unha clara ocasión no 50′ que foi sacada baixo paus e, 5′ despois, fixo un golazo nunha xogada de estratexia para poñer por diante aos seus. Desde o gol, os mariñáns controlaron o choque e o Pontevedra tan só xerou perigo nos últimos intres con faltas laterais ante un Viveiro moi ordenado.

A Sarriana xa sabe o que é ganar en Terceira RFEF (3-0).

Foi moi superior o equipo local ante un Arzúa que renunciou á posesión do coiro desde o primeiro minuto. A Sarriana non estivo acertada con balón na primeira metade e os visitantes trataban de aproveitar os erros locais para facer danos ao contragolpe. Á media hora de xogo, un erro da zaga arzuá traduicuse nunha pena máxima e unha expulsión para os de Chus Baleato, que os deixaba moi condicionados para o resto do encontro. A Sarriana, porén, errou o lanzamento desde os once metros e o resultado ao termo dos primeiros 45′ era de 0-0.

Xa na segunda metade, unha Sarriana con maior fluidez con balón e s cambios permitiron que Diego Rey anotase o 1-0 logo dunha gran acción de Sané, que revolucionou o choque coa súa entrada. O segundo tanto chegou por medio dun remate de cabeza de Keko á saída dun córner e o terceiro, cun lanzamento desde os once metros de Jacobo logo dun penalti provocado tamén por Sané, 3-0 na Ribela.

Reparto de puntos na Cheda nun duelo con alternativas (1-1).



A Residencia comezou mellor e puido adiantarse antes da media hora de xogo por medio de Edrosa en dúas ocasións, unha delas petou no longueiro e a outra marchou por riba da portería do Eume. Un Eume que aproveitou un balón ás costas da defensa local para poñer o 0-1 cunha gran definición de Adrián, pero a Resi non baixou os brazos e seguiu insistindo. O esforzo local tivo premio no 60′, cando Edrosa enviou un pase de López ao fondo das mallas para poñer o empate. A última media hora foi tola na Cheda: os branquiazius tiveron tres ocasións claras nos pés de Artai, López e Pereira, e o cadro de Pontedeume tamén puido anotar en tres achegas claras á portería de Diego Bravos. Ao final, reparto de puntos non partido moi vistoso.

O Lemos levouse o derbi logo de repoñerse ante o Ribadeo (4-1).

Os mariñáns entraron mellor ao choque e fixeron o 0-1 cun golazo de Manu no minuto 3′. Durante a primeira media hora de xogo os celestes mandaron no xogo e o Lemos limitouse a defender, pero no 30′ os monfortinos deron un paso adiante e fixéronse os donos do choque: tal foi o cambio que en apenas cinco minutos deron a volta ao electrónico con dúas xogadas a balón parado, 2-1. O primeiro dos tantos locais foi moi protestado por un Ribadeo que entendeu que existía falta sobre Xaime. Xa no segundo tempo, o Lemos atopouse cómodo e o Ribadeo non foi quen de atopar espazos para facer dano. Os monfortinos sentenciaron o choque con dous contragolpes que pecharon o resultado, 4-1.

O Castro de Rafa Casanova demostra o seu potencial ante o Montañeros (4-1).

O Castro completou un moi bo partido ante un Montañeros que, pese a adiantarse no marcador, viu como os locais ganaban duelos e dominaban o choque de principio a fin. O gol inicial do visitante Pape (ex do Riotorto) foi rapidamente contestado por Buján, que puxo o empate. Pouco antes do descanso, Buide fixo o segundo que mermou moito aos coruñeses e, xa na reanudación, Fito acudiu á súa cita co gol para facer dous tantos e poñer o 4-1 nun Arturo Pereiro que puido ver máis goles do Castro, que chegou a errar un penalti e numerosas ocasións para ampliar o marcador.

Trío de Ases O Cantón. Primeiras victorias de Sarriana, Viveiro e Castro

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 2

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *