A décimo quinta Sesión Plenario tivo o sobrenome de ‘repesca’. O vilalbés Samu López e o meirego Xosé Lourido xogaron por unha praza nos oitavos de final.
Ambos os dous concursantes recibiron o ‘premio’ de ter esta segunda oportunidade por ser dos primeiros valentes que se animaron a participar neste concurso.
Samu volveu representar ao Racing Villalbés B e Lourido ao Meira, aínda que ambos lembraron cando compartiron vestiario no Riotorto.
Nas preguntas desta semana fixemos parada no Club Lemos. Aclaramos en que equipo xoga Daniel Dafonte e soubemos como se chama o Busi do conxunto lemista.


Varremos para a casa e preguntamos por dúas das seccións con máis peso en Futbolinlugo. Por unha banda, o ‘Diario dun mercado’, que conta os movementos dos club da provincia e ‘Os máxicos’ que recollen cada martes o máis destacado da xornada na Primeira Rexional.
Esta semana é considerada para algúns a semana do amor, así que nos quixemos relacionala paixón co fútbol. Cuestionamos polos amores futbolísticos de Miguel Ángel Lorigados Ramallal e de Martín Piñeiro Ferreira.
Démoslles un repaso á xeografía e colocamos no mapa a dous dos equipos do noso fútbol que levan o nome da súa parroquia. O Matela en Outeiro de Rei e o Cabreiros en Xermade.

Por último, salientamos os equipos que na temporada pasada ascenderon dende a Segunda Rexional á Primeira. Nunha campaña tan difícil por mor do ‘calendario pandémico’, o San Ciprián e o Antas subiron de categoría.

Queda unha praza de oitavos
Actualmente xa hai 15 concursantes clasificados para os oitavos de final. Unicamente falta unha praza por cubrir que sairá doutra repesca. Javi Regueiro e Víctor Valiño terán a segunda oportunidade de pasar de rolda.
Nun primeiro momento, esta opción ía tela o dianteiro do Celta Barreiros, Sotogol. Non obstante, ante a súa renuncia vese beneficiado o mediático Regueiro que dera un auténtico recital de humor na Sesión na que participara con Tucho.
Esta sección conta co apoio imprescindible de Plenario Veiga. O xerente de Discoteca Hermo e Bar Tibor (patrocionadores principais deste espazo) tamén colabora no concurso para avaliar as respostas dos participantes.
O redactor Iván Calaza foi o encargado de presentar esta décimo quinta Sesión Plenario que non contou excepcionalmente con Plenario Veiga.

A Mariña E A Terra Chá: O eterno duelo
Entre os quince concursantes que accederon de rolda nesta primeira fase, unha boa porcentaxe pertence a zona norte da provincia. Á espera de que vexades a eliminatoria de repesca Samu López – Lourido, cinco dos clasificados pertencen a Mariña e outros catro á Terra Chá.
Por unha banda, o dianteiro Kiños do Folgueiro, o delegado Manu e a afeccionada Noelia do Burela, o atacante Antón Teijeira do Iberia e o directivo do Lourenzá Oskarinho Docampo. E pola outra, Isaac Rouco do Riotorto, Tucho, Luis Romay do Cospeito e Esteban Carracedo do Catro Roldas.
Andrés Rodríguez (míster da Comercial) deixou quedar ben á capital. Pola súa banda, David Rodríguez (ex árbitro) e o Chapu (presidente do Portomarín) colocaron a Portomarín nos oitavos de final.
O presidente da SD Antas, Koeman e o chantadino Juan Rodríguez (2º adestrador do Racing Villalbés) completan o cadro.

O momento do Racing Villalbés B e do Meira
No inicio da Sesión aproveitamos para falar con Samu e con Lourido dos seus respectivos equipos. Tanto o filial do Racing como o Meira buscan o ascenso de categoría.
O cadro vilalbés busca o ascenso á Segunda Rexional no seu primeiro ano de vida. Polo momento a traxectoria é case perfecta porque non perderon ningún partido.
Non obstante, cando falamos con Samu viñan de dous empates consecutivos ante o Celeiro e o Nausti. «Tivemos dous pequenos tropezos pero todo pinta ben de momento; seguimos traballando», apuntou o futbolista criado nas categorías inferiores do Racing que volveu xogar ao seu club logo do seu paso polo Riotorto.
Esta finde, o conxunto chairego volveu disipar dúbidas e conseguiu unha contundente vitoria ante o filial da Comercial. Segue primeiro con once puntos de marxe sobre o terceiro (os dous primeiros ascenden directos) e quedan quince puntos en xogo.
A actualidade da Terceira Rexional pódese seguir semanalmente na nosa sección do ‘Tres en Raia’, onde destacamos o papel dos nosos equipos.
Pola súa banda, o Meira mantense como líder da Segunda Rexional grupo norte. Ten seis puntos de marxe sobre o segundo, o Folgueiro. Con todo aquí quedan 27 puntos por desputar.
«Por agora imos primeiros pero aínda quedan uns cantos partidos para solucionar ese ascenso. Esperemos que sexa así», comentou Lourido que logo de estar unha boa parte da súa carreira futbolística no Riotorto, podería conseguir un ascenso co club da súa vila.
A actualidade da Segunda Rexional pódese seguir semanalmente na nosa sección do ‘O noso 11 A Chaira’, na que aparecen os futbolistas máis sobranceiros de cadanseu grupo da categoría.