#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

O derbi de Xermade resolverá situcións difíciles

Derbi de Xermade

Xermade vive o fútbol dunha forma moi intensa, como demostran os seus catro equipos que están en competición. Na Segunda Futgal Grupo Norte, haberá un dos grandes enfrontamentos a nivel de rivalidade da competición, xa que o Cabreiros recibirá ao Xermade en Da Cea este domingo ás 16.15 horas. Todo nun contexto moi duro para ambos, xa que están ocupando as últimas prazas da táboa clasificatoria.

O Cabreiros non só xoga na casa, se non que ten o recordo máis fresco de derbi gañado, Foi na Copa Concello, onde Xermade celebra que son o único concello con menos de 2.000 habitantes con catro equipos en competición no fútbol sénior masculino. Alí venceron, pero o comezo de curso non está sendo positivo. Son colistas con sete puntos e acumulan catro derrotas consecutivas.

O Xermade está na penúltima posición da táboa, pero a súa experiencia nos derbis pode ser un grao importante. Levan sen perder un encontro ante o Cabreiros de competición oficial desde a 18-19. Desde a última derrota, contan 7 vitorias e 5 empates, e con un 0-4 na 24-25. Suman sete puntos, igual que o seu rival, pero nos últimos catro encontros puideron acadar unha vitoria e un empate

OS PROTAGONISTAS

Álex Cobelo, adestrador do Cabreiros

Situación desde o descenso: Non está sendo doada, sobre todo nos últimos encontros onde se viu unha cara do equipo que non ten moito que ver co Cabreiros do comezo da tempada. Acusamos as baixas, pero temos que dar un pouco máis a nivel colectivo. Falta unha marcha sen balón e as baixas eestán na defensa e no centro do campo. Temos que dar un paso adiante sen balón e ser máis solidarios, que é o que nos está lastrando nos últimos encontros.

Aspectos que necesitan para o derbi: Esta semana non recuperamos lesionados, pero creo que, como adestrador e xogador, os derbis son partidos nos que todo se iguala. Son partidos moi pechados e, pese a que nos falte xente, imos dar un paso adiante pola motivación. Para os dous equipos este é o partido que todo o mundo marca no calendario e pode servir para cambiar a dinámica de resultados.

Xogadores chave dentro do vestiario: Penso que o bon que temos no equipo é que somos todos unha piña. Aínda que os resultados non saian, a xente ven adestrar pese ao traballo e aos estudos. O grupo humano é espectacular. Todo o mundo rema a favor,pero hai xogadores que son chave como Pepe. Desde o primeiro día é unha peza importantísima xa non pola súa xerarquía, senón pola ilusión que transmite. Tamén están Nessi, Marco ou Critof que axudan moito.


Borja Bouza, adestrador do Xermade

Situación do Xermade: Non nos están saíndo os resultados se comparamos cos outros anos. As circunstancias leváronnos a que moitos deixasen o fútbol e outros marcharon. Está costando arrincar, pero o bon que temos é que non perdimos o bon ambiente do vestiario nin as ganas de competir. Teño a esperanza de que comecen a saír as cousas, sobre todo nas áreas.

Aspectos a mellorar: Estamos un paso por debaixo en comparación aos últimos anos na contundencia en área propia e tamén na faceta ofensiva. Estamos tendo algo de mala sorte polas ocasións nas que non chegamos a rematar e ao contrario conseguen marcar. As dinámicas negativas inflúen moito e é dificil sumar. Confiamos en que o derbi nos poida dar ás para iniciar a boa xeira. Confío neste grupo.

Xogadores chave para o derbi: O vestiario é o que se está levantando. Somos un grupo, pero hai xente que leva moitos anos aquí e que viviu sempre estes derbis, que sempre son un partido moi especial para nós. A xente máis veterana, sobre todo os capitáns, transmiten a importancia que ten para a xente de Xermade este encontro. Hai unha gran rivalidade e gañar é moi importante.

A ANÉCDOTA

O encontro xogarase no 29 N, día das eleccións xerais. Pois ollo porque pode afectar ao encontro! Non hai ningún xogador que teña que estar na mesa electoral nin no Xermade nin no Cabreiros, pero si nos corpos técnicos. Álex Cobelo, no que vai ser o seu primeiro derbi como adestrador en partido oficial, pode perderso. Non é seguro, xa que lle tocou ser suplente, pero o medo no corpo está aí. Xa o comentara con Bouza, que está desexando que Cobelo poida librar para sentar no outro banco Da Cea.

A AXENDA

Terceira RFEF

Sarriana-Atlético Arteixo (domingo ás 17.00 horas na Ribela): Despois de sumar ante o Silva no debut de Jaime Paz, a Sarriana terá un novo desafío por diante no que, despois de ver o ritmo do Boiro, cada vez está máis obrigado a non fallar. Diante terán a un xogador da provincia como Quico, que está a un bo nivel e quere seguir aupando a un Arteixo que merodea a promoción.

Preferente Futgal

Burela-Dumbría (domingo ás 16:00 horas na Marosa): A boa xeira dos da Mariña pode ter un novo golpe nesta fin de semana en forma de vitoria. Mídense a un Dumbría que é colista con só cinco puntos. No caso de gañar, os de Julio Castro deixarían na xornada 13 a un equipo a once puntos de diferencia.

Primeira Futgal

Milagrosa-Residencia (domingo ás 16.30 horas no Luis Gorgoso): A capital da provincia terá un derbi no Luis Gorgoso que mide a dous equipos en situacións contrarias. Os de Frigsa teñen a opción de fortalecerse na casa e de alonxarse dos postos de descenso, mentres que os da Cheda terán unha boa oportunidade de manterse nos postos pola promoción de ascenso.

Segunda Futgal

Sarriana B-Paradela (sábado ás 17.00 horas na Ribela): Toca derbi comarcal e, ademais, será no cumio da táboa do grupo Sur. Os de Raúl ían líderes ata o empate da semana pasada, mentres que o Paradela ven de gañar. Empatados a puntos, buscarán dar un golpe na mesa para o que queda de tempada.

Terceira Futgal

Sober-Comercial (domingo ás 16.15 horas en Centeas): O líder do grupo sur da Terceira está nun ritmo practicamente imparable. Pero os lucenses queren loitar por absolutamente todo tendo en conta que este ano só hai un ascenso directo.

Futbol feminino

Milagrosa-Xallas (domingo ás 18.30 horas no Luis Gorgoso): As lucenses marcan o límite da zona baixa do grupo 1 da Primeira Futgal feminina. Con oito puntos, mídense a un Xallas que ten trece. Unha oportunidade para acurtar as distancias para loitar por chegar á segunda fase nun lugar máis cómodo.