#Entrevistas #Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

Rafa Casanova, CD Castro: ‘Non me marco obxectivos máis alá do traballo diario’

Rafa Casanova ((Friol, 1982) chegou ao Arturo Pereiro o pasado mes de xaneiro tras a dimisión de Juan Peón. Colleu un equipo cheo de dúbidas e, cinco xornadas despois, ese conxunto se atopa en postos de promoción, a tan só catro puntos do ascenso directo. Leva cinco partidos á fronte do CD Castro e suma un total de quince puntos de quince posibles.

Cinco choques, cinco victorias. Un feito de moito mérito nunha competición tan igualada como a Primeira Galicia e que devolveu aos seareiros vermellos a ilusión do ascenso á Preferente Norte. De máis mérito aínda se se ten en conta que o friolés viña dunha etapa difícil no CD As Pontes, do que fora destituido no mes de decembro porque o conxunto non acadaba os resultados agardados.

Furbolinlugo: Cando semellaba que estarías unha temporada lexos dos banquiños, chegou a oferta do Castro. Que che fixo aceptala?

Rafa Casanova: Si, cando saín das Pontes pensei en descansar despois de tantos anos adestrando. Pero Dumi, director deportivo do Castro, díxome se podíamos quedar un día, ensinoume as instalacións e ao persoal, e teño que reconocer que me gustou todo o que tiñan alí. Non me arrepinto e estou moi contento coa miña decisión.



FIL: Saliches de As Pontes loubando o bo traballo do clube a nivel global. Ocorre o mesmo en Castro?

RC: Sí, o que máis me gustou de As Pontes foi que, tendo estado eu en clubes de categorías superiores, non vin que foran mellores que no Poboado a nivel organizativo e de traballo. No Castro pasa o mesmo, están traballando moi ben, cunha gran infraestrutura. Tiven a sorte de estar en dous equipos que están sendo moi serios nos últimos anos.



«Non tes unha vara máxima para cambiar todo en catro semanas.»

FIL: Que está a facer ben Rafa Casanova para mudar a dinámica na que estaba inmerso o CD Castro?

RC: O fútbol son dinámicas e agora nós estamos nunha boa. Juan Peón traballa dun xeito e ten o seu estilo, e nun mes non tes unha vara máxica para cambiar todo… tratei de cambiar algunhas cousas que se axustan ao meu modo de ver o fútbol… pero tamén entran o factor sorte ou o feito de que os xogadores sempre apretan algo máis cun adestrador novo. Pero estamos facendo moi bo traballo e ogallá podamos seguir así.

FIL: Pese á regularidade do Escairón e ao potencial doutros equipos, é posible o ascenso do CD Castro?

RC: Non hai un obxectivo máis alá de traballar día a día. Eu non me marco nada, agora mesmo pensar no Outeiro de Rei (próximo rival). Se vas terceiro, pensar en adiantar ao segundo e así sucesivamente, sen mirar para máis que ao meu. Se a final de temporada podemos ser segundos, mellor que terceiros, e se podemos estar sétimos, mellor que novenos.

FIL: Na túa marcha de As Pontes comentabas que era difícil traballar o aspecto psicolóxico nun grupo de futbolistas de curta idade. No Castro sí que hai unha serie de xogadores experimentados. Axuda este factor á hora de gañar partidos?



RC: Todo ten as súas cousas boas e malas. Á xente nova cústalle máis xestionarse cando as cousas van mal, e quizais a min tamén me custa. Os veteráns saben levar mellor as situacións complicadas, polo menos ás veces. En concreto, os veteráns de Castro entrenan e compiten de marabilla, son un exemplo para todos… Son coma min, gústanos o que facemos. Penso que hoxe en día a xente nova non se consegue implicar en competir ou involucrar tanto no que fai.

FIL: Porén, o Castro conta cun filial no que xogan rapaces con moito talento. Aposta ou apostará Rafa Casanova por eles?

RC: Foi unha das cousas que me motivaron a fichar. Cando o primeiro equipo ten baixas, é moi importante contar cun filial que mellore os adestramentos ou as convocatorias. Juan Peón adestraba con moitos xogadores do B, pero o feito de chegar na metade da temporada é un hándicap porque tes que adaptarte aos xogadores do primeiro equipo. Se o ano que vén sigo eu haberá que valorar se volver a adestrar coma antes, pero de momento estamos contando con 3-4 futbolistas do filial.

FIL: Por outra banda, voltará o teu Friol á Primeira Galicia?

RC: O ano pasado pasámolo mal, as categorías están para algo e non éramos capaces de disfrutar no campo. O obxectivo este ano é entrar entre os cinco primeiros e despois gozar da fase de ascenso. Se podemos ascender ideal, porque todos queremos gañar, e se non a seguir loitando cada semana.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *