Só quedan dúas vacantes polo ascenso na Segunda Rexional

Julio Jartín foi o autor dos dous goles que lle deron o pase ao Muimenta in extremis á fase polo ascenso

Finde de Entroido na provincia. E finde de emocións fortes na zona norte da Segunda Rexional. Rematou a 1ª fase en ambos grupos e xa se coñecen os oito equipos que pelexerán pola praza de ascenso na 2ª fase: Sanci, Meira, Celta Barreiros, Cospeito, Cabreiros, Guitiriz, Candelaria e Muimenta.

Luca´s Grill
Moreno´s Pizza

Na zona sur queda aínda unha xornada en cadanseu grupo, pero só dous postos por decidir no grupo 2A. Río Sil, Oural e Chantada B tamén aseguraron a súa presenza na parte de privilexio da 2ª fase.

Na zona norte, grupo 1A, non houbo cambios no liderado porque os dous posibles campións perderon os seus partidos. O Sanci finaliza a 1ª fase como líder do grupo con 27 puntos. Os pupilos preparados por Jaime Méndez perderon nun emocionante duelo ante a Candelaria.

Deportes Élide

O parroquia da Rúa tivo que aprazar as súas festas patronais (serán a finde do 12-13), pero o seu equipo de fútbol adiantouse a celebración ao finalizar no 4º posto. A súa vitoria ante o Sanci meteunos na parte nobre da táboa.

Na segunda posición colouse o Celta Barreiros cun punto menos ca o primeiro clasificado. Derrotaron precisamente ao outro equipo que pelexará polo ascenso, o Cabreiros.

Fóra dos catro primeiros rematou o Iberia. O cadro de Reinante quedou empatado a puntos coa Candelaria pero condenouno o gol average. Os bos números dos de José Manuel non foron suficientes. Iso que na última xornada tamén cumpriron ao lograr os tres puntos ante o Xermade.

No partido sen moito en xogo, Mondoñedo e Roupar asinaron un empate que non variou as súas posicións na táboa.

Na zona norte, grupo 1B, o Meira xa tiña asegurado dende hai varias xornadas a primeira posición. O Guitiriz tamén estaba clasificado e quedaban dúas prazas pendentes. Nun domingo frenético ata o final o Cospeito aproveitou a súa condición de depender de si mesmo para vencer o Abadín e asegurar o pase.

Pola súa banda, a emoción estivo no Pichón. Con Muimenta e Goiriz con opcións de entrar entrar no cuarto posto. Os de Cora comezaron adiantándose no marcador. Pero o cadro celeste conseguiu a remontada no tramo final de partido. O meirego Julio Jartín asinou un dobrete, cun dos goles nos últimos intres que permitiu o éxito final do club.

Ás portas da clasificación quedou o Matela (empatado a puntos co Muimenta). Cumpriu co seu triunfo ante o Guitiriz pero o gol average condena neste caso ao conxunto preparado por Merino.

Con opcións tamén partía o Fonsagrada. Fixo o seu na casa ante o Meira pero os resultados do resto de equipos non lle permitiron entrar e finalizan na sexta posición.

A 2ª fase comezará a finde do 13 de marzo. Os equipos xogarán contra os rivais aos que non se enfrontaron na primeira fase. Serán polo tanto oito xornadas.

Grupo polo ascenso: (ascende o 1º)

Sanci (5 pts)

2º Meira (5 pts)

3º Celta Barreiros (3 pts)

4º Cospeito (3 pts)

5º Cabreiros (2 pts)

6º Guitiriz (2 pts)

7º Candelaria (1 pts)

8º Muimenta (1 pts)

Grupo pola permanencia (descende o último clasificado)

1º Iberia (4 pts)

2ª Matela (4 pts)

3º Roupar (3 pts)

4º Fonsagrada (3 pts)

5º Xermade (2 pts)

6º Goiriz (2 pts)

7º Mondoñedo (1 pts)

8º Abadín (1 pts)

Na zona sur, grupo 2A, é onde quedan sen definir as últimas dúas vacantes para pelexar polo ascenso á Primeira. Co Becerreá xa confirmado dende hai xornadas e co pase xa oficial do Paradela, o Páramo, a Mila e o Antas xogaranse esas dúas prazas. Queda unha última xornada emocionante co engadido de que o Páramo e a Mila xogan xuntos.

En principio, ante a posibilidade dun triplo empate, o Páramo estaría obrigado a puntuar. Polo que os dous equipos teñen que ir a polo partido para non estar pendentes do que faga o Antas no seu derbi ante o Palas.

No que respecta a pasada xornada, o Paradela (2º) conseguiu unha vitoria de peso ante o Becerreá (1º). Os de Rubén Bergantiños fixeron un dos grandes partidos do curso impedindo que os locais se achegaran con excesivo perigo á portería. Álex Abella foi protagonista do partido con tres goles, o primeiro deles de moita calidade de rabona.

Descansou o Páramo (3º) e a Milagrosa (4ª) deixou sen opcións para a última xornada ao Palas (6º). O cadro capitalino derrotou por dous goles de diferenza os da Ulloa. Fóra da Ulloa, o Antas conseguiu un importante triunfo ante o Santa Comba. Os dous goles chegaron no segundo tempo.

Sen opcións de pelexar ata a última xornada por unha posición na zona alta quedou tamén o Sporting Lucense. Os xogadores preparados por Lolo perderon na casa ante un Corgo que sumou o terceiro triunfo do curso.

Na zona sur, grupo 2B, xogáronse os dous partidos que había pendentes da penúltima xornada. O gran duelo era o do Oural e do Incio. Partido directo para dous equipos con opcións de quedar entre os catro primeiros. O conxunto preparado por Negrete impúxose con claridade ante un Incio que non tivo o seu día. O equipo de Sarrria confirmou a súa presenza na fase polo ascenso e permitiu que tamén asegurara praza o Río Sil.

No outro encontro pendente, o Chantada B (2º) venceu con claridade o Quiroga e asegurou tamén a súa presenza na seguinte fase. No club quirogués, Marquiños tivo que saír de porteiro por indisposición de Izan. A pesar de encaixar cinco goles tivo un bo papel no resto de accións. Gachán tamén regresou como central logo de catro meses de baixa.

Imagen por defecto
Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Artículos: 541

Deja un comentario

Los datos que proporciones mediante este formulario serán tratados por Futbolinlugo como responsable de esta web. La finalidad de la recogida de estos datos se realiza solamente para responder y moderar los comentarios. Estos datos estarán almacenados en los servidores de PROFESIONAL HOSTING, situados en la Unión Europea (política de privacidad de Profesional Hosting). Puedes ejercer tus derechos de acceso, rectificación, limitación y supresión enviando un correo electrónico a diegopolc8@gmail.com.