Pleno territorial da Futgal en Lugo

Os grupos da Segunda e Terceira Futgal xa están compostos

O pleno territorial da Real Federación Galega en Lugo deixou claras as novidades da Segunda e Terceira Futgal para a vindeira tempada, ademais doutras cuestións importantes para o resto de categorías, a nivel federativo e, incluso, a nivel loxístico. O máis importante é que os grupos das últimas categorías xa están compostos e que haberá un descenso máis por grupo en Segunda e un ascenso menos en Terceira de cara a que na 27/28 a penúltima categoría estea conformada por 14 equipos por grupo.

Segunda Futgal

A Segunda Futgal xa ten os seus grupos para o próximo curso. Os tres descendidos da Primeira, Xove Lago, Iberia e Castro, xogarán nun Grupo Norte no que tamén entrán Abadín, Catro Roldas e Mondoñedo. Pola súa parte, as únicas adicións que haberá no Grupo Sur son as dos ascendidos Corgo, O Incio, A Piringalla e Rubián. O calendario de ambos grupos sairá a próxima semana e a liga comezará na fin de semana do 13 de setembro e finalizará o 16 de maio. Os playoffs serán desde o 30 de maio ao 20 de xuño.

No canto do formato de competición, por arriba todo seguirá igual. O campión entra na promoción, mentres que o segundo clasificado xogará a promoción de ascenso. Os dous segundos optarán a un dos tres postos para a Primeira Futgal que se decidirán entre A Coruña, Ferrol, A Costa, Santiago e Lugo. Onde si hai modificacións é por abaixo. Seguindo a aprobación da asemblea do mes de abril, haberá un descenso máis en cada un dos grupos co fin de que na 27/28 a Segunda Futgal estea composta por 14 equipos por grupo. Serán os tres últimos os que baixen.

Terceira Futgal

Co movemento de novos equipos desta tempada, faltaba saber como ían ser os grupos da Terceira Futgal para este curso. 11 clubes conformarán o Grupo Sur coas adicións de Corgo B e Becerreá B e os descensos do Páramo e o Sober, ao que hai que engadir ao Casás que xogaba na Segunda Norte o ano pasado e ao Comercial que cambia de grupo para o Sur. Na outra metade da provincia, á entrada do Río Ouro súmanse os descensos de Castroverde, San Ciprián e Sporting Pontenova. A competición iniciará o 20 de setembro e rematará o 21 de marzo, coa promoción entre o 4 e o 25 de abril.

Seguindo as indicacións da asamblea de abril, neste curso haberá un ascenso menos. O campión seguirá tendo a súa praza directa para a Segunda Futgal, pero o segundo xa non. O playoff de ascenso será desde o subcampión ao quinto clasificado e o seu funcionamento será o mesmo, eliminatorias a dobre partido para acadar un ascenso máis en cada zona. Os que non xoguen a fase de ascenso terán durante o mes de abril e maio o Torneo Delegación.

A posibilidade dos ascensos por arrastre

No pleno territorial abordouse unha das novidades máis importantes do fútbol modesto para a vindeira campaña, que é o cambio de formato da promoción de ascenso da Terceira RFEF. Ademais da promoción directa do campión da liga, este ano xa non existen as eliminatorias territoriais. Todas as que se disputen serán a nivel nacional, polo que Galicia pode optar a máis dun ascenso por esta vía.

Que implica esta novidade no resto de categorías? É moi sinxelo, habilítase a opción a que haxa máis ascensos por arrastres aos mellores clasificados das categorías anteriores. Antes só se podía dar un caso no que se habilitase esta opción, con dous ascensos sen que houbese descenso en Segunda RFEF. Agora, esa opción queda máis aberta para que haxa máis alegrías durante o ano en todas as categorías do fútbol galego.

Preferente e Primeira Futgal, sen cambios

Na Preferente todo segue igual na materia dos arrastres. No caso de haber un, sería o peor decimocuarto o que baixase de categoría e así sucesivamente se aumentan os casos. Na Primeira Futgal, todo mantense da mesma forma na promoción e no arrastre. Haberá tres ascensos por promoción máis os campións de grupo e, na primeira eliminatoria, segundo e terceiro da mesma liga non poden coincidir. O descenso por arrastre continúa aplicando ao peor decimoquinto dos seis grupos e así sucesivamente.

As datas da Copa

A data estimada que puxo a federación para que a Copa Deputación comece a andar será o 3 de xaneiro. As finais, dependendo de se os equipos involucrados entren nalgunha das promocións de ascenso, poderíase ir ao longo de todo o mes de xuño.

Cambios na federación e unha opción con estrela

Este ano hai varios cambios a nivel federativo e cousas que poden estar preto. A primeira é un cambio de nomenclatura, xa que Manolo Vilachá pasa a ser Director Territorial de Lugo, ao igual que os seus homónimos noutras provincias. Ademais, puxeron como retos a ampliación da sede e conseguir ter unha clínica de fisioterapia propia. Outra novidade estará no balón, xa que hai un novo deseño. Polo de agora, poderanse seguir empregando os Adidas doutras tempadas.

A última nova importante chega no referente ao Día do Adestrador, que se celebrará no Auditorio da Xunta no vindeiro 12 de setembro. A federación está traballando en contar con Luis de la Fuente, seleccionador nacional e campión de Europa e do Mundo. Esperemos que se poida concretar a presenza do rioxano para o gusto de tódolos adestradores da provincia.

Os grupos da Segunda e Terceira Futgal xa están compostos

Diario dun mercado. Episodio 539