O partido Fisioterapia Ronda . . . Castro – Pol: choque entre veciños co liderado da primeira fase en xogo

A Primeira Autonómica chega á penúltima xornada da primeira fase. No subgrupo B os dous mellores conxuntos ata o momento, Castro e Pol, enfróntanse o domingo ás 16:30 horas no Arturo Pereiro co liderado en xogo. Arbitrará o colexiado Ibáñez López.

Luca´s Grill
Moreno´s Pizza

O Castro parte con cinco puntos de vantaxe sobre o Pol, polo que un empate serviríalle para manter, de xeito matemático, o primeiro posto. Incluso cunha derrota dependerá del mesmo na última xornada no campo do Acebreiro para rematar esta fase no liderado. A traxectoria ata o momento do cadro dirixido por Xoán Peón é inmaculada. Once triunfos e cinco empates en dezaseis xornadas dan mostra da excelente campaña dun Castro que non perde en partido oficial desde o 8 de marzo de 2020, data na que se paralizaron as competicións por mor da Covid-19. No que vai de temporada tan só o Burela foi quen de arañar un punto no Arturo Pereiro e ninguén foi quen de marcar no seu feudo.

Non lle vai á zaga a campaña do Pol. Se falamos da imbatibilidade do Castro, os do Manuel Luna tan só perderon un encontro nesta temporada, no campo da Veiga diante do Riotorto, terceiro clasificado. Malia todo, no encontro disputado o pasado martes, adiado na xornada 11, estreouse Germán Campos no banquiño do Pol, en sustitución de Manuel Mourelos. O técnico lucense afronta no seu segundo encontro unha auténtica final na procura de rematar a primeira fase no primeiro posto. Para acadar o reto precisa vencer ao Castro, na última xornada ao Lourenzá e agardar o resultado do seu rival desta xornada no campo do Pastoricense.

Deportes Élide

O último encontro no Arturo Pereiro entre Castro e Pol tivo lugar o 8 de febreiro de 2020 e rematou con empate a un gol. Yelko anotou para o conxunto local e Borja Rasilla, hoxe nas filas da Residencia, fixo o empate para o Pol.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

JUANMA (CASTRO)

  • A importancia do encontro. «Creo que calquera mínima vantaxe coa que se poda comezar a segunda fase será determinante polo que afrontamos o encontro con moitas gañas, ilusión e ambición por sacar os tres puntos e rematar primeiros esta primeira rolda de campionato».
  • O Pol. «Agardo un partido con moita intensidade, con presión alta e onde se castigará calquer erro que calquera equipo cometa na súa proposta de fútbol combinativo. Teremos que ter coidado co balón parado. Xaime ten un golpeo exquisito e contan con excelentes rematadores como son Muiña ou Pablo Ruíz, ademáis de tentar impedir que Iván González entre en xogo, que segue a ser un xogador diferencial na categoría
  • «.
  • A clave da boa campaña. «É simple. As cousas ben feitas. Nós, como plantilla do CD Castro non podemos tirar por terra o enorme esforzo, traballo e adicación do corpo técnico e directiva. Iso lévanos a esta traxectoria na que estamos».

IVÁN GONZÁLEZ (POL)

  • Troco no banquiño. «Non podemos sacar conclusións. Germán e Adrián polo momento só estiveron nun par de adestramentos e nun partido. O traballo feito por Mourelos, Santi e Adrián foi impecable e inmellorable. Nós agora afrontamos os próximos encontros con moitas gañas de facer ben as cousas e imos intentar gañar contra o líder da categoría e nun campo onde ninguén marcou ata o momento».
  • O encontro. «Agardo un partido pechado e con poucas ocasións de gol. Agardamos poder xerar perigo coa nosa movilidade en ataque. Do rival preocúpame todo. Son un equipo moi forte fisicamente, moi traballado tacticamente e moi difícil de superar en todalas facetas do xogo. A maioría dos xogadores teñen experiencia en categorías superiores e iso nótase moito. Intentaremos competir o mellor posible e voltar a Pol cos tres puntos».
  • A presión do favorito. «Non creo que nos perxudique ser os favoritos. Ten que servir como aliciente para mellorar en cada partido e dar o mellor de cada un para acadar un obxectivo moi difícil como é o do ascenso».

A AXENDA

TERCEIRA DIVISIÓN

  • Polvorín – Somozas (Sábado ás 17 horas no Municipal de Pol): o encontro dos encontros na Terceira. Primeiro contra segundo. O filial albivermello buscará un triunfo que o distancie en tres puntos do seu inmediato perseguidor e contando con dous encontros máis por xogar que os de ferrolterra.
  • Viveiro – Arzúa (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): nunha inercia positivia de resultados, os mariñáns tentarán darlle continuidade e superar na táboa clasificatoria ao «queixo mecánico», conxunto que tamén pretende afastarse da zona de perigo.
  • Racing Vilalbés – Silva (Domingo ás 16:30 horas na Madalena): os de Simón Lamas precisan dun triunfo que os volva a situar en postos de promoción de ascenso. Enfronte un sempre incómodo Silva que ven de empatar diante do Somozas.

PREFERENTE

  • Residencia – Santaballés (Domingo ás 12 horas na Cheda): ámbolos dous conxuntos contan cos mesmos puntos na clasificación, polo que a vitoria será moi importante de cara a coller vantaxe diante dun rival directo pola permanencia.
  • Lemos – Betanzos (Domingo ás 17 horas na Pinguela): encontro complicado para os monfortinos que buscarán un triunfo que os sitúe con pé e medio na fase de ascenso. Enfronte un Betanzos que está a amosarse intratable e que gañou os últimos sete encontros disputados.
  • Ribadeo – Foz (Domingo ás 17 horas no Pepe Barrera): derbi mariñán con moito en xogo. Os de Dani Moirón precisan dunha vitoria que os manteña con opcións nas últimas xornadas de meterse na promoción de ascenso. Enfronte un Foz que conta cunha das últimas opcións de poder gañar algún posto na clasificación.
  • Sarriana – As Pontes (Domingo ás 19 horas na Ribela): o líder afronta un difícil compromiso diante dos pupilos de Rafa Casanova que suman dez dos últimos doce puntos en xogo.

PRIMEIRA AUTONÓMICA

  • Portomarín – Monterroso (Domingo ás 16:30 horas no Chao da Poza): importante encontro para os dous conxuntos. O cadro local pode sentenciar o liderado do subgrupo, mentres que os visitantes buscan unha vitoria que os sitúe fóra da promoción de permanencia. Os de Diego Díaz prestarán especial atención ao encontro do sábado ás 17 horas entre o Chantada Atlético e o San Lázaro, no que os chantadinos son un dos seus principais adversarios.

SEGUNDA AUTONÓMICA (última xornada da primeira fase nos dous subgrupos do sur da provincia).

Subgrupo 2A

  • Milagrosa – O Páramo (Domingo ás 16:30 horas no Luis Gorgoso): o conxunto local precisa dun triunfo para asegurar a súa presencia na promoción de ascenso, mentres que os visitantes farían o propio cun empate, e incluso cunha derrota, sempre que o Antas non gañe por tres goles de diferencia.
  • Antas – Palas (Domingo ás 16:30 horas no Castro Seoane): diante dun Palas que xa sabe que pelexará pola permanencia, o conxunto local terá que gañar por tres goles de diferencia cando menos e agardar a derrota do Páramo para poder pelexar polo ascenso.

Subgrupo 2B

  • Chantada B – Río Sil (Domingo ás 16:30 horas no Sangoñedo): cos dous equipos empatados a puntos e xa clasificados para a fase de ascenso, está en xogo saber en que postos parte cada un. Co Ferreixa xa co liderado acadado, o Río Sil defende a segunda posición diante do filial chantadino, que cun triunfo pode arrebatarlle esa praza. O Oural tamén é firme candidato e enfróntase ao Brollón nos Medos.

Imagen por defecto
Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Artículos: 499

Deja un comentario

Los datos que proporciones mediante este formulario serán tratados por Futbolinlugo como responsable de esta web. La finalidad de la recogida de estos datos se realiza solamente para responder y moderar los comentarios. Estos datos estarán almacenados en los servidores de PROFESIONAL HOSTING, situados en la Unión Europea (política de privacidad de Profesional Hosting). Puedes ejercer tus derechos de acceso, rectificación, limitación y supresión enviando un correo electrónico a diegopolc8@gmail.com.