O atacante Adrián Armesto foi un dos grandes destacados da primeira xornada na Preferente. No primeiro encontro oficial tras o seu regreso ao Club Lemos marcou un dobrete que terminou significando a vitoria para os seus.
A maioría das ligas do noso fútbol xa comezaron. Por iso, dende aquí tamén empezamos un novo curso futbolístico falando do noso balompé nas ondas. Unha temporada máis estaremos semanalmente no Ser Deportivos de Radio Lugo Cadena Ser.
A sección cambia de día. Todos os xoves pasaremos polo último tramo deste programa radiofónico para dar conta da actualidade do noso fútbol e contaremos cun protagonista.
Pódese escoitar a nosa participación aquí: (


Da primeira xornada repescamos a gran actuación de Adrián Armesto na Preferente. A campaña non puido comezar mellor para o Lemos. Gañou o seu encontro a domicilio ante o Sigüeiro.
«A nivel xeral foi unha vitoria moi positiva. Sempre é importante comezar gañando. É un campo moi complicado, a moitos equipos vailles custar gañar alí«, asegurou Adrián Armesto ante as preguntas do noso redactor Diego Díaz e as do presentador do Ser Deportivos, Álex Gato.
O xogador de Trascastro tivo unha xornada redonda no seu redebut co Lemos. Con todo, case se viu truncado: «No quecemento deume un aviso o adutor, estiven a piques de non saír ao campo. Despois fun aguantando e marquei os dous goles».

Armesto é un dos futbolistas de máis valía da xeración do 95 no sur da provincia. En 2020 marchou a Sarriana para logo volver ao Lemos. O verán pasado tamén colleu camiño do Saviñao para regresar ao cadro lemista.
«Non foi ningún motivo en concreto. Necesitaba un cambio de aires e de vestiario. Veume moi ben. Coñecín xente estupenda. No Escairón tratáronme xenial», salienta.
En relación a toda a temporada que queda por diante, o atacante teno claro: «Creo que o obxectivo é manter a categoría. O Lemos ten que ser consciente do orzamento que ten».