A loita para acceder á Copa do Rei é cada vez máis intensa para os dous equipos do fútbol lucense que aínda poden acceder ao torneo. O Racing Villalbés viu a cara da moeda esta semana coa súa vitoria por penaltis ante o Estradense na fase galega da Copa RFEF, mentres que a cruz foi para o Guntín, que perdeu por 4-0 ante o Negreira na ida da Supercopa Galicia. Eses serían os primeiros chanzos que poderían facer que un equipo da Primeira División xogase na Magdalena ou no Ladairo, ou incluso un en cada campo de entrar os dous.
Costa arriba para o Guntín
Ao Guntín puxéronselle as cousas moi difíciles para avanzar á final da Supercopa Galicia despois de perder na ida das semifinais por 4-0 ante o Negreira. O gran favorito a reeditar o seu campionato dominou de principio a fin o encontro, mostrando a súa veza maiorcantidadede rodaxe nestas alturas. Alberto Freire abriu o encontro ao comezo e, pese a que o Guntín tivo unha oportunidade moi clara para poñer o empate, Samu Dopazo puxo a segundo antes do descanso. Xabi Sánchez e Fuentes rematarían a goleada para os locais.
O resultado pon as cousas case imposibles, pero o Ladairo será quen dicte a sentenza da eliminatoria. Os de Germán Campos terán que remontar para seguir soñando e medirse na final ao Alertanavia ou ao Auriense. No caso de rematar como supercampións, accederían á fase previa interterritorial da Copa do Rei, que consta dunha eliminatoria a dobre partido contra outro equipo da Preferente ou Rexional doutra Comunidade Autónoma. De conseguir o pase, enfrontaríase si ou si a un equipo de Primeira na rolda inaugural do torneo.
Cinco vitorias necesitan en Vilalba
Pola súa parte, o Racing Villalbés deu un gran paso para pasar á fase nacional da Copa RFEF. O pasado mércores conseguiron pasar á semifinal da fase autonómica despois de gañar na tanda de penaltis ao Estradense por 2-4 (1-1 nos noventa minutos cos goles de Melo para os chairegos no minuto 23 e de Marcos Mella no 58). Na seguinte rolda, os de Juan Rodríguez enfrontaranse ao Bergantiños, único equipo que queda da Segunda RFEF nesta fase despois de que o Antela botase ao Ourense CF.

Neste torneo tiñan dereito a xogar tanto a Sarriana como o Lugo, que quedarán encadrados na fase previa entre eles. Ambos renunciaron para seguir co curso da súa pretempada sen o condicionante do torneo.
Para pasar á eliminatoria nacional, o primeiro que toca é botar na Magdalena aos de Carballo e ser quen de gañar a final da fase autonómica ante o Antela ou o Boiro. Unha vez na fase nacional, para chegar á primeira rolda da Copa do Rei deberán superar tres eliminatorias, o mínimo que lles faría alcanzar as semifinais. Para esta competición xa están dentro equipos como o Compostela, o Salamanca CF UDS, ou o Recreativo de Huelva. Se superan esas roldas, xogarían si ou si contra un equipo de Primeira na rolda inicial da Copa do Rei.
Os precedentes de lucenses na Copa do Rei
Tanto o Racing Villalbés como o Guntín teñen a oportunidade de romper unha mala xeira de dúas tempadas consecutivas sen que a provincia estea representada na Copa do Rei. A última participación foi a do Lugo na 23-24, lembrada por todos debido a que nos dieciseisavos de final medíronse ao Atlético de Madrid no Anxo Carro. Nese tempo no que a participación dos albivermellos era segura, desde a 11-12 ata a 23-24, o que máis preto quedou de entrar foi o Viveiro na 20-21, cando perderon nunha fase previa territorial nos penaltis ante o Ribadumia.
O último participante que non foran os lucenses foi o Xove Lago na 2000-01, cando perderon na fase previa ante o CD Ourense. Outros precedentes históricos son o Viveiro, en múltiples ocasións nas décadas dos 80 e os 90, o Burela nos 90, o Lemos nos 80 e nos 70. Os primeiros integrantes foron tanto o Lemos como a Sociedad Gimnástica Lucense na edición do 1944 como equipos da terceira. Esperemos que nunhas semanas poidamos dicir que hai un novo integrante nesta ilustre lista.
Foto do Instagram do Racing Villalbés


